Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Construccións deportivas: urbanismo e paisaxismo

Por Xosé Lois Martínez Suárez
Profesor titular de Urbanística na Escola Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña
:: Achegamento ó auxe das construccións deportivas en relacións ó desenvolvemento das cidades, cunha valoración crítica do caso galego e unha proposta de recuperación do modelo de cidade europea. Resumo do relatorio do mesmo título presentado na XIX Semana Galega de Filosofía.

- 06:32 24/07/2002
Tags:

Trátase neste relatorio de mostrar como se ten materializado na estructura urbana da cidade a demanda de espacios destinados á práctica do deporte.

O percorrido histórico iniciaríase no momento da invención de "tipos" arquitectónicos precisos tanto para a práctica do deporte polas elites como grandes instalacións para espectáculos e deportes de masas que terían os seus exemplos máis singulares na cultura urbanística romana, que espalla polo imperio non só un xeito de construír cidades a partir da utilización dunha forma urbana baseada nuns trazados estándar, senón ademais de tipoloxías arquitectónicas que serán referentes obrigados na historia da construcción dos espacios para o deporte nas cidades europeas.

Fronte a codificación e a especialización da urbanística romana, a teoría urbanística medieval nos presenta un modelo de cidade entendido como recinto pechado e amurallado caracterizado no seu interior por ser lugar de complexidade funcional, de mestura de usos pero no que non hai lugar para espacios ou arquitecturas destinados especificamente para a práctica dos deportes.

Só coa aparición na cidade de clases sociais que demandan ámbitos residenciais exclusivos, xurdirán no interior do recinto amurallado ou nos seus bordes espacios que ao tempo que son utilizados como lugares de representación, de relación social e do espectáculo, servirán para o desenvolvemento de actividades lúdicas e deportivas: a Place Royale de París ou o Mall en Londres serán exemplos a analizar pola singular relación que establecen entre tempo libre e práctica de deportes minoritarios. O seu éxito será extrapolado ás extensións urbanas dos séculos XVII e XVIII que terán a súa formulación urbanística exemplar nos "estates" londinienses, nos que os espacios libres como squares, circus ou crescents serviran como incentivos para o desenvolvemento de fragmentos urbanos, auténticos barrios residenciais nos que se pon de manifesto o avance da cualificación do espacio publico e o seu protagonismo nestes novos desenvolvementos urbanos.

Son estas experiencias de construcción de fragmentos urbanos completos, as que van servir de modelo ao longo do século XIX para introducir instalacións para a práctica do deporte primeiro en urbanizacións residenciais exclusivas, e mais tarde, nos grandes parques urbanos que, dentro da cultura hixienista decimonónica, comezaran a realizarse nas cidades europeas.

A crise da cidade pechada e amurallada consecuencia da revolución industrial e da aceleración do crecemento demográfico e da poboación urbana, están nos orixes da urbanística moderna como disciplina autónoma. A reflexión sobre a cidade existente que dende finais do XVIII ven sendo explicitadas por diferentes teóricos, os novos modelos de organización espacial fronte a crise da cidade tradicional derivada da implantación das industrias no seu seno, as grandes propostas para a cidade contemporánea, serán puntos obrigados de referencia para, nun rápido recorrido, comprobar a progresiva preocupación polos espacios especializados destinados ao tempo libre e á practica do deporte. Neste sentido cobran especial significación os traballos desenvolvidos polos urbanistas alemanas, as teorías de Ebenezer Howard sobre a Cidade Xardín, ou o proxecto de Tony Garnier para unha Cidade Industrial.

As Siedlungen construídas na Alemaña de entreguerras, os Hoff de Viena, os Garden-Suburb e as Garden Cities inglesas xunto coas experiencias estadounidenses das Neigborhoods Units e das Green-Belts nos mostraran hasta que punto os equipamentos deportivos son elementos imprescindibles na construcción da cidade contemporánea.

Este protagonismo resultaría referendado polo documento doctrinario por antonomasia da Urbanística do Movemento Moderno, a Carta de Atenas (1933), na que se explicita que "no sucesivo, todo barrio residencial debe contar coa superficie verde necesaria para a ordenación racional dos xogos, e deportes de nenos, adolescentes e adultos".

As lexislacións urbanísticas europeas recollerán a partir deste momento a necesaria previsión de terreos especificamente destinados ás instalacións para a práctica do deporte tanto nos tecidos urbanos da cidade consolidada como nos novos desenvolvementos urbanos: no Estado español estas determinacións serán reflectidas na Ley sobre régimen del suelo y ordenación urbana (1975) e no Reglamento de Planeamiento (1978)

A práctica da construcción das cidades en Galicia estivo sen embargo moi distanciada dos preceptos legais. A cidade como gran negocio foi campo preferente das inversións especulativas, e nela os espacios públicos e as instalación destinadas a equipamentos sociais e culturais, estiveron ausentes durante moitos anos das paisaxes urbanas dos densificados barrios construídos no ultimo tercio do século XX e nos que unha parte importante da poboación galega adquiriu por primeira vez o status de poboación urbana.

As últimas tendencias móstranos a aparición dunha ocupación indiscriminada do territorio como consecuencia da implantación de fragmentos urbanos máis aló dos limites administrativos do termo municipal no que se empraza a cidade central. A producción de áreas residenciais segregadas que se converten en moitos casos en guetos pechados nos que se produce unha apropiación privada dos equipamentos e espacios de uso público (inicialmente estaban previstos para o conxunto da poboación), vai configurando unha forma de desenvolvemento insostible e unha sociedade urbana desestructurada na que a efectividade e utilidade dos equipamentos (tamén dos deportivos) como elementos de cohesión social resulta seriamente afectada.

A última parte da ponencia quere poñer o acento na necesidade da asunción dunha nova cultura urbana, que poña en primeiro termino a recuperación do modelo de cidade europea fronte á desagregación inducida polas prácticas urbanísticas ultraliberais. Abriríase así a posibilidade dun crecemento equilibrado da cidade no que os equipamentos deportivos a escala de barrio, xunto co resto de equipamentos socioculturais, xogarían o papel de ámbitos simbólicos nucleadores e vertebradores da cohesión social e forxadores da sempre necesaria identidade á escala intermedia entre o individuo e a cidade.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: