Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVO MAPA AUDIOVISUAL

O Consello da Xunta aproba o decreto da Televisión Dixital Terrestre

Non foi sen tempo. Malia que as primeiras previsións de Xesús Pérez Varela apuntaban a que no mes de febreiro Galiza contaría coa normativa reguladora da TDT autonómica e local, foi aínda hoxe cando o Consello da Xunta lle deu por fin a luz verde. O decreto aprobado esta mañá recolle os fins e condicións que deberán cumprir as novas emisoras de televisión.

- 20:17 14/04/2005
Tags:

Á espera de que se publique este decreto no DOG todo fai pensar que é un calco do borrador publicado xa hai algúns meses no que figuraba a obrigatoriedade de que cando menos o 60% da emisión sexa de produción propia e que a língua "usual" sexa o galego. Logo da aprobación deste marco regulador elaboraranse as bases que rexerán os concursos públicos para que as empresas opten a facerse con algún dos dous programas autonómicos ou con algún dos 63 de ámbito municipal.

Xesús Pérez Varela indicou esta mañá que xa se lle pedira ao Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia que participe no deseño do prego de condicións "para que o concurso sexa o máis obxectivo posible, dentro das limitacións" xa que Galiza conta con catro programas autonómicos dos que dous xa están reservados para a TVG.

Para o ámbito local hai 21 demarcacións dixitais con capacidade para catro programas en cada unha delas. Deses catro programas (cadeas) un resérvase para que o xestionen conxuntamente os concellos que o solicitasen no seu día mentres que os outros tres serán os que sallan a concurso, igual que no caso dos autonómicos, "en concorrencia competitiva".

Tan pronto como se publiquen as bases dos concursos as empresas de comunicación que queiran facerse cun programa privado autonómico ou local deberán preparar os seus proxectos e presentalos para que a Xunta tome a decisión de a quen se lle outorgan.

Porén, os prazos son moi xustos. De acordo coa lexislación estatal os concursos deberán estar resoltos o 4 de agosto deste ano como moi tarde. No mellor dos casos pouco máis de tres meses para facer cálculos de viabilidade e para preparar as ofertas, nas que se deben contemplar entre outras cousas requisitos de tipo empresarial e criterios de programación que despóis serán de obrigado cumprimento.


Ligazóns

0/5 (0 votos)