Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

XX anos de historia da Aula Castelao de Filosofía

Por Aula Castelao de Filosofía
Obxectivos, historia e principais actuacións desta asociación de filósofos e filósofas que conta cunha delongada traxectoria como organizadora das Semanas Galegas de Filosofía en Pontevedra e con moitas publicacións.

- 06:32 24/07/2002
Tags:

No ano académico 81-82 constituíase en Pontevedra a Aula Castelao de Filosofía tendo por obxectivos a anovación temática e metodolóxica no campo da Filosofía -prestando especial atención ao profesorado de Ensino Medio- e a normalización da nosa lingua, principalmente no ensino. Nestes vinte anos que agora se cumpren levou a efecto grande cantidade de conferencias e ciclos (Castelao, Marx, Xuventude, Perestroika, Portugal, Engels, Filosofía e Ensino, O Manifesto Comunista...), tomou parte en diversos Congresos, xornadas pedagóxicas..., e reuniu nos seus arquivos unha inxente documentación: centos de horas de gravación en casete ou filmada, traballos inéditos, dosieres de prensa, fichas bio-bibliográficas, correspondencia, etc.

No que atinxe a publicacións, sería prolixo enumerar a grande cantidade de información xerada en xornais, semanarios, revistas, radio ou televisión. Múltiples ponencias do noso Congreso anual figuran en revistas ou libros de ensaio. Membros da asociación, seguindo os obxectivos marcados, editaron -en equipo ou individualmente- investigacións sobre pensadores galegos e estranxeiros como: Celso Emilio Ferreiro, Bouza Brey, Xoán Vicente Viqueira, Amor Ruibal, Indalecio Armesto, Ricardo Mella, J. P. Sartre, E. Fromm, Garaudy... Así mesmo sobre Feminismos, Literatura Iberoamericana, movementos alternativos... Son merecedores dunha mención especial os libros de texto e outros materiais para o ensino medio nos campos da filosofía, da xeografía e da historia. Entre os ensaios editados figuran: Antón Losada. Teoría e Praxe (Vigo, 1984, 2ª ed. esgotada); O pensamento galego na historia. Aproximación crítica (Santiago de Compostela, Servicio de Publicacións da USC, 1992, 2ª ed.); Postmodernidade e Poder (Vigo, 1989); América Latina. Entre a realidade e a utopía (Vigo, Xerais, 1992), Filosofía e Xénero (Vigo, Xerais, 1996), Filosofía e Lingua. A loita polas palabras (Santiago de Compostela, Laiovento 1997), Globalización e Cambio de Milenio (Vigo, 2001).

Mais, sen dubidalo, as actuacións de maior relevo veñen sendo as Semanas Galegas de Filosofía que chegará no próximo ano á vixésima edición.

Un grupo de amigos, filósofos, profesores da Ensino Medio, iniciaron fai quince anos a andaina do que é hoxe un foro crítico, interdisciplinario e aberto á totalidade de niveis do ensino e mesmo a outros sectores sociais que teñan por meta o exercicio de autocrítica da razón.

A actualidade e a visión holística presidiron a temática e a posición en escena das semanas e do resto de actuacións, acudindo como relatores un considerábel número de intelectuais galegos, unha importante lista de filósofos españois afamados e unha boa escolma de pensadores europeus, americanos e, inclusive, asiáticos e africanos.

Centrándose nas Semanas de Filosofía cómpre dicir que Pontevedra está a ser todos os anos na semana de Pascua obrigada cita de galegos e non galegos preocupados por estar ao día e por facer acopio de materiais para as suas aulas, convencidos de que facer filosofía é ser capaces de traducir en ideas os problemas vivos, acuciantes e prementes de cada época. Estudiantes universitarios, máis numerosos en cada ocasión, profesores das diferentes escalas, público non relacionado co ensino, acuden a esta vila e fan boa esa tradición, que non debemos deixar que mingüe, de ser cidade de fortes inquedanzas culturais. As semanas, con temas como Teoría e Praxe, Ética, Ensino, Ciencia e Sociedade, Identidade, Poder, Ecoloxía, Latinoamérica, Nación, Relixión, Democracia, Xénero, Lingua, Traballo, Filosofía, Filosofía e Autodeterminación, Filosofía e Cambio de Milenio, Filosofía e Tecnoloxía son formento que leveda a masa de todo un ano laboral, abrindo vieiros, proporcionando bibliografía actualizada, permitindo que se fagan públicas todo tipo de pescudas sobre o tema ou didácticas, facilitando contactos e intercambios, favorecendo a xestación de traballos en común, tornando fácil a dirección de tesiñas e teses, etc., etc. Son, sen dubidalo, unha boa ocasión non somentes para a complementación intelectual senón para o medre das relacións humanas e da amizade.

Vinte anos son xa moitos para unha iniciativa que vive do ánimo dos seus integrantes e do apoio constante de todos e todas os que cada ano asisten e participan nas Semanas Galegas de Filosofía, que potencian os debates e reclaman cada ano que a Aula Castelao continúe sendo o, a estas alturas, xa máis consolidado foro de pensamento crítico dos que se celebran en Galicia. O ano que vén cumpriremos dúas décadas de historia e a cita antóllasenos de comemoración feliz. E, desde a Aula Castelao de Filosofía, non se nos ocorre mellor festexo que congregar en Pontevedra a algúns dos máis destacados intelectuais e escritores que nos visitaron nestes vinte anos de encontros. Figuras de referencia que xa pasaron por Pontevedra e que saben que, nesta semana, teñen ao seu dispor un amplo auditorio para as máis sabias e libres leccións.

Aula Castelao de Filosofía
Apartado 332 - Pontevedra
aulaca@teleline.es


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: