Un dos curtametraxistas galegos máis premiados, o ferrolán Paco Rañal dá por fin o salto ao grande formato para asumir a dirección de Linko Killer Machine, o proxecto de animación desenvolvido polos produtores e creadores da que até hoxe é a curta galega de animación que máis festivais percorreu e máis galardóns leva acadados: Minotauromaquia. Aínda que o creador desta, Juan Pablo Echeverry, era o autor da idea orixinal e o director inicial deste proxecto, os produtores decidiron agora fichar a Rañal pola súa experiencia con imaxe real, que aplicará nunha nova técnica inédita no cine europeo que mestura imaxe real, animada e xenerada por ordenador, similar á que utilizou Robert Rodríguez en Sin City.
A mesma produtora da película, IB Cinema, recoñece que "no lento e complexo proceso de creación de Linko Killer Machine hai un antes e un despois da estrea de Sin City". O seu produtor executivo, Xosé Zapata, indicou a Vieiros que o novo rumbo collido por esta película incluirá unha técnica que pode recordar a do filme de Robert Rodríguez, pero que é mesmo máis novidosa. "Só hai un proxecto de película norteamericana -producida por George Clooney e protagonizada por Keanu Reeves, aínda en preprodución- que o vaia utilizar", sinalou Zapata, que engade que outra das razóns para escollela é o feito de que "nos axiliza o proceso de produción, que do outro xeito alongábase moito". Así, prevén iniciar a rodaxe no último trimestre deste ano e podela estrear no 2007.
Paco Rañal, autor de Coruña Imposíbel -elixida polo CGAI como a mellor curtametraxe galega dos últimos 10 anos e premiada no festival de cinema independente de Nova York- e das outras curtas Domingo e Inútil, levaba dende o 2001 sen materializar ningún outro proxecto de cine, traballando como profesor de Física nun instituto. Con gran parte do proceso creativo desenvolvido, Rañal intégrase no proxecto asumindo a planificación de escenas e a elaboración do Storyboard, antes de comezar a rodaxe.
A película ten guión de Rafa Calvo (director das curtas O váter susurra, O trasto) e Xosé Zapata defínea como "unha historia familiar nun mundo de ciencia ficción", de aventuras e destinada a un público xuvenil. O presuposto anda entre os 3 e os 5 millóns de euros, a falta de pechar acordos de coprodución, posiblemente con Canadá ou co Reino Unido.