Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A aposta científica pola compostaxe

SOGAMA descarta a compostaxe no seu afán de buscar máis e máis que queimar. A materia fermentable, que podería ser compostada, acaba deste xeito tamén nas súas lapas. E é que os fermentables posúen un valioso poder calorífico. Neste artigo que segue, Francisco Díaz Fierros e María Teresa Barral fornécennos de argumentos científicos a favor da compostaxe.

- 12:57 10/12/2002
Tags:

A compostaxe, tratamento preferente

Os principios que inspiran a política europea sobre xestión de residuos sitúan os tratamentos biolóxicos nunha posición preferente en relación á incineración, incluso con recuperación de enerxía, e desde logo por diante do vertido, ó que deberían destinarse unicamente os residuos que non poidan ser reciclados e que non teñan ningún valor adicional, así como os residuos que resten despois da recuperación de materiais, de productos de conversión ou de enerxía (Directiva 1999/31/CE relativa ó vertido de residuos).

A pesar da polémica que nos últimos anos xurdiu en Galicia sobre a idoneidade da compostaxe como sistema de tratamento, alomenos dunha parte dos residuos xerados na Comunidade, cómpre lembrar que un dos obxectivos do Plan Nacional de Residuos Urbanos (2000-2006), derivado da Lei de Residuos de 1998, é lograr o tratamento do 50 por cento da materia orgánica de RSU mediante técnicas de compostaxe ó final do ano 2006. Así mesmo, contémplase o fomento de sistemas de biometanización, ata acadar o 5 por cento da materia orgánica no 2006. É tamén un obxectivo do Plan promover a utilización agroforestal do compost mediante a elaboración dunha norma sobre a súa calidade agronómica e promover o uso do compost por parte das Administracións públicas e consumidores particulares.

A compostaxe en Galicia

A compostaxe industrial comezou en Galicia coa planta de Mougá (Ferrol), xurdida co Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos aprobado no ano 1989. Tratábase dunha planta de compostaxe de lixo bruto con separación en destino, é dicir, o lixo recibíase mesturado, e separaba na planta a materia orgánica dos materiais inertes. A escasa calidade do compost obtido aconsellou o seu peche e supuxo un referente moi negativo para posteriores iniciativas.

Trala aprobación da Lei de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia en 1997, algúns concellos e mancomunidades optaron polos plans de xestión, que combinaban a recuperación de materiais reciclables coa compostaxe da fracción orgánica procedente da recollida selectiva, á que se podían incorporar outros materiais biodegradables. Un dos primeiros foi o Proxecto da Mancomunidade do Morrazo, que contemplaba a compostaxe –mediante un sistema fechado de compotúneles- de residuos orgánicos de orixe doméstica, restos vexetais, lodos de depuradora e residuos de industrias conserveiras, de gran importancia na zona, estaba prevista a obtención de 8.000 toneladas ó ano de compost. Características semellantes ten o proxecto da mancomunidade da Barbanza, que prevé obter 6.000 toneladas ó ano de compost con destino á agricultura, onde está próxima a inauguración da planta de tratamento no concello de Lousame.

Tecnicamente máis complexo é o sistema de tratamento elixido polo concello da Coruña e secundado pola mancomunidade da Área Metropolitana da Coruña, pois optouse por unha planta de biometanización con capacidade para recibir 220.000 t/ano de orgánicos, onde se combina a obtención de biogás, que se transforma en enerxía eléctrica, e a obtención de compost.

De grande interese, dadas as características da gran dispersión da poboación galega, son as experiencias de autocompostaxe, como a levada a cabo na Illa de Arousa, onde cada productor composta a fracción orgánica que xera –mesturada con triturado vexetal- en compostadores individuais, e aplica o compost nas súas propias parcelas. Outros concellos están planeando esta modalidade, que axunta sinxeleza, proximidade de aplicación e custo cero para o autocompostador, e reduce o custo global da xestión de residuos.

¿Que utilidade ten o compost?

As aplicacións tradicionais do compost están relacionadas coa agricultura. O uso máis común é como emenda orgánica, é dicir, como un material destinado a manter ou incrementar o contido de materia orgánica do solo, coa finalidade de manter a súa calidade física, química e biolóxica. No campo galego podería ser utilizado en substitución do esterco, dado que a producción deste foi diminuíndo nas últimas décadas nas explotacións familiares. Pode ser tamén utilizado como fertilizante, co obxectivo de incrementar o rendemento das colleitas, con beneficios que se manifestan de forma máis clara a medio e longo prazo.

Pero o compost pode encontrar tamén aplicación noutros campos máis innovadores. Un dos que parecen máis prometedores é a elaboración de substratos, para o que pode ser utilizado só ou mesturado con outros productos, como substituto de materiais como a turba, que é un recurso escaso e non renovable. A producción de substratos é limitada en Galicia e a súa demanda crecente, polo que consideramos que este pode ser un campo de utilización de grande interese. A xardinería, tanto pública como privada, é outra actividade que potencialmente pode absorber grandes cantidades de compost. A silvicultura tamén se beneficia deste producto, que se utiliza en viveiros e para transplante de coníferas.

Outro extenso campo de aplicación é a restauración ambiental. Así, por exemplo, no selado de vertedoiros, na restauración de canteiras, de cascallos de mina, na rexeneración de terreos afectados por incendios forestais, revexetación de noiros, descontaminación de solos, como biofiltro na retención de contaminantes e para a desodorización. Moitas destas aplicacións están relacionadas coas obras públicas, polo que a Administración pode ter un papel decisivo na promoción do uso do compost.

A calidade do compost: un obxectivo ineludible

A calidade do compost é fundamental para conseguir unha boa aceptación por parte dos seus potenciais consumidores e condiciona tamén o seu prezo de venda e as posibilidades de uso.Sen dúbida, a calidade esixida ó compost estará condicionada polo destino que se lle vai dar, pero sempre deberá presentar unha calidade mínima. Polo momento, a única norma que regula en España a calidade do compost é a Orde sobre fertilizantes e afíns de 1998, na que se establecen valores límites de metais pesados, humidade e porcentaxe de inertes, un contido mínimo de materia orgánica e de partículas de diámetro menor de 25 mm, e débese informar sobre os contidos de nutrientes se superan uns valores mínimos. Na Comunidade Europea, a situación lexislativa é moi diferente nos diversos países. Se ben de momento non hai unha norma común respecto á calidade do compost, está en preparación unha directiva co obxectivo de promover a producción do compost e a súa aplicación correcta desde o punto de vista ambiental.

Se o compost non cumpre uns criterios de calidade, a súa aplicación pode ocasionar diversos inconvenientes. Algúns prodúcense por deficiencias no proceso de compostaxe: malos cheiros, presencia de xermes patóxenos, sementes indesexables, bloqueo do nitróxeno do solo, contaminación estética por inertes e perigo de feridas, así como presencia de productos fitotóxicos. Outros inconvenientes derivan dos materiais que se compostan. Así, por exemplo, o compost pode presentar niveis excesivos de metais pesados se a fracción orgánica dos RSU non foi adecuadamente separada en orixe ou cando esta se composta xunto con lodos de depuradoras de augas residuais urbanas. Este tipo de inconvenientes poden evitarse seleccionando os materiais que se tratan e, fundamentalmente, realizando a separación en orixe dos residuos, coa finalidade de evitar o contacto da materia orgánica cos materiais contaminantes: pilas, recipientes metálicos, pinturas, papel e cartón impresos, plásticos... Por iso, os xestores de residuos deben dirixir todo o seu esforzo en concienciar o cidadán da importancia dunha correcta separación na orixe, poñendo ó seu alcance os sistemas de contenerización e/ou recollida que faciliten a separación.

A comercialización do compost

Para que as múltiples aplicacións potenciais do compost se transformen en mercados consolidados é necesario ofrecerlle ó consumidor un producto de características concretas e estables, para que poida existir unha demanda definida en competencia con outros productos, como poden ser os derivados da turba, cortiza, humus, estercos, que contan con experiencia no mercado, coñecemento do producto por parte dos usuarios e unha organización de vendas establecida (CER, 2001). Para iso, as plantas de compostaxe deberían contar con persoal dedicado en exclusiva a tarefas de comercialización, que asesorasen os consumidores sobre as características do compost e a mellor forma de aplicación.

O prezo de venda do compost é moi variable na UE segundo o país, a calidade do producto, a cantidade a a forma de presentación, e o uso ó que se destina. O compost pode chegar a ser de balde para algúns usos agrícolas ou para a restauración de vertedoiros, vendido a granel, ou acadar os 70 € por tonelada cando se destina a horticultura e paisaxismo, debidamente etiquetado e envasado. Hai que ter en conta que unha parte significativa do capítulo de ingresos das plantas de compostaxe débese ó cobro da tarifa correspondente á xestión de residuos, e non soamente á venda do producto. Hai quen desaconsella, sen embargo, a distribución gratuíta do compost, pois contribúe a crear unha mala imaxe para este, como un residuo do que interesa desfacerse.

Nos países líder –Alemaña, Austria, Francia, Holanda- toda a producción de compost é comercializada, e o seu prezo medio é duns 25€/t. As perspectivas futuras non parecen comprometer esta situación, pois se consideramos unicamente a aplicación agrícola, existe un exceso de capacidade no mercado dos estados membros da UE para asumir o potencial de producción de compost (CER, 2001).

En resumo, a compostaxe como sistema de tratamento de RSU presenta unha dobre perspectiva: xestión de residuos/fabricación dun producto, que deberá harmonizarse e optimizarse en busca da maior eficiencia, se ben a obtención dun compost de calidade debería ser un obxectivo imprescindible para que a súa aplicación produza beneficios ambientais e o cidadán se encontre motivado para levar a cabo correctamente as tarefas de selección.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: