Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Diante da XIX Semana Galega de Filosofía

Por Carme Adán Villamarín
Coordinadora da Aula Castelao de Filosofía
:: Texto de presentación da última Semana Galega de Filosofía, que tiña por tema "Filosofía e Deporte".

- 06:38 24/07/2002
Tags:

A Aula Castelao de Filosofía chega a esta decimonovena edición da Semana Galega de Filosofía logo de ter percorrido un amplo camiño que se conduciu sempre por un obxectivo claro como é avivar o pensamento crítico e o debate aberto sobre temas que non lle fosen alleos á sociedade do noso tempo. Convidamos con este fin a numerosas e plurais voces que conseguiron converter a Pontevedra en centro de encontro de ideas, mesmo adiantando temas que logo se habían de converter no cerne dos debates intelectuais máis actuais cando visitamos, por exemplo, asuntos como a globalización, a autodeterinación, o xénero ou a tecnoloxía.

Con este horizonte abordamos agora un tema de indiscutible presencia no mundo no que nos movemos. Foron moitos os que mostraron o seu asombro cando a Aula Castelao anunciou que a decimonovena Semana Galega de Filosofía ía abrir o seu foro para que o deporte fose o protagonista do programa do congreso. Mais achamos que na traxectoria das Semanas Galegas de Filosofía non podía ficar sen abordar un dos temas que máis controversias e paixóns suscita, nomeadamente, o deporte. É innegábel o papel que as prácticas deportivas e todo o mundo que se move ao seu redor desempeñan nas sociedades contemporáneas. É unha parte da sociedade e da cultura que afecta de xeitos moi variados a vida de individuos e de grupos sociais. Estamos diante dun poliedro que se pode mirar desde distintas ópticas.

Ese é o labor que a filosofía pode desenvolver ao encararse ao que semella ser un tema alonxado das principais preocupacións dos intelectuais. Non obstante, o propio programa da decimonovena Semana de Filosofía demostra que non é ben así, que o pensamento contemporáneo non pode mirar de esguello un fenómeno que chanta as súas amplas e fortes raíces nos máis variados ámbitos. Boten senón unha vista por riba do programa deste congreso e poderán comprobar como relevantes especialistas en socioloxía, filosofía, antropoloxía, historia, xornalismo, literatura ou arquitectura tiveron no deporte unha das súas materias de traballo. Este encontro é así por necesidade interdisciplinar e plurais as distintas perspectivas que se defenden. Tamén por necesidade é controvertido na abordaxe dos problemas xa que o mundo do deporte, dun xeito ou outro, está próximo de todos nós. Forma parte da nosa cotidianeidade e nese senso as opinións verquidas sobre os diversos temas do programa responderán a moi variados intereses.

O deporte protagoniza os xornais de maior tirada, as seccións máis lidas dos diarios, os espacios televisivos de maiores audiencias, os espectáculos máis masivos, desorbitantes transacións económicas e os contratos laborais máis estelares. Pero o deporte ten tamén facianas máis agochadas como son a mercantilización da dimensión lúdica do ser humano, a potencialización da discriminación de xénero, a creación de modelos estéticos e de vida reduccionistas, a sobredimensionalización da superación de récords como única meta do deporte de elite ou a reproducción de comportamentos sociais violentos. De aí que o noso desexo sexa que o programa funcione a modo de zoom, de achegamento ou cambio de escala para visualizar facetas ou ámbitos que no fevor cotián quedan máis opacos. Coidamos que esa é a nosa coiteliña analítica, a que é capaz de diseccionar os espacios máis cotiás na búsqueda das claves explicativas que os volven comprensíbeis, racionais. Xa que logo, o deporte non é só a ximnástica previa á flexión racional, é a propia materia da reflexión filosófica para esta Semana de Filosofía que agora inauguramos. Sen prexuízos, nen ideas preconcibidas tentamos ofrecer un ano máis este espacio de debate, por todos vós coñecido e que sería imposíbel sen a vosa asistencia e participación.

Na época clásica xunguido ao culto, ao rito e ao mito, o deporte tiña algo de divino. Fundado polos propios deuses o gañador das competicións era tratado así mesmo como un Deus. Nel representábase a comunidade enteira que se colmaba de orgullo na honra dos seus heróes. Era parte fundamental das grandes cerimonias relixiosas tanto como a poesía ou a danza. Na época da industrialización o xurdimento do deporte moderno corre parello a secularización da sociedade. Neste tempo noso de globalización e economía de mercado: ¿a servicio de que divinidade está o deporte?, ¿produce o deporte novos mitos, novos heroes?, ¿que función social teñen eses novos deuses?, ¿son elementos de integración social?, ¿crean vínculos de identidade?, ¿reflicten soamente os valores do poder?

Estes son algúns dos interrogantes que agardamos se incorporen ao camiño que levamos andado durante xa case dúas décadas. Que o traxecto sexa rico e intenso. Que a súa estela nos acompañe ata a vinte Semana Galega de Filosofía.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: