Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Os estudios de Gramática

Por Francisco Cidrás Escáneo
Especialista en gramática, é profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela
:: Repaso crítico ás publicacións de gramática galega, con especial atención ós traballos máis recentes e as revistas galegas de lingüística.

- 07:32 05/09/2002
Tags:

Por mor da peculiar situación social á que se viu sometido o galego na Idade Moderna, cun avanzado proceso de alienación e asimilación, a nosa é unha das últimas linguas europeas en incorporarse ó proceso de gramatización, ou construcción dun discurso metalingüístico propio, que principiara a facerse masivamente (nas linguas con estado) no período do Renacemento. Este proceso, ademais de tardío, foi no caso galego cualitativamente feble e nel os estudios estrictamente gramaticais (de descrición sincrónica da morfosintaxe, ámbito ó que nos imos limitar agora) ocuparon tradicionalmente un lugar secundario, preteridos por outras tarefas consideradas máis urxentes no programa de actuación implicitamente deseñado.

Ben máis serodia que as primeiras gramáticas das linguas vulgares castelá (1492), portuguesa (1536), vasca (1638) ou catalana (1743), a primeira gramática galega é a de Francisco Mirás (1864), breve opúsculo de interese hirtoriográfico e simbólico, pero cientificamente irrelevante. Moito máis interese presenta a Gramática gallega de Saco Arce (1868), a máis sólida das gramáticas galegas publicadas ata hai unhas poucas decádas. Esta afirmación fala ben ás claras do pantanoso que resultou o avance da historiografía lingüística galega durante máis de cen anos. Saco foi un raro exemplar de gramático dotado de formación científica nun longo período en que os escasos estudios gramaticais (e os lingüísticos en xeral) adoitaron ser obra de afeccionados guiados por un voluntarista espírito patriótico de rexeneración nacional. No mesmo ano publicouse a moi elemental gramática de Cuveiro e de 1892 data a de Valladares, que, significativamente, quedaría inédita ata 1970. Segue un longo período de silencio e, xa na época das Irmandades e o grupo ‘Nós’, reábrese o discurso gramatical co opúsculo Compendio de Gramática Galega (1919) asinado por R.A., en realidade Leandro Carré Alvarellos, e a Gramática do idioma galego de Lugrís Freire (1922). O avance máis significativo que estas obras supoñen é de carácter simbólico, ó seren as primeiras gramáticas escritas en lingua galega; cientificamente non superan, nin de lonxe, a de Saco. O período de esplendor cultural que vive Galicia e o galego nestes anos non se corresponde, de certo, coa discreta altura á que brillaron os estudios gramaticais. Por razóns obvias, trala guerra civil este estancamento prolongouse nun baleiro que nos leva ata os anos 60. A publicación en 1966 da Gramática elemental del gallego común de Carballo Calero pode considerarse simbolicamente o punto de inflexión que nos conduce, a un ritmo paulatinamente cada vez máis acelerado, ó panorama historiográfico actual.

Para explicar a febleza da serodia tradición gramatical galega, cómpre referirse ó adverso contexto socio-político en que se desenvolve. O ambiente filolóxico español no remate do século XIX en na primeira metade do século XX está fortemente centralizado na universidade de Madrid (a Universidade Central), dominado polas figuras tradicionalistas de Menéndez Pelayo primeiro e, sobre todo, Menéndez Pidal despois, e empeñado nunha teimosa labor de identificación do castelán como “o español por antonomasia”. Esta situación inscríbese nun amplo programa de rexeneración española (na coñecida crise finisecular) baseado nunha identidade nacional unitaria na que a lingua castelá xoga un papel fundamental. Fronte ó rexeneracionismo españolista existía outro de cariz “rexionalista”, minoritario e ollado sempre con receo, que tentaba asentar unha nova idea de España baseada na diversidade. En Galicia esta corrente, defensora e reivindicadora do galego, estaba constituída por unha elite cultural dotada de influencia e prestixio, pero pouco poder (e pouca formación científica, para o caso que nos ocupa). Abonde con dicir que a única universidade galega (a USC) non terá Facultade de Letras ata a década dos 20, que cando en 1914 se dota a primeira cátedra de galego-portugués esta non se crea en Santiago, senón en Madrid, e cunha vida efémera, ou que os estudios sobre o galego permanecen proscritos da nosa universidade ata 1965, tras case cincocentos anos vivindo de costas á realidade lingüística que a rodeaba. A falta de institucións públicas tenta suplirse coa iniciativa privada, entusiasta pero pexada ola escaseza de medios e de formación; mostra disto son a Real Academia Galega (1906), as Irmandades da Fala (1916) e o Seminario de Estudos Galegos (1923). Esta situación explica a ausencia dunha comunidade de lingüistas dotados de preparación científica sólida dedicados ó estudio do galego, suplida con voluntarismo, e asemade o feito de que unha boa parte da producción e dos fitos gramaticais tecnicamente máis solventes sexan obra de especialistas non galegos: desde a publicación en 1909 dos Elementos de gramática histórica gallega polo soriano V. García de Diego á creación en 1971 do Instituto da Lingua Galega (ILG) a instancias do asturiano Constantino García, mediando unha longa relación de achegas de lingüistas estranxeiros (nomeadamente alemáns) que producen o máis requintado da producción filolóxica sobre o galego do momento: Krüger, Piel, Meier, Malkiel, Leite de Vasconcellos (por citar só os que máis profusamente se ocuparon da nosa lingua).

Pero durante este longo período de case un século os estudios gramaticais non ocupaban un lugar prioritario. Os esforzos centrábanse, intramuros, nun escuro e teimoso labor defensa e reivindicación do galego acompañado, no plano máis propiamente filolóxico, dalgunhas achegas de recollida do léxico e de propostas normativas (basicamente ortográficas) na procura dun modelo de lingua culta común. A obra dos filólogos foráneos orientábase maiormente á dialectoloxía e á etnolingüística ou á etimoloxía e á onomástica; algo á lingua medieval e moi pouco a gramática moderna (a “Neugalizische Formenlehre” de Cornu (1906) é unha excepción notable e de cedo).

No curso 1965-66, no devalar do franquismo e acompasando un novo escenario político cada vez máis reivindicativo, o galego chega por fin á universidade. A Gramática de Carballo é o primeiro producto e obra de referencia desta nova etapa. En 1971 créase o ILG, gran impulsor do estudio científico do galego, labor que naquela altura debía compaxinar co de promoción social do idioma. O secular atraso no coñecemento científico do galego fai que o labor investigador neste novo período se encamiñe ó recoñecemento da realidade lingüística. A liña privilexiada é a dialectoloxía e cartografía lingüística (numerosos estudios de falas e os traballos do ALGa), xuntamente cos estudios lexicográficos (de recollida primeiro, de propostas estándar e elaboración de vocabularios específicos despois). Abundan tamén os estudios de sociolingüística (diagnose da realidade social da lingua) e de planificación lingüística. A normalización e a estandarización sitúanse, obviamente, no norte de todas estas liñas. A carón delas, nun discreto segundo plano, comezan a publicarse nos anos 70 os primeiros traballos científicos solventes de gramática galega feitos no país (entre os que destacan as achegas de Antón Santamarina, xunto coas doutros daquela novos profesores universitarios). A partir destes pioneiros, pouco a pouco a nómina de investigadores e de traballos irá medrando tamén nesta parcela da lingüística.

Unha vez que o galego acada a cooficialidade en 1980, coa aprobación en 1982 da normativa vixente (aínda sen quedar pechado o debate normativo), coa consolidación de novos usos sociais da lingua (no ensino, na Administración, etc.) e coa consecución dun aceptable coñecemento da realidade dialectal e social do galego (nomeadamente cos traballos do Atlas Lingüístico Galego e do Mapa Sociolingüístico), a partir da segunda metade dos anos 80 e, sobre todo, desde os 90, o programa global de actuación deixa espacios libres cada vez maiores para o desenvolvemento dos estudios gramaticais propiamente ditos, no que se debe ve-lo ascenso dun novo chanzo no camiño da normalización lingüística: a meirande importancia cuantitativa dos estudios de gramática no conxunto da investigación lingüística (situación propia das linguas normalizadas, entre as que o galego, desde logo, aínda non se encontra). Estes traballos crecen aceleradamente tanto en calidade como en cantidade, se ben aínda están lonxe de cubri-lo conxunto do espectro morfosintáctico nun nivel de normalidade: na selectiva Guía bibliográfica de lingüística galega (que recolle a producción ata o remate de 1995) unicamente se inclúen 202 entradas de morfosintaxe (de características moi desiguais) dun total de case 2400 fichas recollidas.

En 1986 publícase a Gramática galega de Álvarez, Regueira e Monteagudo, que funcionará como a gramática de referencia nos anos 80 e 90. A obra, primeira gramática de que se pode dicir que describe o galego como sistema lingüístico autónomo, ilustra o salto cualitativo acadado no nivel de coñecemento do galego naquela altura. Fronte á precaria situación que comparativamente translucía a precedente gramática de Carballo, (“dificilmente cabría ponerle reparos si se tienen en cuenta los materiales de que dispone un estudioso del gallego en este año de gracia de 1967”, escribira dela Pilar Vázquez Cuesta), estoutra gramática tira obviamente proveito das numerosas achegas acadadas nos vinte anos transcorridos. Pero como diciamos é precisamente a partir da segunda metade dos anos 80 e sobre todo nos 90 cando se produce un incremento máis significativo na producción gramatical. Isto provocou que a gramática de Álvarez et al. quedase obsoleta en relativamente poucos anos.

Neste contexto chegamos á situación actual, na que aparecen recentemente dúas gramáticas de características distintas que, aproveitando o xa non tan cativo acervo de traballos monográficos dispoñibles, ilustran o momento presente. En 2000 publica Xosé Ramón Freixeiro Mato o segundo volume da súa Gramática da lingua galega (Morfosintaxe) cunha amplísima exemplificación literaria e certa descompensación nos contidos, recoñecida e xustificada polo autor na súa “Apresentación”. O lector é guiado profusamente polas fontes bibliográficas recollidas, mesmo a custo dalgún sacrificio na unidade discursiva da obra. Por último, en 2002 publícase unha homónima Gramática da lingua galega, da autoría de Rosario Álvarez e Xosé Xove, moi completa e sintética e cun discurso máis integrado, renunciando os autores en boa medida ó aparello crítico e á demostración erudita nas fontes.

Desde 1994 está constituído no seo do ILG un grupo de investigación gramatical estable integrado por Rosario Álvarez, Francisco Cidrás, Ernesto González, Xosé Luís Regueira e Xosé Xove, que desenvolveu varios proxectos de investigación en gramática galega. Recentemente (2001) a Real Academia Galega encomendoulle a este equipo de investigadores a redacción dunha Gramática descritiva da lingua galega, na actualidade en fase de elaboración. Deste xeito preténdese facer realidade un proxecto secular da institución, sempre adiado.

Verbo das orientacións teóricas dominantes nos artigos e monografías gramaticais sobre o galego, deixando de banda as achegas de corte máis tradicional sen unha adscrición teórica nidia, obsérvase que a abordaxe dominante é a orientación funcional, nun senso amplo, nas súas diversas modalidades. Non faltan, con todo, desde o principio, achegas de corte xenerativo, nas súas sucesivas versións, sobre todo de autores foráneos de formación ou que se ocupan esporadicamente do galego: C. P. Otero, J. L. Freire, D. Prieto, H. Campos, J. Uriagereka, V. M. Longa, e outros.

Finalmente referirémonos ás canles de difusión científica máis empregadas na gramática galega (é obvio que de xeito puntual estas son moitísimas máis). En canto ás publicacións periódicas merece un lugar destacado a revista Verba. Anuario galego de filoloxía, de considerable prestixio científico, que publica a USC desde 1974. Asemade a revista leva publicadas medio cento de monografías en forma de anexos, boa parte deles dedicados á gramática galega. Outras canles periódicas alternativas son os Cadernos da lingua, publicados pola RAG desde 1990, así como a recente Revista galega de filoloxía publicada pola Universidade da Coruña, que leva publicados só dous números. A revista Viceversa, publicada desde 1995 pola Universidade de Vigo e a ATG, está orientada ós problemas de traducción.

Tamén son especialmente relevantes as publicacións en actas de congresos así como as colectáneas puntuais, nomeadamente os volumes de homenaxe. Entre os congresos merecen destacarse primeiramente os CILFR, en particular o XIX, celebrado en Santiago en 1989, que dedicou unha sección específica ó galego, con 32 comunicacións. Moi importante tamén foi o Congreso Internacional “A lingua galega: historia e actualidade” organizado polo ILG en 1996. Recentemente cómpre salienta-la colectánea Da gramática ó diccionario: estudios de lingüística galega (2001), que recolle as contribucións sobre galego ó Congreso Internacional “Léxico & Gramática” celebrado en Lugo no ano 2000. Nos volumes de homenaxe, por último, atopamos unha parte significativa da producción científica sobre gramática galega. Entre os máis relevantes polas achegas gramaticais que conteñen destacaremos os dedicados a Cunqueiro (1982), C. García (1991), C. E. Ferreiro (1992), P. Vázquez Cuesta (1996), R. Lorenzo (1997), X. Alonso Montero (1999) e F. Tato (en prensa).


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: