Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Valdeorras

Edición xestionada por Gustavo Docampo
RSS de Valdeorras
UNHA EMPRESA DA CORUÑA SERÁ A ENCARGADA DE OFRECER OS DETALLES DA CONSTRUCIÓN

O Ministerio de Fomento adxudicou a redacción do estudo informativo para converter a N-120 en autovía entre Ponferrada e Ourense

Cando aínda non remataron as obras de ampliación do terceiro carril da N-120, o Ministerio de Fomento fixo público a semana pasada, que xa está adxudicado o estudio informativo para transformar a N-120 en autovía. Unha reclamación feita dende hai moito tempo polos empresarios da comarca valdeorresa. Asemade está concedido o estudo para conectar esta estrada nacional coa N-536 para eliminar o tránsito pesado da lousa polo casco urbano do Barco. Unha información de Soledad Figueroa.

- 19:40 30/01/2006
Tags:

A futura A-76 terá unha lonxitude aproximada de 150 km. e discorrerá polo actual trazado da N-120 entre Ourense e a comarca berciana. Neste lugar conectaría coa A-6 nas inmediacións de Ponferrada. O traballo adxudicouse á empresa coruñesa Prointec e está valorado en 945.000 euros. O obxectivo é estudar a alternativa máis axeitada para a conversión da N-120 en autovía. O Ministerio pide que se faga un estudo do tráfico actual e futuro con demanda e movementos de orixe e destino, feito sobre toda a área de influenza do tramo. Ademais deberá informarse sobre os camiños, vías e accesos que vaian estar afectados.
Esta adxudicación agrada a políticos e empresarios da comarca de Valdeorras xa que é unha vella reclamación. No pasado mes de decembro crearon unha plataforma Pro-autovía xunto con políticos e empresarios do Bierzo e as Terras de Lemos para reclamar xuntos esta obra. Agora que está adxudicado o estudo seguirán de preto todo o proceso para que a autovía sexa axiña unha realidade, como indicou o presidente dos empresarios de Valdeorras (AEVA) "as obras pódense demorar moito e nós queremos que a autovía se faga canto antes, se pode inaugurarse no 2010 que non sexa no 2014".

Este anuncio fíxose na mesma semana na que tamén se notificou por parte de Fomento a adxudicación doutro estudo informativo. Neste caso para facer a conexión da N-536 coa N-120. Unha obra que permitirá eliminar o tráfico pesado da pizarra do casco urbano barquense. Ata o de agora todos os camións cargados de lousa que saen da conca louseira situada no concello de Carballeda, teñen que cruzar a vila do Barco para saír á N-120. Coa obra que se está a estudar a conexión faríase por outro lugar aínda sen concretar porque ese é o obxecto do estudio. Un traballo que xa espertou as críticas da alcaldesa de Carballeda, Mari Carmen González, quen lembra que xa hai feito un estudo do ano 94, no que se indica que o mellor enlace é pola Veiga de Cascallá (Rubiá). O que evitaría ter que facer obras de ampliación no tramo da N-536 que conecta Sobradelo co Barco. Esta idea parece non gustar ao rexedor barquense, Alfredo García, quen quere aproveitar a obra de conexión para ampliar este vial e ao mesmo tempo, darlle saída conectándoo co polígono industrial de A Raña. Un parque empresarial que polo momento non ten enlace coa conca louseira se non é pasando polo centro urbano, nin tampouco coa N-120.


0/5 (0 votos)