Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Monográfico 4 / A LINGÜÍSTICA GALEGA HOXE

Coord. X. L. Regueira
Profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e Secretario do ILG
:: Cando se fala dos estudios de lingüística galega é un lugar común menciona-la súa curta tradición (en comparanza coas grandes linguas romances, nomeadamente español e portugués) e o seu escaso desenvolvemento ata tempos recentes, para a continuación enfatiza-la importantísima expansión destes estudios nos últimos trinta anos.

- 07:32 05/09/2002
Tags:

Isto responde a unha realidade constatable, que ten as súas raíces na historia social da lingua galega e na historia dos grupos que desenvolveron o estándar lingüístico do galego moderno e promoveron a súa extensión social.

Téñense sinalado diversas causas para explica-la case inexistencia de investigación lingüística feita en Galicia antes do final dos anos 1960, e seguramente todas elas teñen algunha influencia. Tamén cabe ter en conta que, para as minorías galeguistas, a investigación lingüística non foi un obxectivo prioritario, nin sequera importante, ata mediados os anos 1970 (como si o era a construcción dun estándar lingüístico galego, por exemplo).

O vizoso desenvolvemento da lingüística galega desde entón débese tamén a diferentes causas que concorren; entre elas están o proceso de (relativa) normalización social do idioma e a súa normalización académica (galego como lingua de ensino, lingua oficial, aparición de usos sociais elevados, etc.). Todo isto trouxo consigo que a titulación de Filoloxía Galega (daquela Filoloxía Hispánica, subsección Galego-portugués) tivese unha alta demanda, co conseguinte crecemento do persoal docente universitario necesario para cubrila, e co resultado de moitos centos de licenciados especializados na materia. Por unha parte un número importante de alumnos estaba a traballar sobre lingua e literatura galegas, e pola outra, un grupo xa moito máis numeroso de profesores, axudantes e bolseiros investigaban sobre lingüística galega (e sobre literatura, naturalmente). Hai que ter en conta que, por riba, son en moitos casos profesionais cun nivel de formación teórica moi elevado. Isto explica que en cuestión de 20 anos, desde mediados dos 70 a mediados dos 90, a lingüística galega dese un salto realmente espectacular.

Este salto non só se manifesta na profundización do coñecemento gramatical e léxico do galego, senón tamén, de maneira importante nos últimos anos, na multiplicación de liñas de investigación en que se traballa. Este crecemento foi inevitablemente lento, pois como é sabido, os eidos de estudio e as orientacións teóricas veñen determinadas, en gran medida pola formación recibida. De aí que en xeral na Universidade de Santiago se cultivasen sobre todo as liñas de traballo máis clásicas (gramática, lexicografía, dialectoloxía, historia da lingua, gramática histórica...). Nos anos 90, a partir da segregación das Universidades de Vigo e da Coruña, irán aparecendo novas orientacións, cun grao de desenvolvemento en xeral aínda insuficiente: sociolingüística (variación, planificación lingüística), pragmática, gramática do texto.

Nestes anos, en resumo, a lingüística galega foise normalizando como disciplina universitaria e como área de investigación. Hoxe os aspectos que interesa investigar son cada vez máis os mesmos que cómpre investigar en calquera outra lingua do noso ámbito cultural. Esta “normalización académica” manifestouse tamén en que a investigación sobre lingua galega non é unha cuestión que interese soamente ós galeguistas, máis ou menos motivados ideoloxicamente. Así a investigación sobre galego realizada en universidades de fóra de Galicia empezou a ser unha realidade, cando antes era inexistente, fóra dalgunhas figuras illadas. A política de crear lectorados e centros de estudios galegos en universidades de todo o mundo levada a cabo pola Dirección Xeral de Política Lingüística, así coma os Cursos de Lingua e Cultura Galega para Estranxeiros, organizados por esa Dirección Xeral xunto co Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega, e que xa cumpriron os primeiros 14 anos, déronlle un pulo importantísimo a esta difusión.

Neste punto creo que é necesario facer unha reflexión, non para compracerse nos progresos realizados (aínda que sexa lexítimo estarmos orgullosos da tarefa realizada), senón para tratar de comprender criticamente a situación en que se encontra a lingüística galega hoxe e tratar de ver por onde se encamiña no momento actual. E sobre todo para sermos conscientes dos retos do futuro inmediato.

Se hai pouco tempo era urxente elaborar obras básicas, coma un diccionario e un manual de gramática, agora os retos son outros. A lingüística galega cubriu os mínimos imprescindibles (o que non quere dicir que non teñamos que seguir escribindo mellores gramáticas e mellores diccionarios), mais agora ten que enfrontarse á investigación lingüística “normal”, coas liñas e proxectos que se derivan do desenvolvemento da teoría lingüística e de ferramentas de tratamento da información que abren novas posibilidades. Entre outras moitas tarefas, deberán abordarse no futuro próximo a elaboración dunha gramática de corpus, unha gramática da lingua oral, diccionarios baseados no expolio do galego escrito moderno e da fala, unha gramática histórica baseada nos diferentes tipos de galego escrito na Idade Media (e no da Idade Moderna), o estudio da variación lingüística e das súas dinámicas, a pragmática, a gramática do texto, a prosodia...

Se as tarefas pendentes semellan importantes, todo parece indicar que os recursos humanos con que se vai contar no futuro van ser probablemente menores dos que hoxe hai, e non parece que os medios materiais vaian ser maiores. Tendo en conta que case a totalidade da investigación lingüística se realiza nos departamentos universitarios, as perspectivas non son moi favorables. O descenso do número de alumnos matriculados nas materias de Filoloxía Galega (causada en parte pola baixa demográfica e en parte por un descenso da demanda provocado pola saturación do mercado laboral para os licenciados nesta titulación), unido ó cada vez máis cativo financiamento da investigación nas universidades públicas, fan prever un estancamento, ou máis ben unha lixeira reducción, do número de investigadores nesta área; ademais da merma cuantitativa, isto significa que deixará de chegar xente nova, capaz de abrir novas liñas e de comprometerse con ideas e opcións teóricas diferentes das que practican os seus mestres. A existencia dalgúns centros de investigación extrauniversitarios, como son os seminarios da Real Academia Galega ou o Centro Ramón Piñeiro, pode paliar un tanto este déficit, pero dificilmente poderán compensalo.

Parece necesario, pois, optimiza-los recursos dispoñibles, seleccionar obxectivos e tratar de buscar vías alternativas. Neste sentido paréceme cada vez máis urxente potencia-lo intercambio e a colaboración entre investigadores de diferentes centros, de dentro e de fóra de Galicia, creando equipos e redes de investigadores que traballen en campos afíns. Nisto a Asociación Internacional de Estudios Galegos ten un papel de primeira importancia, e está a facer un labor impagable. Teño a impresión, non obstante, de que a comunicación e a colaboración entre os investigadores que traballan sobre galego é aínda insuficiente; é preciso que a tomemos en serio e que actuemos. Cómpre que tódolos que estamos a traballar nesta área sexamos conscientes de cál é o papel que nos corresponde no momento actual.

Este é a idea que anima este monográfico sobre os estudios de lingua galega. Nel quíxose presentar unha serie de reflexións sobre cál é o estado e algúns dos problemas dalgunhas das principais disciplinas da lingüística galega actual, así coma acoller unha mostra da importantísima actividade que se está a desenvolver nalgunhas universidades de fóra de Galicia. Neste sentido as universidades alemanas son unha referencia inescusable, e por esa razón quixemos entrevistar ó que hoxe é sen dúbida o lingüista alemán máis comprometido coa investigación en lingua galega, e tamén o máis prestixioso dos que traballan sobre a nosa lingua, o Prof. Johannes Kabatek. Nas Illas Británicas están a producirse resultados extraordinarios nos últimos anos, gracias ó entusiasmo dalgúns profesores, coma o Prof. David Mackenzie, que fixeron un labor de auténticos pioneiros.

Quedan sen recolle-los avances de importantes disciplinas, e sobre todo o meritísimo traballo de tantos investigadores e profesores, dentro e fóra de Galicia, que non poderiamos mencionalos todos. Quixeramos, non obstante, que todos eles se sentisen presentes e implicados nas reflexións que se conteñen nestas contribucións, no desexo de que nos fagan chega-la súa propia visión do presente e das perspectivas da lingüística galega.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: