Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
HOMENAXE

As Pontes lembra a figura de Moncho Valcarce, "o crego das Encrobas"

A Irmandade Moncho Valcarce e o Concello presentarán mañá sábado no Mercado Vello a exposición "Unha Vida de Compromiso. Moncho Valcarce", na que se fai un percorrido pola biografía deste histórico persoeiro do galeguismo, un sacerdote comprometido co seu pobo que precisamente exerceu durante os seus últimos anos nas Pontes.

- 11:42 04/03/2005
Tags:

O acto de apertura da mostra terá lugar este sábado ás sete da tarde, e contará coa presencia do alcalde pontés, Víctor Guerreiro; a secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra e Ramón Muñiz, presidente da Irmandade.

Na exposición temos un percorrido polos principais fitos na vida deste persoeiro, nado en 1.935 na Coruña. Valcarce decidíu facerse crego cando estudiaba o último curso da Facultade de Dereito, e polo tanto entra no seminario algo maior, con 24 anos.

Dende os primeiros tempos decide adicarse ó mundo rural, e no Seminario de Compostela forma un equipo de compañeiros
da diócese para atender ás zonas menos favorecidas do país.

O seu primeiro destino oficial foi o de cura das parroquias de Sésamo e Sueiro, e aplicou algunhas novidades na súa práctica que foron recibidas con algo de sorpresa, como provoca-la participación dos fieis, celebra-las misas con pan e viño normais e non cobrar polos servizos relixiosos. Tamén nese
intre comezou a súa actividade social, coa creación dunha comunidade cristiá de base e a publicación dunha revista.

Pero esta militancia trouxo aparellada tamén a atención do rexime franquista, e no ano 74 foi detido en Betanzos nunha reunión clandestina organizada polo Partido Comunista.

Pero a pesar disto, seguiu celebrando reunións de labregos contra a cota empresarial e polo prezo do leite. Tamén se comprometeu con loitas como a das Encrobas, Baldaio, Loño e Xove.

No ano 79 foi elixido concelleiro de Culleredo, representando ó BNPG, e na seguinte lexislatura volveu ser elixido como membro do BNG.

En setembro do ano 88 convive uns días co equipo pastoral das Pontes, ao que logo se incorporou definitivamente, atendendo as parroquias de San Pedro de Eume, Faeira e San Martiño de Goente.

No ano 91 comezou a sufrir unha grave doenza que o mantivo periodicamente postrado, ata que en setembro marchou para A Coruña, onde o coidadaron dúas irmáns e a súa nai.

En febreiro do 93 falece Moncho Valcarce e recibe sepultura na capital herculina.


5/5 (2 votos)