Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Intervencionismo sobre as instalacións deportivas

Por Eduardo Blanco Pereira
Profesor Titular no INEF-Galicia da Universidade da Coruña de Estructura e Organización das Institucións Deportivas
:: Análise crítica da Lei 11/1997, de 22 de agosto, Xeral do Deporte de Galicia que permite a intervención da Administración nas asociacións deportivas galegas, entidades de dereito privado. Resumo do seu relatorio "Deporte e política: intervencionismo nas asociacións deportivas galegas" presentado na XIX Semana Galega de Filosofía.

- 06:32 24/07/2002
Tags:

Nesta relatorio pretendemos analizar o conflicto entre o dereito público e o privado que aparece, segundo o noso criterio, na Lei 11/1997, de 22 de agosto, Xeral do Deporte de Galicia, significando aqueles artigos que poden ser cualificados de intervencionismo sobre as asociacións deportivas galegas, consideradas entidades de dereito privado. O intervencionismo chega a tal grao que presuntamente algúns artigos da Lei poderían ser declarados inconstitucionais porque supoñen unha intromisión da Administración na actividade privada das asociacións deportivas galegas.

A Lei Xeral do Deporte de Galicia mencionada, independentemente das figuras asociativas de ámbito estatal contempladas na Ley del Deporte de 1990, presenta un novo modelo asociativo de demarcación autonómica definido polas seguintes figuras asociativas:

- clubes deportivos
- agrupacións deportivas escolares
- federacións deportivas galegas
- ligas profesionais
- entidades de fomento deportivo

Atopámonos cun exceso cando a lei galega recolle da lei estatal (arts. 36.1 e 43) unha serie de cautelas e potestades da Administración, cuxos artigos temos de reproducir e analizar especificamente, que se aplican sobre as federacións deportivas españolas e, nalgún caso, sobre as ligas profesionais, pero que a lei galega xeneraliza a todas as asociacións deportivas, o que conleva un intervencionismo da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia que non ten parangón, sobre de todo, cando “... pode afirmarse xa que o libre exercicio do dereito de asociación comporta a desaparición de calisqueira facultades administrativas que poidan condicionalo ou limitalo. E, así mesmo, deben entenderse igualmente incompatibles as facultades de supervisión das actividades das asociacións, correspondendo tales, única e exclusivamente --como se verá despois--, a xuíces e tribunais (art. 22, núm. 4, da Constitución)”, tal como afirma Germán Fernández na páxina 112 do seu libro Asociacións y Constitución .

A lectura dos artigos 18 e 19 da lei galega suscita serias dúbidas verbo da súa admisibilidade constitucional xa que o dereito de asociación, que está presente tamén na constitución de asociacións deportivas, ostenta a maior protección xurídica dispensada polo noso ordenamento e dado que a interpretación deste dereito fundamental ten que facerse en base ó principio de liberdade como valor superior do ordenamento xurídico, conforme ó expresado polo Tribunal Constitucional (Cfr. STC 132/1989, de 18 de xullo, FJ 6º).

A Administración autonómica de Galicia, a través dos artigos referidos, atribúese unha autoridade exorbitante, que conculca o principio de autoorganización, e exerce, ó noso entender, o control xudicial que deberían realizar os tribunais ordinarios. Se o control e intervención se realizasen só sobre as federacións deportivas galegas, poderían ser xustificados en virtude do exercicio de funcións públicas delegadas que ostentan, pero os artigos mencionados fan referencia, sen distinción, a todas as asociacións deportivas.

Con independencia do que vimos de expoñer, pasamos a centrármonos agora no parágrafo cuarto do artigo 22 da Constitución española que di: “As asociacións só poderán ser disolvidas ou suspendidas nas súas actividades en virtude de resolución xudicial motivada”, co que semella que se opón ó artigo 18 no seu apartado d) que di referencia á competencia da Administración autonómica sobre “Suspender ou anular os acordos adoptados polos órganos de goberno das asociacións deportivas...”. Circunstancia esta última que o Tribunal Constitucional inclúe dentro do núcleo esencial do dereito de asociación. Neste senso, a STC 67/1985, de 24 de maio, no seu FJ 3º, apartado B) di que o respecto ó contido esencial do dereito de asociación esixe a aplicación do disposto no artigo 22.4 en orde a que as asociacións só poderán ser disolvidas ou suspendidas nas súas actividades en virtude de resolución xudicial motivada. Aspecto no que incide tamén a STC 115/1987, no seu FJ 3º, que engade ademais que

O que a decisión se adopte por un órgano xudicial desde o momento inicial, e non se reduza a un momento posterior de control xudicial da actividade administrativa, supón de forma preceptiva unha garantía tradicional moi importante, por ser a vía xudicial a máis axeitada para interpretar e aplicar as restriccións ós dereitos fundamentais.

Os artigos 18 e 19 supoñen, xa que logo, un exceso de intervencionismo sobre as asociacións deportivas nos que se aprecian posibles trazos de inconstitucionalidade. As cautelas e garantías que se establecen en ámbolos artigos só estarían xustificadas na aplicación exclusiva sobre as federacións deportivas galegas, no exercicio das funcións públicas que teñen delegadas, pero carece de sentido xeneralizalo a todas as asociacións deportivas que contan con órganos democráticos e que, en todo caso, deberán ser os tribunais os que actúen cando se produzan conflictos ou situacións anómalas. Neste sentido, no libro xa citado de Germán Fernández, na páxina 17, lémbrasenos que ”...cun asociacionismo feble e supeditado nas súas diversas manifestacións ó poder público, non hai democracia nin sistema de dereitos e liberdades, e si grave risco ou perigo de arbitrariedade ou de despotismo”.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: