Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
O GALEGO CABANAS DEBUTA FRONTE A INGLATERRA

Portugal segue vivo na Eurocopa

A selección portuguesa gañoulle un difícil partido á selección rusa (2-0) e mantén as súas posibilidades intactas na Eurocopa 2004, da que é anfitrioa. Todo se decidirá no último partido desta primeira fase, fronte a España. Por outra parte, o carralés Ricardo Cabanas debutará coa selección suíza fronte a Inglaterra, nun partido onde só vale a vitoria.

- 07:09 17/06/2004
Tags:

Portugal enfrontábase á selección rusa no novo Estádio da Luz lisboeta. Quen perdera estaba fóra, e a presión xogaba contra os lusos tras a derrota da primeira xornada diante dos gregos (1-2). As críticas ao sistema do técnico Scolari circularon nestes días por todos os xornais e tabernas: algo que non fose unha vitoria significaría un duro fracaso.

Pero a sorte aliouse da selección portuguesa. Ao minuto 7 unha xogada sinxela deixaba a Maniche diante da portería e só tiña que botar o balón dentro. O partido podía abrirse ou afundirse no aborrecemento, e sucedeu isto último. A selección rusa demostrou as súas carencias, e a portuguesa o medo e a falta de ambición. Nada sucedía ata que ao bordo do descanso o árbitro noruegués decidía expulsar o porteiro ruso por unhas mans inexistentes.

O descanso favoreceu unha selección rusa con dez xogadores pero incisiva, mentres que os portugueses se situaban ao remolque do contrataque. Con todo, as inoperancias foron máximas e só un solitario tiro ao pau de Figo puido mover os electróns do marcador seriamente. Ao bordo do final, cando a tensión dun posible empate se facía máis evidente, o mociño Cristiano Ronaldo inventou un centro que Rui Costa enviou ao fondo das mallas rusas. Os orientais fan as maletas con este resultado, e quédalles xogar a honra contra Grecia, no último partido. Os portugueses, pola contra, xogarano todo contra España o domingo, que empatou cos gregos (1-1). Aos lusos só lles vale unha vitoria, ou o empate no caso de que Rusia venza a Grecia.

Por outra parte, o único galego na competición,
Ricardo Cabanas, debutará fronte a Inglaterra tras cumprir o partido de sanción co que o castigou a UEFA. Unha derrota deixaría os suízos paracticamente fóra da competición, e un empate abriría o bombo das carambolas. Con todo, o partido ante a selección de Beckham non parece sinxelo para o equipo de Cabanas e Chapuisat.


0/5 (0 votos)