Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
ACTUOU CONTRA OS MILITARES GOLPISTAS DO 23-F

Morreu o tenente xeneral José Gabeiras

O tenente xeneral José Gabeiras morreu en Madrid aos 88 anos. Nacido en Ferrol, Gabeiras adquiriu notoriedade ao ser un dos membros da cúpula militar que se enfrontou máis decididamente contra os golpistas do 23 de febreiro de 1981. Nese momento era Xefe do Estado Maior do Exército. Un día despois do seu falecemento, Gabeiras foi ratificado como presidente de honra do Comité Cidadán de Emerxencia in aeternum.

- 11:30 04/01/2005
Tags:

O concello de Ferrol fixo público un comunicado no que mostra o seu pesar polo falecemento do xeneral Gabeiras, que "en momentos difíciles da historia recente do país, soubo demostrar a súa valía profesional e o seu valor como persoa".

Nos últimos anos, José Gabeiras púxose á fronte do movemento cidadán contra a instalación dunha planta regasificadora na ría de Ferrol. O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol tamén recoñeceu nun comunicado o seu "exemplo na defensa das liberdades, a xustiza, o medio ambiente e da súa terra".

O propio Comité acordou o 4 de xaneiro en sesión urxente ratificar a Gabeiras presidente de honra da entidade in aeternum, e continuar co seu legado de preocupación polo noso patrimonio natural. O Comité Cidadán de Emerxencia acordou, asemade, organizarlle un acto de homenaxe cidadán e promover unha recollida de sinaturas para que a Xunta de Galicia cumpla a lei establecida en materia ambiental.

Outra das liñas de traballo establecidas marca a petición de que Concello coloque unha placa na casa natal de José Gabeiras, organice unha homenaxe institucional e lle dedique unha rúa da cidade ao finado. O tenente xeneral José Gabeiras recibiu sepultura este luns no cemiterio de Cervás, en Ares.


0/5 (0 votos)