Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A Limia

RSS de A Limia
PARQUE DE BOMBEIROS COMARCAL

Aprobados os Estatutos do Consorcio do Parque de Bombeiros

Hoxe pola tarde celebrouse a asemblea dos representantes de tódolos concellos da comarca que se integrarán no futuro Parque de Bombeiros. O motivo desta xuntanza era debatir e aprobar os estatutos que rexirán o funcionamento deste ente.

- 00:58 08/03/2005
Tags:

Despois da exposición realizada polo representante da Xunta de Galiza, que fixo un percorrido polos artigos máis salientables dos estatutos, abriuse un turno de intervencións no cal os representantes de CG, PSdeG e BNG coincidiron en criticar a case nula representación e influencia que van ter, coxunturalmente, os seus partidos nos órganos de decisión do consorcio. Isto é así como consecuencia do sistema previsto para a designación do Pleno xa que este estará formado por dous representantes da Xunta, outros dous da Deputación, o alcalde de Xinzo e outro elexido entre o resto de rexidores. Para paliar en certo modo este déficit introduciuse un artigo, que non se recollía na redacción inicial, mediante o cal se crea un órgano de caracter consultivo formado por tódolos alcaldes dos concellos.

Outro punto que levantou certa polémica foi o referido á financiación do Consorcio, xa que, nun principio está previsto que sexan Xunta e Deputación as que corran con tódolos gastos derivados do funcionamento do mesmo, mais isto pode variar por un acordo entre ambas institucións co cal os Concellos pasarían a sufragar o 20% destes gastos.

Ó remate celebrouse unha votación e os estatutos quedaron aprobados cunha exigua maioría do PP e a abstención das outras forzas.

Se se respectan os prazos previstos o Parque de Bombeiros debería estar construido e listo para comezar a funcionar no segundo semestre do 2006.


0/5 (0 votos)