Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
OS GALEGOS EN ATENAS

Cinco atletas con posibilidade de medalla

A delegación galega para as Paralimpíadas atenienses está formada por cinco deportistas dos que catro son homes e só unha rapaza, nacida en Madrid e residente en Xove. Todos eles teñen practicamente asegurado o diploma olímpico e, nalgúns casos como é o de Chano Rodríguez, tamén van con moitas opcións de traer medalla.

- 12:05 17/09/2004
Tags:

E precisamente Chano, Sebastián Rodríguez Veloso, será o primeiro galego que entre en acción. Este nadador ten a súa primeira proba paralímpica o día vindeiro domingo 19 de setembro nos 100 metros libres da clase S5. Chano volverá á piscina o 21, nos 200 metros libres e o 27 nos 50, ademais de participar nos relevos 4x50 metros libres e estilos. En Sidney xa conseguiu cinco medallas de ouro, o que o convirte na gran baza do equipo galego.

O día 20 deixamos a pileta polo tiro paralímpico. Xosé Antonio Saavedra enfróntase ás súas segundas Paralimpíadas logo de quedar cuarto en Sidney, a só unhas décimas da medalla de bronce. Compite na clase SH2 e participará, o día 20 nas probas de R5-Carabina tendido e o día 22 nas de R-4-Carabina de pé.

A primeiriza nunhas Paralimpíadas é Almudena de la Osa e o seu día é o martes 21 nas eliminatorias dos 100 metros libres da clase S10. Esta rapaza do Clube de Natación de Xove achégase a Atenas coa ilusión de acadar, cando menos, un diploma olímpico.

O días 23 estréanse dous galegos, Antonio Cid en boccia individual e Pablo Cimadevila na piscina. O primeiro xa colleitou moitos éxitos ao longo da súa traxectoria deportiva e tamén coñece o que son unhas Paralimpíadas, as de Sidney 2000. Cimadevila compite en tres clases distintas: SM5, SB4 e S6. A súa primeira cita é o xoves nos 200 metros estilos da SM5, repite ao día seguinte nos 100 metros braza da SM4 e remata o día 25 cos 50 metros bolboreta da S6. Ao seu favor ten a experiencia australiana, na que se fixo co ouro nos relevos 4x50 estilos.


0/5 (0 votos)