Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS RECOMENDACIÓNS DO ''LIBRO BRANCO'' PARA A FLEXIBILIZACIÓN

A necesaria revisión de horarios para o aumento da calidade de vida e a produtividade laboral

Seica en moitas ocasións ter un bo horario achégalle máis satisfacción ao traballador que ter un bo soldo. Así o recolle o estudo realizado pola Fundación Independente en colaboración co IESE e co ministerio de Administracións Públicas, que serviu de base para a elaboración do Libro Branco do executivo. As propostas serán aplicadas desde comezos de ano nas administracións do Estado, reducindo o tempo para o xantar e poñendo a fin da xornada diaria nas 18h. O goberno español quere impulsar estas prácticas nas pequenas e medianas empresas.

- 07:56 30/12/2005
Tags:

"Con estas medidas preténdese rematar co costume cada vez máis extendido de prolongar as xornadas de traballo", prácticas que segundo a análise do ministerio son "case sempre innecesarias e froito dunha errada organización do traballo". O executivo cita os datos doutros países desenvolvidos do contorno europeo onde os horarios laborales non exceden os límites marcados "cun resultado que en ningún caso é negativo". Ao fío lembran que o Estado español é un dos países con peor produtividade por empregado na UE.

Na convicción de que a situación actual contribúe a incrementar "as crecentes dificultades para conciliar o traballo cunha vida persoal plena e satisfatoria", o ministerio de Administracións xa acordou cos sindicatos unha revisión da xornada laboral dos funcionarios que lles permita marchar para a casa ás 18h. A iniciativa quere ser "motor que impulse un cambio global no resto da sociedade" que responda aos recentes cambios nas estruturas familiares e sociais.

A sondaxe a nivel estatal que recolle o informe do ministerio amosa que un de cada tres cidadáns considera moi importante ter máis tempo para estar coa familia ou coa parella e que a metade gustaría de ter máis tempo para actividades de lecer. A flexibilidade no horario laboral é moi importante para 88% dos cidadáns, mentres que na actualidade a metade dos traballadores aínda teñen xornada partida. A metade dos cidadáns subliñan ter dificultades para compaxinar a xornada laboral coa realización de tarefas domésticas e a un tercio o horario de traballo dificúltalle o coidado dos fillos. A cuarta parte di que non pensa en ter fillos polos problemas para compaxinar o coidado co traballo.

O executivo promove un Observatorio dos Horarios que desde xaneiro analizará as posibilidades de conciliación da vida familiar e laboral en todos os sectores socioeconómicos do Estado e a nivel de todas as comunidades autónomas, co obxetivo de xuntar datos e presionar para futuras medidas en apoio da flexibilización laboral no sector privado. E lembrámoslles que o Congreso tamén creou unha subcomisión que de xeito específico se adica ao estudo destes temas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: