Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Xénero e novos e non tan novos espacios sociais

Por Núria Puig Barata
Catedrática de Socioloxía do Deporte no INEF de Cataluña
:: Arredor dos estereotipos asociados ós homes e as mulleres como condicionantes da súa participación no deporte nas sociedades avanzadas.

- 06:32 24/07/2002
Tags:

Entendo por cultura todos os aspectos da vida material, intelectual e espiritual que constitúen unha sociedade. Así, as formas de vida, os comportamentos, os valores, os gustos (gastronómicos, deportivos, artísticos...) son cultura. É así como os estereotipos asociados a homes e mulleres, os roles que socialmente se asignan en razón do sexo, os valores e normas atribuídos a cada cal e mesmo as leis que lles dan forma legal a estas relacións constitúen un punto de mira excepcional para comprendermos unha sociedade, a súa vida material, intelectual e espiritual; a súa cultura, en suma. As relacións de xénero, xunto coas de clase, son un aspecto fundamental para entender as relacións sociais e as estructuras e formas de organización que se derivan destas.

O obxectivo do relatorio é analizar a situación no deporte da muller das sociedades avanzadas tendo como pano de fondo as relacións de xénero que se dan nelas. Estas condicionan o modo de facer e de sentir deportivos das mulleres así como as súas interaccións cos homes neste contorno; interaccións que se dan en termos de igualdade, de desigualdade e de opresión. Esta triple perspectiva é necesaria porque inda que se deba recoñecer que a única revolución que tivo éxito no século XX fose a das mulleres das sociedades avanzadas e que, en consecuencia, tamén vivisémos a súa "revolución deportiva'' (García Bonafé, 2001), non é menos certo que persisten situacións que perpetúan a súa desigualdade e ata opresión. O panorama é moi complexo xa que se por un lado se crearon espacios sociais novos e favorables para a práctica deportiva das mulleres, polo outro hai enormes resistencias para que estes se amplíen e adquiran presencia no deporte.

Para dar conta de todo iso pareceume oportuno utilizar os tres grupos de perspectivas teóricas que configuran a socioloxía feminista (Madoo Lengermann/Niebrugge-Brantley, 1993): a da diferencia, a da desigualdade e a da opresión. En cada un destes grupos de teorías ofrécense puntos de mira que serven para analizar unha parcela da realidade.


Dúas culturas deportivas en interacción

A tese inicial foise confirmando con novas achegas empíricas. A súa formulación é a seguinte: a medida que as españolas foron accedendo ó deporte, lonxe de reproduciren comportamentos masculinos, modelárono segundo outros parámetros de modo que, analizando as sucesivas enquisas sobre hábitos deportivos da poboación, pódese falar de "formas diferentes de relacionarse co deporte'' (García Ferrando, 1997:216). É así como, no momento actual, a sociedade española xerou o marco para a emerxencia dunha cultura deportiva feminina que reflicta os valores e modos de facer propios da socialización das mulleres: os espacios e tempos do deporte, as organizacións preferidas, os tipos de deporte, etc., diferéncianse dos masculinos. Podemos, así, falar da existencia de dúas culturas deportivas, unha masculina e outra feminina que interactúan pero que, cada unha por si soa teñen trazos diferenciados con relación á outra.

En síntese, o que quero dicir ó falar de dúas culturas é que a experiencia das mulleres no deporte difire da dos homes, calquera que sexa o tipo de deporte. Para ver estas dúas culturas foi necesario adoptar unha perspectiva que parte da presuposición segundo a cal: "A localización das mulleres e a súa experiencia na maioría das situacións difire da dos homes nesas mesmas situacións'' (Madoo Lengermann/Niebrugge-Brantley, 1993:364). Estoume a referir ás teorías feministas da Diferencia.

As teorías da Diferencia foron moi criticadas por considerar que aceptar a Diferencia era perpetuar a desigualdade e a opresión. Recentemente, sen embargo, son entendidas como o modo de achegarnos á vida das persoas desde a súa individualidade, polo que son e non en oposición a outros ou outras (Balbo, 1999; Bochetti, 1996; Martín 2001; Subirats, 1998). No noso caso, trátase, pois, de entender o mundo das mulleres desde as súas vivencias, as súas atribucións de significado, os seus valores, a súa tradición... Inda que a vida das mulleres discorre no seo dunha sociedade patriarcal, as teorías da Diferencia permiten dar luz á individualidade feminina. Iso significa que, sen esquecer situacións de desigualdade e opresión con relación ó xénero masculino (ocupareime diso noutros apartados deste relatorio), vaise máis aló e examínase en concreto o que as mulleres achegan especificamente á vida social, ó deporte no caso que nos ocupa.

Montse Martín (2001) explica como o recoñecemento da igualdade de dereitos das mulleres fronte ós homes se prestou a minusvalorar o mundo das primeiras en favor dos segundos. Verbo disto escribe: "Reivindicando a igualdade mellórase a situación social das mulleres fronte ós homes pero asemade recoñécese que o xénero masculino e as actividades masculinas son as máis importantes e as que todo ser humano, independentemente do sexo con que naza, ha de tender a desenvolver'' (Martín, 2001:84). Algo similar é a reflexión de Simmel (1999) cando considera que o mundo obxectivo non é o dos seres humanos senón o dos homes e pídeselles ás mulleres que abandonen a súa propia subxectividade ó entraren neste suposto mundo obxectivo. Propondo analizar a contribución das mulleres á vida social, polo que son e non en oposición binaria respecto dos homes, tómanse outros parámetros de medida e, por mor diso, "vense outras cousas'' que doutro modo carecerían de interese.

En España practican un deporte ou máis un 46% dos homes e un 27% das mulleres. A influencia dos valores e normas adquiridos durante o proceso de socialización é importante para este feito. Asócianse ó deporte valores tradicionalmente considerados como masculinos (competir, ser o mellor, forza, potencia, ter éxito...) razón pola que moitas mulleres, se non tiveron unha educación deportiva, non se senten atraídas pol el. Polo que respecta ó interese polo deporte, o dos homes é un 23,3% superior ó das mulleres (71,6% con relación a un 48,3%).

A imaxe dos homes fronte ó televisor abraiados por un partido de fútbol ou de baloncesto e a das mulleres non interesándose por el e/ou reivindicando outro aparello para veren o que lles apetece é familiar en moitos fogares. Todo pode cambiar cando a retransmisión é de patinaxe artística ou ximnasia rítmica, deportes que requiren maior expresividade, acompáñanse de música e son, cando menos en aparencia, menos competitivos.

Porque de fixármonos na competición ou na opinión que se ten dela e se se fai ou non no momento de practicar algún deporte vemos que é cando se aprecian maiores diferencias entre homes e mulleres. Un 19% dos homes que practican deporte participan en competicións mentres que a porcentaxe de mulleres é de un 8%. O mesmo ocorre coa posesión dunha licencia federativa (26% de homes e 9% de mulleres) ou o marco no cal se realiza actividade deportiva organizada. Os homes frecuentan os clubs deportivos tradicionais mentres que as mulleres se dirixen ós servicios municipais ou á oferta comercial. Cando se trata de deporte sen competir a relación invértese: 57% dos homes fronte a un 80% das mulleres. (...). Máis da metade dos homes que practican deporte, xogan a fútbol xa sexa en campo grande (34%) ou fútbol sala e similares (22%). Inda que o fútbol sala teña un carácter máos recreativo que o practicado en campo grande, trátase dunha actividade de sociabilidade masculina coa que as españolas teñen pouco que ver. Prefiren, en cambio, a natación (53%) —que debe ser entendida como unha práctica de mantemento ou recreativa segundo as épocas do ano—, o aeróbic, a ximnasia rítmica e a danza (29%) e a ximnasia de mantemento (22%) actividades todas elas que reproducen os patróns tradicionais do estereotipo feminidade en España.

Esta diferenciación dun mundo masculino e un feminino no deporte reprodúcese ó analizármos os motivos de práctica. "Facer exercicio'' é o primeiro motivo aducido por homes e mulleres, 56% e 61%, respectivamente. No caso dos homes vén, a continuación, "por diversión e pasar o tempo'' (50%) e "porque lle gusta o deporte'' (38%); para as mulleres "por manter e/ou mellorar a saúde'' (37%) e "por diversión e pasar o tempo'' (36%). é significativa a gran diferencia que hai no caso de "por manter a liña'' (20% as mulleres e 9% os homes) Finalmente, inda que a competición deixou de ser un motivo importante para practicar, no caso das mulleres inda o é menos que no dos homes, 2% respecto do 5%.

O interese das diferencias mostradas nestes datos xerais confirman o que en investigacións de tipo cualitativo aparece repetidamente: as mulleres achegaron ó mundo do deporte os modos de facer e mailos valores que adquiriron no seu proceso de socialización. Ó chegar a un mundo que desde as súas orixes foi dos homes, non copiaron os modos de facer destes senón que o fixeron seu. Para Montse Martín (1999: 28 e ss.; 2001), que se basea nas propostas de Bourdieu, as persoas que practican deporte configuran un campo con interaccións, diversidades, conflictos xerados polos capitais (económico, cultural, social e simbólico) de que son portadoras e que son específicos en cada situación. Cada campo é único e diferente dos demais. De aí que as mulleres configuren os campos deportivos de modo distinto ó dos homes.

Poderíase crer que a cultura deportiva feminina só se manifesta no deporte recreativo e que, sen embargo, no momento de acceder ó deporte de alto nivel, as mulleres terminan por adoptar formas de comportamento próximas ó estereotipo hexemónico de masculinidade. Este deporte ten uns requisitos que se apartan do que se considera feminino: competir contra os demais, control emocional que permita lograr o máximo rendemento, aproveitar ó máximo as incertezas do regulamento para sacar proveito en beneficio propio ou do equipo, proxecto individualizado construído a longo prazo coa finalidade de alcanzar o éxito (a preparación é longa e mesmo dolorosa)... Non hai dúbida de que as mulleres que optan por este tipo de deporte son capaces de xestionar os requisitos que tal práctica esixe. Agora ben, inda así, seguen creando un mundo cultural propio que chega ata o mesmo modo de practicar e as transformacións que introducen nas tácticas de moitos deportes.

É moi interesante, tamén, ver como a práctica destes deportes se converte en algo moi importante para as vidas destas mulleres. O reto que lles presentan, o éxito e as derrotas, as amizades, o recoñecemento obtido, os esforzos feitos por superaren os malos momentos, os desprazamentos e as concentracións... configuran un mundo a través do cal construíron a súa identidade e autoestima. Numerosas investigacións efectuadas en todo o mundo dan proba diso.

Algo moi propio das deportistas de alto nivel e que as diferencia dos seus compañeiros é o modo como teñen de percibirse a si mesmas e o contorno institucional onde están. Inda que resulte paradoxal teñen maior autoesixencia a pesar de que son obxecto de maiores discriminacións. Consideran que elas son unha dificultade que lles impide seguir avanzando. Os homes, polo contrario, inda estando moito máis favorecidos polas institucións, son moito máis críticos respecto destas (Puig, 1996). Este comportamento é similar ó que se observa noutros ámbitos, en especial o mundo do traballo e outras actividades relacionadas coa esfera pública (políticas, directivas, presidentas de asociacións...). Naqueles mundos que tradicionalmente non foron considerados propios das mulleres, estas teñen a percepción que han de conquistar un terreo que ós homes lles vén dado polo simple feito de séreno.

Por último, é necesario prestar atención ó reto lanzado por Mila García Bonafé ó afirmar que o deporte feminino de elite é o deporte intelixente (García Bonafé, 2001). Para a autora, "as mulleres transformaron a práctica deportiva nun conxunto de accións nas que a intelixencia motriz, o uso intelixente do espacio teñen como consecuencia que deportes como o tenis ou o fútbol, por citarmos dous moi diferentes, alcanzasen un nivel de competencia que a mellora física por si soa non pode conseguir'' (García Bonafé, 2001:67). O que a autora suxire é que as mulleres tamén proxectan no mesmo deporte —na súa técnica e na súa táctica— aspectos propios do seu ser.

Culturas deportivas individualizadas

A individualización é un proceso que caracteriza as sociedades modernas e é consecuencia dos cambios estructurais que nelas se produciron (demográficos, sociais, laborais, educativos...) Tales cambios conduciron a unha diferenciación progresiva dos sistemas sociais (educativo, profesional, deportivo, medios de comunicación...) que son cada vez máis autónomos e esixen patróns de comportamento diferenciados. Xa non valen normas xerais senón que varían consonte as situacións e as persoas que interactúan nelas. Hai, en definitiva, unha maior individualización dos comportamentos.

Para Bette (1995) o proceso de individualización dálle maior autonomía á persoa fronte ó peso das institucións sociais. Se ben estas ofrecían seguridade —non había que tomar decisións por si mesmo ou por si mesma— ó mesmo tempo eran moito máis restrictivas respecto da liberdade e o quefacer individuais. A modernización debilitou as posicións sociais asignadas en favor das tomas de posición individualizadas.

Os estereotipos asociados ó xénero víronse afectados por todo este proceso; nas sociedades avanzadas, estes fóronse facendo menos ríxidos, debilitáronse e favoreceron outras formas de identidade de xénero menos acordes co mandato tradicional.

Aínda así, convén recordar que o acceso á individualización se fixo a ritmos diferentes segundo as persoas foran homes ou mulleres (Subirats, 1998). Para os homes chegou cos mesmos inicios do capitalismo. Á vez que o éxito profesional pasou a converterse na medida do que un home valía, comezaron a romperse os vínculos que freaban este desafío persoal. Era necesario maior grao de liberdade que o ofrecido polos vínculos tradicionais para darlle curso á creatividade que daría paso ó impulso industrializador.

As mulleres, en cambio, ó ter encomendadas tarefas do ámbito reproductivo seguiron sometidas ós vínculos tradicionais e toda transgresión do estereotipo hexemónico era duramente sancionada. Consonte Marina Subirats (1998) "a situación de individualización masculina fronte ó mantemento do mandato xenérico para as mulleres implicou un desequilibrio que estas non puideron soportar, e que se foi agravando a medida que o proceso de individualización se universalizaba entre os homes''.

O cambio de esquemas de valores tendentes a valorar o éxito individual foi estendéndose de tal xeito que "o primeiro impulso do feminismo moderno (...) vai no sentido de conseguir o dereito á individualización para as mulleres'' (Subirats, 1998). Co paso do tempo, e sobre todo, na segunda metade do século que agora finaliza o recoñecemento da propia individualidade converteuse en patrimonio de moitos homes e mulleres das sociedades desenvolvidas.

A masculinidade hexemónica —no deporte e fóra do mesmo— é cada vez máis obxecto de críticas. A evolución do sistema deportivo —dentro do cal, como xa vimos, as mulleres adquiren un protagonismo crecente— o hedonismo ascendente, os cambios de valores na sociedade post-industrial etc. xeraron patróns de relación co corpo e de comportamento contra o que representa a masculinidade estereotipada levada ó extremo: lesións de por vida, brutalidade e agresividade no trato cotián, homes que xa no saben qué ou quén son... (Messner, 1985; 1990). Hai unha reacción social xeralizada contra estes extremos.

Michael Klein (1990) reivindica facer visibles "os lados ocultos da masculinidade'', algo que Aarto Tiihonen (1994) exemplifica moi ben a través da súa autobiografía de deportista asmático. As súas propostas consisten en revalorizar aquelo que a principio de século era tabú para os homes e que, en consecuencia, non podían mostrar. As emocións, as debilidades, as inseguridades poden pórse ó descuberto e non ser negadas.

As desigualdades persisten

A visión dada no apartado anterior pode suxerir un xuízo quizais excesivamente optimista da situación deportiva analizada desde a perspectiva do xénero. Negar, actualmente, a existencia dunha cultura deportiva feminina representaría ter tanta cegueira como considerar que as dúas culturas —a masculina e a feminina— están en condicións de igualdade e son identicamente recoñecidas. A cultura masculina segue a ser a hexemónica e prodúcese e reprodúcese como tal. A feminina, pola contra, é invisible, está discriminada tanto voluntariamente como polo simple feito de darse no marco dun sistema patriarcal que se rexe polas normas, sistemas de valores e poder masculino.

A contribución das mulleres á vida social non é, en termos xerais, valorada igual cá dos homes. O que elas fan non se considera tan importante como o que eles fan. Así, chegamos a situacións tales como que se suxire que cobremos pensións de xubilación inferiores porque vivimos máis, hai menos mulleres que traballan ou traballan menos anos. Aínda que hoxe en día a reacción a unha proposta deste tipo adoita ser de rexeitamento, pregúntome se non é máis porque non é politicamente correcto que porque moitos non o crean. Está claro que, fóra da máis que frecuente dobre xornada (traballo no fogar e traballo profesional), a contribución esencial realizada polas mulleres —e escasísimos homes— mediante o complexo traballo de coidado non se ten en consideración —é invisible— aínda que sexa fundamental para o devir de calquera sociedade.

É así como unha cidade ou unha rexión desexa facer unha valoración sobre a situación do seu sistema deportivo e propoñer estratexias de futuro, tende a elixir maioritariamente a homes nos foros de discusión. Estes discutirán o que convén a todos e a todas. Decidirano evidentemente segundo as súas percepcións e vivencias que, como xa vimos en páxinas anteriores, son ben diferentes das das mulleres.

Vaiamos agora ó caso do deporte de alto nivel porque, en relación con estas maneiras diferentes de 'medir' segundo se trate de homes ou mulleres, é máis paradoxal do que parece.

En total, posúen licencia federativa nalgunha das 55 federacións nacionais existentes en España e que proporcionaron datos desagregados segundo xénero, 375.139 (20%) mulleres e 1,860.628 (80 %) homes (García Ferrando, 1997). A diferencia é moito maior ca no deporte de ocio. Ademais, segundo o deporte que se trate a participación de mulleres é maior ou menor (García Ferrando, 1997). A existencia de mulleres é moi escasa en deporte aéreo, automobilismo, billar, bolos, boxeo, ciclismo, colombófila, fútbol, motociclismo, petanca e rugby. Unha distribución máis equilibrada atópase en atletismo, baloncesto, balonmán, deportes de inverno, esgrima, golf natación, patinaxe e tenis. En ximnasia e voleibol o número de licencias femininas supera o das masculinas. Estes datos xerais tamén se repiten en análises de ámbitos xeográficos máis reducidos como é o caso do estudio realizado por Gambau (2001) en relación cos equipos de competición dos clubs deportivos en Galicia.

A menor presencia de mulleres no mundo do deporte federativo tamén se reflicte na participación dos equipos españois nos XXOO. En total, o 86% dos participantes foron homes e o 14% mulleres aínda que desde Barcelona 92 a proporción de mulleres incrementouse considerablemente (Consello Superior de Deportes, 2000).

Podería pensarse que a desigualdade no trato se debe a que as mulleres están menos interesadas polo deporte de alto nivel e a


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: