Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
PORTUGAL 1 - GRECIA 2

Comeza a Eurocopa con derrota portuguesa

O maior espectáculo deportivo do continente, a Eurocopa, vivirase ata o 4 de xuño en Portugal. No Estadio do Dragão portuense, a selección anfitrioa abría o torneo cunha áspera derrota. Un gol grego aos sete minutos de xogo e unha desesperante carencia ofensiva arrefriaron a calideza da ilusión posta por todo Portugal na súa selección. O único galego na Eurocopa, Ricardo Cabanas, non se estreará coa selección suíza ata o 17 de xuño, contra Inglaterra. No outro partido de hoxe, España gañáballe a Rusia 1-0.

- 22:04 12/06/2004
Tags:

Nesta Eurocopa parten como favoritas Alemaña, Francia, Reino Unido, Italia e España. Ademais este ano Portugal, pola súa cualidade de anfitrioa, contaba alto nas apostas, ao enfrontarse á última oportunidade da súa xeración dourada.
Pero esta sorprendente derrota ante Grecia enche de nubeiros o horizonte luso, que deberá xogar todo o mércores contra os rusos. Con todo, aínda máis preocupante có resultado foi a falta de incisión dos ataques portugueses, que non crearon oportunidades en case todo o partido. A desesperación conseguiu que Cristiano Ronaldo transformase un gol no desconto, pero de nada valeu xa: Caragounis (min. 9) e o penalti de Basinas (min. 51) foron decisivos.

A atención galega, ademais de nos estadios de recente creación e na arte futbolística, estará posta na selección suíza, onde xoga o único galego: o carralés Ricardo Cabanas. Estará Cabanas o 4 de xuño desputando a final no Estádio da Luz lisboeta? O que está claro é que non debutará mañá contra Croacia, porque debe cumprir un partido de sanción.

No outro partido da xornada, a selección española derrotaba a Rusia (1-0) cun solitario gol do deportivista Valerón no minuto 60.


0/5 (0 votos)