Existe a cultura no universo da TVG? A tentación de responder simplemente non, é forte. Non sería unha resposta tendenciosa a xulgar polo que puidemos analizar durante a semana do 20 ó 26 de maio. Non o é se botamos unha ollada á programación no momento en que redactamos estas liñas. E que podemos dicir da información deportiva, a non ser a futbolística? Neste artigo, Miguel Vázquez Freire ofrece a súa análise sobre a programación cultural e deportiva da TVG.
Na análise dos informativos comprobamos que a proporción dedicada a novidades culturais é ben escasa. No resto, non podemos dicir que haxa a penas un só programa que responda ó xénero dos programas de específico carácter cultural. Ou si, un só programa: De Zine, que se emite pasadas as 12 (exactamente ás 1,45 horas) nas noites do sábado. A cultura na TVG redúcese, polo tanto, ó cine (un ámbito, por certo, onde a contribución especificamente galega é aínda feble, como é sabido) e ademais relegada para ollos de noctámbulos.
¿Que foi de aqueles programas do pasado, como A Trave de Ouro, que dirixía Víctor Freixanes? ¿Ou o que posteriormente presentaba o falecido Luis Mariño (Etcétera)? ¿Ou o aínda máis recente Entre a Terra e a Lúa? Por algunha razón, a rica vitalidade da nosa literatura, que ninguén nega, a actualidade teatral, suficientemente dinámica, por non falar do panorama musical que para moitos está a vivir unha auténtica idade de ouro en case todos os campos, non merece maior atención por parte da TVG. No reductor espello que a pequena pantalla ofrece ós ollos dos galegos, a dimensión cultural fica practicamente desterrada. ¿Terá este desterro algo que ver co carácter un algo (se non un moito) rebelde e pouco respectuoso coas ordenanzas do poder que parecen manifestar boa parte das figuras máis representantivas da nosa cultura? Se non recolleramos os datos no xa afastado mes de maio do pasado ano, poderiamos sentirnos tentados a pensar que esta desafección pola cultura puidese ter algo que ver co comportamento tan "antioficialista" de escritores, actores, músicos e demais xentes da cultura durante os axitados meses post-Prestige. Poderiamos sospeitar que a participación de boa parte deles na xeración desa tan molesta plataforma social chamada Nunca Máis tería algo que ver... Pero non. Simplemente, a TVG é opaca a case calquera presencia cultural xa desde antes de Nunca Máis. O mundo da cultura non ten lugar na Arcadia ideal que TVG reflicte e deseña (ningún espello catódico é inocente).
A ciencia e a educación poderiamos incluíla tamén dentro do campo cultural, aínda que habitualmente se consideran contidos que dan lugar a xéneros televisivos diferentes (xéneros ademais pouco ou nada atendidos pola maioría das cadeas). Coa pretensión de amosar a presencia das novas tecnoloxías e a investigación científica en Galicia, preséntase o programa Galicia século XXI, que adopta a forma dun documental destinado a loar as melloras do país nese campo; sen embargo, unha mínima obxectividade obriga ó presentador a comezar recoñecendo que o atraso galego é moi importante. En calquera caso, o formato adoptado dificilmente permitiría recoller o dinamismo da vida científica.
Hai, por certo, programas de carácter educativo que un pode atopar en reposicións ás horas máis imprevistas: Preescolar na casa e Educar hoxe repóñense ás 3,45 horas. Os designios dos programadores son inescrutables. O xoves, a partir da 1,20 horas emítese A chave, único programa de debate que mantén regularmente TVG e que adoita prestar atención nos seus contidos a temas culturais, educativos e científicos. Xa o dixemos: a cultura, para a TVG, é escasa e só cousa de noctámbulos.
Deportes
Non se pense que os deportes merecen unha atención moito mellor... se exceptuamos ó fútbol. Na semana analizada, só detectamos dúas emisións de tema deportivo que non tiveran relación co fútbol: a retransmisión dunha regata de traíñas e o programa Supersport-Motor. A primeira encaixa perfectamente na liña, característica da TVG, de recoller eventos festivos locais, sen que iso sexa óbice para recoñecer a importancia de prestar atención a modalidades deportivas populares. O segundo é máis ben un soporte publicitario a penas camuflado. Finalmente queda o fútbol. As cadeas autonómicas, como é sabido, chegaron a un acordo coa Liga de Fútbol Profesional para retransmitir en aberto partidos do campionato de 1ª División todos os sábados. Adoita ser un dos momentos de máxima audiencia da TVG. Ademais, en ocasións retransmítense tamén partidos das ligas inferiores con presencia de equipos galegos. Por suposto, os informativos das tardes inclúen un Deportes serán en que igualmente o fútbol mantén un protagonismo dominante (ademais do habitual apartado deportivo en todos os informativos en xeral). E finalmente, as tardes do domingo, a partir das 21,35 horas, o resumo e comentario dos partidos da xornada é outro dos segmentos horarios de máxima audiencia na TVG.
Só nos deteremos no comentario de dous aspectos en relación co tratamento dos deportes (queremos dicir do deporte: o fútbol) na TVG. En primeiro lugar, a linguaxe. É indiscutible o papel xogado polas retransmisións deportivas da TVG na xeralización entre os afeccionados ó fútbol de termos como "seareiros", "caneo" ou "bancadas", contribuíndo dese xeito a frear o evidente retroceso do idioma nun espacio de tanto poder afectivo e influencia en capas moi importantes da poboación (incluída a mocidade). Se o veterano e popular Pemán, presentador dos espacios dedicados ós prognósticos do tempo, foi un dos primeiros rostros cos que se puido identificar o galego do común porque a súa fala, especialmente na dimensión fonética, si a recoñecían como propia, lonxe das falas foneticamente neutras (por non dicir castelanizadas) da maioría dos primeiros presentadores da TVG, cómpre recoñecer que as principais voces dos actuais comentaristas deportivos parecen seguir esa mesma liña. En cambio, é de lamentar que a miúdo teñan convidados que ou non falan en absoluto o galego ou o falan estragándoo.
Outro tipo de análise merecería o enfoque adoptado nos comentarios, sempre orientado desde unha perspectiva parcial, naturalmente a favor dos equipos galegos. Que sexa ese o enfoque predominante en todas as cadeas televisivas (e non soamente nas españolas), non exime da conveniencia de revisalo. En todo caso, por sorte os comentaristas galegos polo menos nunha ocasión vense obrigados a practicar o esforzo da obxectividade: cando se enfrontan o Depor e o Celta.