Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
CONFERENCIA SOBRE A VOCACIÓN TEATRAL DE ÁLVARO CUNQUEIRO NA UB

Manuel Lourenzo: "Don Hamlet é a chave do teatro galego actual"

O autor, actor e director de teatro Manuel Lourenzo; perdón, quería dicir: Melgacho, que é o nome co que para ben ou para mal ‘subirá ao ceo’ (cousas dos mass media), reivindicou o venres pasado na UB o valor da obra dramática cunqueiriana, especialmente o do Don Hamlet, peza teatral cuxa importancia pasou desapercibida, pois de ser escrita nunha lingua como o inglés ‘todos os autores se pegarían por levala a escena e Cunqueiro viviría mellor que a raíña de Inglaterra’. Por David P. González.

- 21:55 15/11/2005
Tags:

Sabedes o que se preguntan dous xenios cando se atopan? Pregúntanse: cómo podemos ao mesmo tempo ser un e ser moitos? Pois ben, Manuel Lourenzo existen, e nós puidemos ver un deles a dialogar con outro deses seres múltiples que acudiu á cita co seu corpo de ‘auga fresca’, ese corpo etéreo que inundou a sala dende a boca do noso dramaturgo cando recitou algunhas liñas dese incerto señor (como poema que é).

Xentes de Elsinor, teredes que desculpar que a crónica deste bufón se empape de lirismo faranduleiro sen deixar de narrar, pois cando o poder da palabra desenmascara a realidade non hai maneira de escapar ao contaxio, e bórranse as barreiras de calquera tipo de xénero que nos puidera aprisionar.

Nese castelo que é a universidade central, puidemos comprobar que Hamlet vive, pero non pola graza de ningún deus; foron outros os que se encargaron de reavivar a súa chama a través de novas solucións e formas de representación. A resurrección foi tal que ata as personaxes se confundiron no mar das letras, de maneira que non recordaban moi ben se o seu nome era Hamlet, Edipo ou Orestes, Gerda, Iocasta ou Clitemnestra…

Ao fin e ao cabo, como en todos os mares, o importante é chegar a bo porto, ou a ese ‘punto na eternidade’ que diría Valle-Inclán, outro deses seres múltiples que foi traído tamén a este encontro por vía das ensinanzas e do parentesco, pois non ben empezado o acto M. Lourenzo xa se encargara de apuntar o seu parentesco político con Cunqueiro e máis adiante sinalaría que este tiña a Valle por tío avó seu. Semella que a relación entre alumno e mestre vai creando vínculos máis aló do familiar, pois sangues alleos non deben de vir a entorpecer o seu sino.

‘Demostrar que o teatro está en toda a súa vida’, empezou dicindo Melgacho, como se o mesmo crime non fose con el (sen terlle conta da outra incongruencia, pois todos sabemos que Melgacho nunca fala), para ir debullando en obras e lugares a función durante a que o mindoniense ensuciou o seu traxe de diario.

Púxosenos ante os ollos o lente marabilloso co que Cunqueiro vía as cousas dende moi arriba e en conxunto, un punto de vista elevado e no que adoitan coincidir este tipo de personaxes, como o da Pobra xa citado, ou coma o propio comediante que nos relatou este discurso, que a pesares da súa non excesiva estatura tamén semella que cando menos albisca todo dende unha altura semellante á do pico máis alto de Mondoñedo.

Tamén se nos pousou na boca o gusto por unha lingua que ‘sabe a pan fresco’, que foi e é dignificada grazas a autores coma estes (apuntador: coidado co Hamlet en edicións desfarangulladas, que non me saben igual). Sempre é unha gran idea utilizar dúas linguas porque arriqueces a masa; neste senso citouse a Pepe Monleón quen, nunha conversa ao respecto disto co noso dramaturgo, chegou a engadir que ademais o castelán era un ‘idioma de dereitas’ (por razóns lingüísticas, por suposto). A esta cita tamén acudiu Castelao (coro: xa nos tardaba!), como exemplo da perda que supón a tradución nunha obra concebida para unha cultura determinada: ¡Anda Pimpinela!, ¡anda varita de avellano! Sobran comentarios.

Pensando no que é, e no que non é, albiscamos o que puido ser, pois Cunqueiro prometéralle facerlle unha obra ao hipotético Lourenzo, ese que nos confesaba que todo teatro supón unha cultura, e que toda a literatura deste seu mestre procedía da arte de saber escoitar a vida, o vento: ‘o teatro pasa ao ar’, que dicían no Simbad; ou ‘son voces nunha praza’ que apuntara Fernández del Riego. Pero a maxia na súa obra xorde sobre todo de facer presente o soñado, de expor unha teatralidade íntima e chea de sensacións en cada diálogo, de forma que todos nos sentimos Hamlet e percibimos que a realidade que nos envolve non é de todo verdadeira mais, ‘se non é vero, é ben trovato’, ou nunha expresión máis nosa: ‘Cunqueiro minte coma un cabrón’, o que non resta, senón que máis ben suma, credibilidade á súa obra.

Xa por último e permitíndome explotar cunqueirianos anacronismos, teño que dicir que esta nena curiosa e melancólica que son quedou ata o remate da función, de maneira que cando todos marcharon puiden ter nas miñas febles mans o guión que Melgacho Lourenzo estivera a seguir durante o seu diálogo con outros de si, e non sabedes cal foi a miña sorpresa cando comprobei que naquelas follas non había ren, ña nai! Non estaban alí os lirios apreixados contra o peito nin as memorias de ningún mestre… posiblemente as verbas foran levadas polo vento que dende hoxe pode entrar nas estancias de Elsinor. Abramos pois as orellas para capturar o saber do vivido e do soñado, porque de nós tamén ten que ficar algo: palabras, palabras, palabras.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: