Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A lingüística histórica galega na actualidade

Por Ramón Mariño Paz
Especialista en gramática histórica, é profesor na Universidade de Santiago de Compostela.
:: Panorámica das investigacións recentes sobre lingüística histórica, con descrición de liñas de traballo e adianto de proxectos que se acaban de poñer en marcha.

- 07:32 05/09/2002
Tags:

No terreo da historia externa ou historia social da lingua galega as contribucións que se foron facendo desde os anos setenta, habitualmente en formato de artigo, foron obra de persoas que en xeral traballaron en solitario, aínda que non sen manteren contactos máis ou menos fluídos entre elas. Unha primeira monografía relevante neste eido da lingüística galega foi a titulada Os precursores da normalización (Defensa e reivindicación da lingua galega no Rexurdimento) (1992), de Carme Hermida. O esforzo realizado nas últimas décadas por distintas individualidades culminou no final da década de 1990 coa publicación de dúas obras en que se sintetiza o percurso histórico da lingua galega: a Historia da lingua galega (1998) de Ramón Mariño Paz e a Historia social da lingua galega (1999) de Henrique Monteagudo. As épocas históricas máis exploradas polos investigadores son os séculos escuros (XVI, XVII e XVIII), o Rexurdimento e o período da eclosión do nacionalismo galego entre 1916 e 1936. No momento actual eu coido que é preciso proseguir coas pescudas sobre estes períodos, pero tamén habería que abrir decididamente liñas de investigación sobre a Idade Media ou sobre a época posterior a 1936, coas que se procuren informacións precisas e análises rigorosas sobre cuestións tales coma a da emerxencia do romance galego fronte ó latín no século XIII —coa súa prehistoria nos séculos anteriores—, o progreso e o declive do galego entre os séculos XIII e XV, a organización da resistencia lingüística fronte ó franquismo e a elaboración do seu discurso na clandestinidade e nos órganos de expresión autorizados, etc.

Sobre a historia do galego escrito despois da Idade Media traballou nos anos noventa un equipo do Instituto da Lingua Galega que, ademais doutras contribucións, presentou varias comunicacións sobre a lingua do Coloquio de 24 gallegos rústicos no Congreso Internacional do Tricentenario de Fr. Martín Sarmiento (1695-1995) celebrado en 1997. Ora ben, a atención a este aspecto da lingüística histórica galega data polo menos da década de 1950 e foi en aumento desde entón ata a actualidade, producindo tres grandes aproximacións globais ó proceso de constitución do estándar galego durante os séculos XIX e XX: a de Ricardo Carballo Calero ("La constitución del gallego como lengua escrita", 1974), a de Antón Santamarina (“Norma e estándar”, 1994) e a de Benigno Fernández Salgado e Henrique Monteagudo (“Do galego literario ó galego común. O proceso de estandardización na época contemporánea”, 1995). Mais, a pesar de que esta liña de investigación progresou moito nos últimos anos, presenta aínda moitas posibilidades de traballo, tanto na análise da lingua de autores coma na de grandes épocas. Neste sentido, cómpre menciona-lo proxecto para o estudio da lingua literaria do século XIX en que actualmente traballa un grupo da Área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña coordinado por Xosé Ramón Freixeiro Mato.

Desde os anos sesenta en diante a historiografía lingüística galega sostívose sobre a obra dalgunhas individualidades entre as que é de xustiza salientar a José Luis Pensado, autor de coñecidos traballos sobre a lexicografía galega dos séculos XVIII e XIX. Xunto ás investigacións que realizou sobre o labor dos benedictinos Frei Martín Sarmiento e Frei Juan Sobreira, merece mención destacada a súa Contribución a la crítica de la lexicografía gallega. I. (El Diccionario gallego-castellano de F. J. Rodríguez y su repercusión en la lexicografía gallega) (1976), que, ademais do seu gran valor intrínseco, ten o mérito engadido de que consagrou unha liña de investigación que analiza criticamente a historia da elaboración dos diccionarios galegos dos séculos XIX e XX, liña en que traballaron e traballan actualmente, entre outros, Antón Santamarina e Dolores Sánchez Palomino. Sobre os textos lingüísticos do século XIX e a primeira parte do XX contamos con importantes contribucións de Ernesto González Seoane (A ortografía e a gramática do galego nos estudios gramaticais do século XIX e primeiros anos do XX, 1992) e de Benigno Fernández Salgado (Os rudimentos da lingüística galega. Un estudio de textos lingüísticos galegos de principios do século XX (1913–1936), 2000) e, para a producción sociolingüística máis actual, dispoñemos de reflexións coma as de Ana Iglesias Álvarez ("Os estudios empíricos sobre a situación sociolingüística do galego", 1999) e Gabriel Rei Doval (“Matériaux pour une histoire de la sociolinguistique galicienne: antécédents et études macrosociolinguistiques empiriques (1967-1997)”, 2000). Finalmente, están tamén as análises crítico-informativas de Xosé Luís Regueira ("Os estudios de lingüística galega", 1996; “Historiografía da lingüística galega”, 2000). Con todo, é evidente que no terreo da historia crítica dos estudios de lingüística galega hai aínda obras, períodos e aspectos que non recibiron a necesaria atención.

Canto á tradicionalmente chamada "gramática histórica", son sobradamente coñecidas as contribucións de Vicente García de Diego, Ramón Lorenzo, Clarinda de Azevedo Maia ou Manuel Ferreiro. Na actualidade o profesor Lorenzo está a elaborar un estudio lingüístico da colección documental do mosteiro de Montederramo (Ourense), da que xa ten feita a edición. Por outra parte, no Instituto da Lingua Galega trabállase desde hai anos nun proxecto de Gramática histórica galega dirixido por Xavier Varela Barreiro que a medio prazo culminará nunha obra que virá a sumarse a "La koiné gallega" (1995) de Ramón Lorenzo e mais á Gramática histórica galega (1995 / 1997) de Manuel Ferreiro. Esa obra deberá ser crítica e non simplemente expositiva e, ademais, terá unha dimensión cronolóxica derivada da utilización sistemática de fontes escritas convenientemente datadas e dunha exposición das mudanzas lingüísticas conectada co contexto das grandes etapas históricas en que se produciron. Un primeiro ensaio do que neste campo se pretende facer constitúeo a breve Historia da lingua galega (2000), escrita por Ramón Mariño Paz e Xavier Varela Barreiro. O ideal sería que esta gramática histórica galega contivese unha gramática do galego medieval -—da que hoxe carecemos— e, se non unha gramática, si polo menos unha exposición crítica das mudanzas lingüísticas que conduciron desde o estadio da lingua medieval ata o do galego medio e o do actual.

Proxectos de gramática histórica de alcance máis restrinxido que tamén se desenvolven actualmente no Instituto da Lingua Galega son os centrados no estudio da oración en galego medieval e na análise das estructuras sintácticas en que participan verbos de movemento. Nestes proxectos participan investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo.

No eido da gramática histórica labora tamén José António Souto Cabo, especializado na edición e o estudio de textos medievais e da Idade Moderna. Entre as súas obras cabe salienta-las edicións acompañadas de estudio lingüístico da Historia de don Servando (1996) e mais da Crónica de Santa María de Iria (2001). A propósito da edición de textos, debemos anunciar que na Universidade da Coruña se constituíu un equipo dirixido por Carlos Paulo Martínez Pereiro que traballará sobre a construcción de modelos ecdóticos aplicables a textos galegos e portugueses, tanto medievais coma posmedievais.

Especialmente queda moito por facer nos campos da sintaxe histórica e do estudio histórico do léxico galego. Respecto do primeiro deles, pódense mencionar achegas coma O complemento directo con preposición a en galego (1993), de María Sol López Martínez, ou diversas contribucións de Alexandre Rodríguez Guerra, entre as que escolmarei a titulada "Conxuncións e locucións conxuntivas temporais en galego medieval" (2001). Canto ó léxico, preséntase como un vasto terreo aínda moi pouco explorado que está agardando polo traballo de novos investigadores. A elaboración dun diccionario histórico e dun diccionario etimolóxico da lingua galega dista aínda bastante de estar madura e probablemente teremos que agardar bastantes anos para vermos tales obras nos andeis das nosas bibliotecas.

Artigos de Ramón Mariño:
Sobre a propagación das mudanzas lingüísticas (I) e (II), en Canal Estudios Galegos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: