Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
OS GUERRILLEIROS DAS FRAGAS ESIXEN QUE SE RESPECTE A LEXISLACIÓN MEDIOAMBIENTAL

As Fragas do Eume ameazadas por un proxecto mineiro

O grupo ecoloxista Guerrilleiros das Fragas ve unha ameaza para o Parque Natural das Fragas do Eume no proxecto de explotación de andalucita. Por esta razón, presentou unha serie de alegacións perante a Consellería de Medio Ambiente nas que se reflicten os máis graves impactos que este proxecto producirá no espazo natural protexido. Os Guerrilleiros das fragas-FEG solicita a retirada do Estudo de Impacto Ambiental, do Proxecto sectorial de aproveitamento de andalucita no termo municipal d'As Pontes e a creación dunha comisión de traballo na que estean representadas todas as partes interesadas, incluídos ecoloxistas, coa fin de facer un proxecto da mina consensuado por todos.

- 06:29 05/05/2005
Tags:

Como se pon de manifesto no proxecto esta mina ocupará máis de 779.127 m2 do Parque Natural das Fagas do Eume durante a vida útil de dita explotacion, máis de 54 anos. Tal intrusión no mellor bosque costeiro atlántico europeo non pode ser de ningunha maneira permitida por unha sociedade que se di desenvolvida. Pistas asfaltadas, balsas de decantación de lodos, escombreiras de 900.000 m3, escavacións con tecnicas de extracción de ripado en 5 ha, modificación do Rego de Cernada mediante unha balsa para suministro de auga...todo elo nun lugar de alto interes faunístico, perto de zonas de cria e campeo do Lobo e de uso do Moucho Real, entre outras especies protexidas.

A Lei 9/ 2001, de conservación da natureza di no artigo 12: "Os parques son áreas naturais, pouco transitadas polas actividades humanas, que, en razón da beleza dos seus sitios, da representatividade dos seus ecosistemas ou da singularidade da súa flora, fauna ou formacións xeomorfolóxicas, posúen uns valores ecolóxicos, educativos ou científicos dos que a súa conservación merece unha atención preferente.[..] Nos parques poderase limita-los aproveitamentos dos recursos naturais, prohibíndose en todo caso os incompatibles coas finalidades que xustificasen a súa creación".Parece pois evidente que esta obra o xerar un forte impacto no Parque Natural das Fragas do Eume, a Consellería de Medio Ambiente como responsable da xestión dos espacios da Rede galega de espacios naturais protexidos, ten que denegar o permiso de explotación.

As afeccións á fauna e vexetación non son as que se indican no estudo, xa que para empezar non se reflexan moitas especies existentes, sobre todo as de maior valor en conservación. Se cadra porque precisamente onde se trata o tema falta unha páxina, algo que denota ademais de incompetencia unha deixaded intolerable o xogar con espacios protexidos pola lei.

A prospección arqueolóxica é claramente insuficiente, pola súa inexistencia
O plan de seguemento e vixiancia é moi escaso e pouco adecuado, por exemplo, non prevé situacións de emerxencia ante a rotura dunha balsa de decantación.

No tocante as instalacións de tratamento e os reactivos a empregar atopamos unha insuficiente explicación, sendo un dos aspectos que maior impacto pode causar ante unha hipotética filtración, rotura de balsa ou verquido de reactivos, solo se citan alguns reactivos como o preparado ferrosicílico e suspensións pero sen indicar nin sequera os reactivos líquidos e floculantes que se pensa usar. E moi importante coñecer os ácidos decapantes que se van a usar na separación do mineral para coñece-lo seu posible impacto.Tampouco se reflexa como será alimentado o secador , dise que pode ser con gasoil ou propano, nin sequera se teñen en conta modelos de producción de enerxía respetuosos co medio, propoñendo enerxias alternativas.

En canto os verquidos, en ningún momento se caracteriza de ningunha maneira os verquidos a balsa de estériles, definíndoos como elementos inertes sen ningún perigo cando parte do mineral a extraer procede de asociacións quimicas con metais pesados como arsénico, de gran poder contaminante. Por tanto o proxecto elude caracterizar químicamente os lodos a verter na balsa de estériles dada a perigosidade da súa composición e non ofrece alternativas de tratamento, nin métodos de neutralización desos compostos. Dada a composición claramente tóxica e perigosa destos residuos os que o estudo quere chamar inertes, deberían ser tratados por tanto como residuos tóxicos e perigosos. Por outra banda para o diseño da balsa non ofrece datos clarificadores de si dalgun modo se pode chegar a saturación da mesma e producirse un episodio de contaminación moi grave. Non se di con que frecuencia, nin como será a limpeza das balsas.

E polo menos neglixente a inexistencia dun estudio hidrolóxico adecuado as características da explotación proxectada, a existencia de estructuras susceptibles de producir contaminación freática e fluvial e as dimensions e localización da obra nun Parque Natural fan ó noso xuizo imprescindible tal estudio.

Unha mostra máis do pouco riguroso deste estudio é a ausencia de Bibliografía e estudios rexionais e locais, así como o feito de que en ningún momento se fai referencia os catálogos rexionais de especies ameazadas nin a lexislación autonómica.

Queremos calificar de insultante que a única medida que se toma no proxecto por factores ambientais, e o compromiso de manter unha masa de pino para o seu uso como efecto pantalla, para producir un impacto visual nulo se dice.

O proxecto xustifica a explotacion como de utilidade pública e social polo artigo 2 da ley de minas, parece máis que superado este tema coa cantidade de lexislación autonómica que protexe o Parque Natural dende a sua declaración por decreto 218/1997 do 30 de xullo,a incidencia supramunicipal do proxecto tamén a poñemos en dubida co artigo 4 do decreto 80 /2000 que dispon : "...hai que ter en conta entre outros criterios os efectos positivos que produza no medio ambiente, paisaxe rural e no patrimonio cultural..." Non vemos por ningún lado estes efectos positivos.

Si vemos como algo positivo os postos de traballo xerados pola empresa pero se o Parque Natural tivera unha xestión apropiada, coa creación dun equipo de educación ambiental específico, co aumento do servicio de vixiancia, seria necesario un número superior de empregados ós ofrecidos pola mina.

Os Guerrilleiros das fragas-FEG solicitan por isto: A retirada do Estudo de Impacto Ambiental, do Proxecto sectorial de aproveitamento de andalucita no termo municipal de As Pontes e a creación duna comisión de traballo na que estean representadas todas as partes interesadas, incluídos ecoloxistas, co fin de facer un proxecto da mina consensuado por todos. Ou que a perceptiva Declaración de Impacto Ambiental sexa NEGATIVA, e que en consecuencia non se permita a construcción do proxecto.


0/5 (0 votos)