Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Cartafol

Xestionado por Héitor Mera
RSS de Cartafol
Xosé Chao Rego: Biblia popular galega

Unha Biblia de noso

Biblia popular galega
Xosé Chao Rego
Xerais, Vigo, 2004. 230 páxs., 35 €


A Biblia, á marxe de consideracións relixiosas, é un clásico da nosa cultura. As culturas protestantes e do libre exame convertérona nun dos primeiros éxitos da imprenta e mesmo contribuíron decisivamente á normativización e normalización das chamadas linguas vulgares nos países protestantes. O galego non tivo a sorte de contar cunha tradución da Biblia –por certo, dunha extraordinaria calidade e riqueza lingüística– ata 1989. Hoxe Chao Rego ofrécenos nesta obra unha antoloxía comentada do Antigo Testamento na liña do catolicismo galeguista e progresista, que nos fai ver con ollos novos moitas pasaxes.

- 12:01 05/03/2005
Tags:

Chao Rego elixe textos que considera significativos do Antigo Testamento e reprodúceos seguindo a citada versión galega da Biblia, de 1989, da editorial Sept, cuxa calidade lingüística xa salientamos. Pero non queda aí. A continuación interpreta en clave galega e progresista o texto bíblico antologado na sección Cousas. Esta sección Cousas, que nos lembra intertextualmente a Castelao, é un acerto, porque contén explicacións sintéticas, xa non só sobre a Biblia, senón sobre antropoloxía, historia, ética e o que chamamos en xeral disciplinas humanísticas. Estas Cousas son a obra dun humanista, que está moi por enriba dos textos deste tipo que adoitan propoñerse nos nosos centros de ensino para lectura dos adoslecentes, coma o sempiterno Savater e similares. Pero claro, Chao –e outros escritores galegos– non escriben na lingua do Imperio coma Savater, nin están protexidos polo grupo Prisa. Para que nada falte, Chao Rego completa a reflexión e o comentario bíblico cunhas cuartetas sobre o texto elixido cheas de celme.

A galeguización da Biblia leva a Chao a referir sempre os textos bíblicos á situación galega, ben por semellanza, ben por antítese. O pobo de Israel considerábase pobo elixido, o galego autodesprézase. O Xordán revitaliza Israel, algo similar ten que ser para nós o Miño. Abraham foi emigrante, coma tantos galegos, que hoxe temos que aceptar os inmigrantes, di Chao, porque o futuro é mestizo. A Torre de Babel non supón unha maldición, senón a exaltación da riqueza da variedade e o castigo dos uniformizadores... Sodoma non é como nolo contaban e nin ten que ver cos homosexuais... A Biblia non hai que entendela ao pé da letra no que se refire á muller, pois é expresión dunha sociedade patriarcal... O velorio non é unha antigalla, senón un rito de solidariedade coa dor allea... O Espírito Santo podía ser feminino, se non fose polo machismo da Igrexa oficial. David foi o inventor da intifada, que agora, cos tempos cambiados, os israelís non toleran...

Por outra banda, nestes tempos de galego de corrector ortográfico, é de agradecerlle a Chao Rego a súa lingua rica co bo manexo do infinitivo conxugado, a intercalación literaria do pronome átono nas oracións negativas, a intercalación do pronome átono entre a preposición/conxunción e formas amodotemporais rexidas, o emprego dos posesivos de propiedade exclusiva, o dativo de solidariedade, o uso de onda/canda, a fraseoloxía rica e enxebre..., que nos deixa ver nel o falante de galego da Terra Chá, pero tamén o escritor preocupado polo estudo e mellora da súa lingua. Grazas, xa que logo, por usar un galego de código elaborado e non de código restrinxido.

Hai uns días lía nas páxinas do Faro de Vigo un artigo do meu antigo e sempre mestre Méndez Ferrín, do instituto Santa Irene de Vigo, en que se laiaba de que nun acto das festas de Nadal en Vigo, en galego, se lese un texto bíblico en castelán. Cómpre que todo o mundo saiba que, hoxe por hoxe, en canto a calidade literaria, a Biblia galega de Sept e esta versión popular do Antigo Testamento de Chao son superiores, repito, en todo, en calidade literaria e rigor, ao que por aí se ofrece en castelán. Algún día teremos que falar de como os filólogos e filósofos de noso, os libros de texto de noso, os historiadores de noso... nada lles teñen que envexar aos que se expresan en castelán, aínda que desde aquí lles deamos un pau de cando en vez. O que pasa é que non saen no Babelia (ou Parvelia), no analfabeto ABC ou no Mundo (pequeno e cativo) de Pedro J., e que os críticos galegos, pese a todo, temos máis liberdade e desinhibición ca os madrileños.

Só nos queda dicir que estamos a esperar que o que agora fixo Chao co Antigo Testamento, o continúe axiña co Novo.

mércao en Andel


0/5 (0 votos)