Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
[Fútbol][Seleccións galegas]

Entrevista a Juan Carlos Laurenza: "Un Galiza-Holanda na Eurocopa sería saudábel"

Laurenza é o único xornalista que veu de Uruguai para radiar o partido. Columnista de 'La República', coñece ben o fútbol uruguaio e o español. E a importancia simbólica do partido para o rival. Que Galiza poida xogar contra Holanda nas eurocopas do futuro, anque non teñamos liga propia, parécelle "saudábel, como todas as cousas que a xente quere maioritariamente".

- 12:46 07/07/2006
Tags:

Vieiros: Sabe vostede da importancia do partido para Galiza, non? Non xogamos desde o 36, e agora conseguímolo ao mesmo tempo que Murcia, grazas a un cambio de Goberno.

Juan Carlos Laurenza
: Si, é unha pena que non se crease antes unha selección galega, con todos os futbolistas que deu Galiza... e tamén é un motivo de orgullo para Uruguai que nos elixisen a nós para o debú.

É tamén un evento histórico para Uruguai?
O feito é que, malia sermos unha selección con moitísima historia, ficamos fóra do Mundial... pero o feito de que Galiza reparase en nós é máis que simbólico. A porcentaxe de galegos en Uruguai é altísima. Moitísimos uruguaios son descendentes de galegos.

Son recoñecíbeis os futbolistas galegos no seu país?
Desde logo, sequera Fran e Míchel Salgado. A Fran téñeno por un xogador de gran perfil técnico, coa lenda de que ás veces lle falta entrega. O caso de Míchel é diferente; para min é entrega e nada máis.

Os Celta-Dépor non son tan tensos coma os Peñarol-Nacional, pero chégalle. Cre que a selección galega servirá para recurtar distancias no mesmo país?
Eu creo que o fútbol, cando un entra na cancha... en Uruguai tense dado o caso de irmáns enfrontándose nun Peñarol-Nacional, pero saíron xuntos despois do partido para cear na casa. É fútbol. Neste sentido, eu creo que a formación da selección galega axudará.

Como xogará Uruguai?
Uruguai vai sorprender. É un equipo de saída rápida polas bandas, cun só volante de contención, Omar Pouso, e despois todo son saídas rápidas, desde abaixo, co lateral dereito Varela, e cos interiores Sarkyssian e Albín, que xogará por Recoba. E adiante, Gonzalo Vargas e Blanco, que se cambiará con Salgueiro na segunda parte. Estou seguro de que han agradar. Darán un gran espectáculo.

Hai moita diferencia entre o Uruguai de agora e o de antes, célebre de tan correúdo que era?
Eu creo que a Uruguai se lle perdeu un pouco o respecto a nivel mundial por querer conducir o equipo cara algo que non está nos xenes nin dos xogadores nin da mentalidade do país. O típico xogador uruguaio é de perna forte, duro defendendo e capaz adiante. Quizais agora hai moitos xogadores que pensan máis na prata de Europa... o certo é que cada un dos uruguaios que xogan contra Galiza cobrarán mil dólares. E hai xogadores en Uruguai, de primeiro nivel, que gañan só 400 ao mes. Que os galegos estean tranquilos: os xogadores que estarán en San Lázaro son os que quixeron vir, e hano facer ben. Non teño ningunha dúbida ao respecto.

Tamén é certo que o fútbol uruguaio ten un certo problema de autoridade, non?
O presidente da AUF, Eugenio Figueirido, ben relacionado con Blatter, é un problema. Desde que el cogoberna o fútbol do meu país, xunto coa empresa de Francisco Casal, que privatizou os dereitos televisivos e ademais representa á moitísimos xogadores, o fútbol uruguaio non fixo nada relevante.

Cal é o problema de España, a nivel de seleccións?
España debería priorizar o tema dos oriundos, porque se alimenta demais dos estranxeiros, e as aportacións dos xogadores españois son escasas. É xusto ao revés do que pasa en Uruguai, onde non poden xogar máis de tres estranxeiros por equipo. No meu país exportamos a crema e importamos o que vén de volta. En España é xusto ao contrario.

De momento aquí non temos liga propia, como en Irlanda, pero ¿gustaríalle ver un Galiza-Holanda nas eurocopas do futuro?
Sería saudábel. Non sei se constitucionalmente se pode facer, pero todo o que queira unha maioría de xente é saudábel.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: