Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Entrevista con Johannes Kabatek

Por X. L. Regueira
Do Instituto da Lingua Galega e profesor na Universidade de Santiago de Compostela.
:: J. Kabatek, profesor na Universidade de Freiburg, é un dos investigadores máis firmes sobre lingüística galega no ámbito alemán. Recentemente atopou a traducción ó galego da Bula Ineffabilis.

- 07:32 05/09/2002
Tags:

Johannes Kabatek é actualmente catedrático de Lingüística Románica da Universidade de Freiburg. Nacido en Stuttgart en 1965, estudiou e formouse na Universidade de Tübingen con Eugenio Coseriu. A súa tese de licenciatura (Gemeinsprache und Standard des Galicischen) e a súa tese de doutoramento (Die Sprecher als Linguisten. Interferenz und Sprachwandel im Galicischen der Gegenwart, publicada en 1996 por Max Niemeyer, en Tübingen, e na súa propia traducción ó galego por Xerais, Vigo, 2000 co título Os falantes como lingüistas) tiñan como obxecto de estudio a lingua galega. Desde 1991 vén publicando traballos sobre diferentes aspectos da sociolingüística románica e, especialmente, galega (estandarización, interferencias, variación, etc.). Na actualidade é un dos lingüistas máis relevantes que investigan sobre o galego.

¿Como empezou a investigar sobre galego?

Na carreira de filoloxía románica empecei, como era o costume, co francés, e despois seguín interesándome por outras linguas, o castelán sobre todo, pero tamén o italiano, o catalán e mailo portugués. En xullo do 1988, o meu profesor de lingüística Eugenio Coseriu chamoume ó seu despacho e díxome: ¡vostede que estudia español e portugués debería interesarse polo galego! E ofreceume unha bolsa para ir a Santiago. Foi daquela a través de Constantino García que o ILG lle ofrecera a Coseriu unha bolsa para un alumno seu. E despois de chegar, deime conta da cantidade de aspectos que se podían estudiar aínda no galego. E como andaba buscando un tema para a miña tesiña, encontreino aquí. Despois íanse xuntando outros temas...

¿Para un romanista alemán ou centroeuropeo que atractivo presenta unha lingua coma o galego como obxecto de investigación?

Parecíame fascinante poder traballar sobre unha lingua menos coñecida cás demais linguas románicas. Aquí podíanse encontrar caudais de exemplos novos en tódolos campos. Pero o que máis me atraeu foi o alto dinamismo do galego actual, a emancipación da lingua, a tensión entre a identidade propia e a alta dependencia do castelán en varios niveis. Presentóuseme como lugar idóneo para investiga-lo que Labov chamou “Change in progress”, o cambio lingüístico diante dos nosos ollos.

A súa tese, publicada en Galicia como Os falantes como lingüistas, é probablemente o seu traballo máis extenso e profundo sobre o galego. ¿Cales serían os aspectos máis relevantes do que descubriu?

Eu persoalmente penso que o máis importante é a tipoloxía de interferencias descrita na parte teórica. En canto á situación do galego actual, o traballo mostra algunhas das tendencias máis destacadas de evolución. É unha visión de conxunto de moitos aspectos, unha invitación a estudios máis detallados sobre toda unha serie de cuestións.

Recentemente atopou en Roma o texto da Bula Ineffabilis en galego, ¿como se produciu ese achado?

Oín falar do texto o ano pasado nunha visita a Asturias. Existe tamén unha versión asturiana da bula, que foi publicada no 1997 en Oviedo. Na introducción, menciónase a versión galega, unha de 300 traduccións feitas do texto a mediados do século XIX. De volta en Alemaña, chamei á Biblioteca do Vaticano, e despois dunhas semanas conseguín unha copia do texto. Máis tarde souben que Alonso Montero xa publicara en 1996, dentro dun traballo máis amplo, a noticia de que existe unha copia manuscrita desta bula no Museo de Pontevedra, pero a existencia dese texto é descoñecida para case tódolos especialistas de galego, e nunca se editou nin se estudiou aínda. Hai uns días, acabei de transcribi-lo texto e estou preparando un comentario para a publicación da edición.

Xa anteriormente Vde. estivera a estudia-la traducción do Evanxeo de San Mateo, publicado por L. L. Bonaparte en 1861 ¿Que importancia teñen estes textos na historia do galego escrito?

É interesante nos dous casos precisamente a comparación coas versións asturianas. Tanto a Bula coma o evanxeo foron traducidos ó asturiano por Manuel Fernández de Castro, posteriormente bispo de Mondoñedo, na súa xuventude en Oviedo. Os dous textos están desde a súa traducción presentes en Asturias e foron unha continua referencia para o asturiano escrito. En Galicia non foi así. O San Mateo só chegou a coñecerse a partir dos traballos de Alonso Montero de hai uns corenta anos. E a Bula viviu unha existencia silenciosa nun manuscrito encerrado na Biblioteca do Vaticano. Son textos moi importantes xa que na época da súa creación practicamente non se produce prosa galega en Galicia. E ademais, ambos textos, sobre todo o San Mateo, tamén se poden ver coma unha especie de proposta de normativa ortográfica, cousa que tería sido moi importante para o Rexurdimento galego. Desde a perspectiva actual parecen coma oportunidades perdidas.

¿Ten algúns proxectos relacionados co galego a curto ou medio prazo?

Queremos publicar precisamente as versións comentadas do San Mateo e da Bula. Ademais, souben hai pouco que Harri Meier, un dos romanistas máis importantes do século XX ademais de grande e temido etimólogo, traballou nos últimos anos da súa vida na elaboración dun diccionario etimolóxico galego. Conseguín hai pouco unha parte do material para ver en qué estado se atopa. Hai unha morea de fichas, pero é practicamente o material dun diccionario completo. Evidentemente, non todo é aproveitable. Pero haberá que separa-lo que é realmente interesante do que está superado polas investigacións recentes, e saca-lo material ó publico. Pero é un traballo que ha levarme aínda algún tempo.

¿Dos estudios que se fan en Alemaña, cales destacaría, á parte dos seus propios?

Non é que haxa moita xente traballando sobre temas especificamente galegos. Pero destacaría o feito de que – a diferencia do que foi aínda a situación hai poucos anos – o galego está moito máis presente na actualidade como lingua que se ten en conta en traballos de lingüística, que se menciona ó lado doutras. En canto a traballos monográficos recentes, hai pouco saíu na editorial Narr de Tübingen a tese de Adrian Bröking, un traballo extenso sobre a variación lingüística en Galicia desde un punto de vista funcional. Na universidade de Berlín, Sandra Castiñeiras e Winfried Busse están elaborando unha gramática de aprendizaxe do galego. Ademais, en varios lugares están saíndo tesiñas de temática galega. O outro día chegoume un traballo sociolingüístico sobre actitudes de xoves galegos feito por unha estudiante polonesa na universidade de Frankfurt do Oder, con algúns resultados bastante sorprendentes. Van saíndo cousas continuamente.

Os romanistas alemáns noutras épocas (Krüger, Schneider...) estaban interesados sobre todo pola historia da lingua e pola dialectoloxía; o interese pola historia continuou con figuras tan relevantes coma Meier e Piel. Pero nas últimas décadas o interese dos investigadores alemáns céntrase na sociolingüística, sobre todo nos aspectos da planificación lingüística ¿A que se debe este cambio de orientación?

É unha coincidencia de dous factores: a situación actual de Galicia coa importancia e as posibilidades de planificación lingüística e o feito de que este tipo de aspectos está de moda en Alemaña desde os anos setenta. Pero non é o único interese que ten o galego na actualidade. De momento, creo que está habendo outro cambio: hai unha forte tendencia cara a estudios tipolóxicos, e o galego estase descubrindo como unha lingua clave para a tipoloxía das linguas iberorrománicas, un referente importante nos procesos de gramaticalización, nos estudios que comparan por exemplo a interacción de aspectos prosódicos e sintácticos etc.

¿Como se ve a lingüística galega desde fóra de Galicia? ¿Que carencias destacaría e, se tiver algunha, que virtudes?

Virtudes hai moitas, sobre todo con esa incrible actividade desde os anos setenta, comezando co Atlas sobre todo, pero tamén con outros macroproxectos e en xeral unha bibliografía lingüística moi extensa. Carencias hainas tamén, claro. Por exemplo que algúns proxectos se perden ou tardan moito en dar resultados. Ou que ás veces falta un horizonte un pouco máis amplo, menos limitado no localismo, tamén en canto ás orientacións teóricas.

Ós que estamos metidos dentro dos procesos que se viven en Galicia probablemente as árbores non nos deixan ve-lo bosque, e como sabe periodicamente avívanse polémicas sobre a identidade ou a autonomía do galego co portugués, sobre se o galego está en perigo de desaparición ou se polo contrario se está recuperando... ¿como se ve a situación do galego desde fora e cunha mirada experta?

Vexo que nos últimos anos houbo cambios importantes na avaliación social do galego. Xa con anterioridade ós acontecementos dos anos 70 había claras diferencias non só entre os dialectos galegos senón tamén entre un galego rural ou mariñeiro e outro urbano, considerado máis culto (pero ás veces tamén menos auténtico) por moitos falantes. Nas tres últimas décadas, acentuouse a diferenciación interna do galego e hai formas lingüísticas dentro do galego consideradas claramente cultas, de prestixio social. Pero estas, pola súa parte, están outra vez diferenciadas dentro de si, e o que para falantes non urbanos é percibido coma unha forma de prestixio pode, á vez, ter máis ou menos prestixio entre falantes urbanos. Así, o galego de clases acomodadas ou medio altas urbanas pode estar ben considerado desde a perspectiva dos que pertencen a clases máis baixas, pero ó mesmo tempo, entre as clases máis acomodadas hai competencia de diversos tipos de prestixio que coinciden con certas marcas lingüísticas e con certos comportamentos. Todo isto é complexo e debería ser estudiado a fondo. Pero podemos resumir apuntando que:

- hai unha diferenciación interna que non permite falar dunha avaliación social „do galego“.

- hai sectores (sobre todo urbanos) amplos onde o galego está presente gracias a forzas alleas á lingua e onde, se estas forzas desaparecesen, desaparecería tamén o galego. Este „galego de carburantes alleos“ (económicos etc.) distínguese tamén lingüisticamente, ten certa consideración social, consideración que sen embargo non pasou á lingua senón que provén do status social das institucións (políticas etc.) e dos falantes nestas institucións.

- existen, ademais, certos sectores (tamén en parte urbanos), xa moito menos amplos, nos que o galego está presente polo prestixio que os membros destes sectores lle queren atribuír ou lle atribúen realmente.

- existen amplos sectores onde o galego está presente por tradición e onde o seu prestixio provén da marca de intimidade, de familiaridade en grande medida independente do marco público no que inflúe a política lingüística. Nestes sectores existe unha certa desconfianza con respecto ás medidas „oficiais“, que en xeral pouco afectan a vida e o comportamento persoal. Segundo a avaliación da situación de prestixio real, nestes sectores pode haber fortes tendencias cara á castelanización, á repartición das funcións entre as dúas linguas ou tamén á galeguización, con considerable grao de diferencias individuais, familiares, locais etc., que obedecen a unha seria de factores (coñecidos en gran parte). E aínda non dixen nada da cuestión normativa nin da relación co portugués...

Finalmente, gustaríame preguntarlle qué bota de falta na lingüística galega.

Quizais sobre todo máis internacionalidade en tódolos sentidos. Non só en canto á presencia dos galegos nos foros internacionais. Tamén en canto ás visións científicas, ós temas que se tratan. Se hai p.ex. un xerundio flexional nalgún dialecto de Galicia habería que ir comparalo cos dialectos de Italia onde tamén se dá e ver se hai outros fenómenos coincidentes. Habería, para dar outro exemplo, que estudiar a fondo o triángulo galego – portugués de Brasil – portugués de Portugal para a comparación tipolóxica e tamén para certas cuestións de historia das linguas. Habería que comparar de forma extensa os factores que fan que o catalán, o vasco e o galego estean en situacións tan distintas tendo bases legais tan semellantes, para dar só uns exemplos de propostas. Algo xa se ha facer co tempo...

Recensións sobre Os falantes como lingüistas:
Joan Solà El gallec com a paradigma (I) e El gallec com a paradigma (II)


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: