Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENTREVISTA AO COORDINADOR DA REDE DE BLOGS SOCIALISTAS

Enrique Castro: "O blog é unha boa ferramenta para que os cidadáns se acheguen á política"

Coñecidos blogueiros coma Enrique Dans, profesor no Instituto de Empresa, ou Marcos Taracido, editor da bitácora Libro de Notas, participarán a próxima fin de semana nos debates organizados para as primeiras xornadas da Rede de Blogs Socialistas. Ao fío e de política e políticos en internet falamos con Enrique Castro, secretario de innovación da executiva do PSdeG-PSOE de Santiago de Compostela e administrador do portal desta Rede.

- 10:09 23/03/2006
Tags:

Como se artellou esta rede de blogs socialistas?
Xorde en paralelo ao propio fenómeno blog. Había compañeiros que xa levaban moito na rede. Miquel Iceta, Rafael Estrella... . Unha das razóns de xuntar forzas foi tamén a constatación de que aparentemente a dereita liberal levaba máis tempo movéndose en internet e, en certo modo, case monopolizando o espazo de debate político. Así e todo, a decisión de crear a Rede de Blogs Socialistas veu un pouco de xeito espontáneo. Inicialmente fomos catro compañeiros: Ramón Bassas, Antonio Pulido, Lourdes Múñoz Santamaría e eu mesmo. Agora mesmo hai 78 bitácoras, con membros incluso de México e Chile. O primeiro post data de setembro de 2005.

Cara a onde queredes evoluír?
Usamos software libre e neste momento somos un portal blog, creo que o único, que combina varias fins: funcionar coma web presencial do colectivo, ser un agregador de feeds, despregar un foro de debate, e ao tempo ser tamén unha bitácora colectiva, onde independentemente dos comentarios que cada blogueiro introduza no seu blog, tamén pode participar directamente e como tal membro, escribindo un artigo para o portal principal.

Colectivos e grupos digamos alterglobalizadores, foron pioneiros na divulgación de ideas políticas a través de internet... non credes que os partidos chegaron tarde aos novos contextos da rede?
É certo. Os movementos de antiglobalización fixeron un bo uso e pioneiro das ferramentas que a rede lles ofrecía para comunicarse entre eles e á vez para comunicar a súa voz. Porque a rede á fin ten ese uso dobre para comunicar e convocar. A iso axudou que os medios tradicionais lle desen as costas ao que sucedía en internet.

Que números ten a Rede de Blogs Socialistas agora mesmo?
Empezamos cunha media de cen lectores diarios. Hoxe estamos nun abano que vai entre as 200 e 260 visitas de usuarios diferentes que entran cada día no portal da Rede. Nese treito houbo momentos concretos onde multiplicamos por moito as visitas. Exemplo foi cando o grupo parlamentario socialista votou en contra da proposta de ERC para mudar todo o software da administración por software libre. Cando a deputada catalá Lourdes Múñoz de Santamaría escribiu un artigo para explicar as circunstancias concretas dese voto, brincamos por riba das 1200 visitas diarias.

E o perfil dos visitantes?
A maioría responde a un perfil triple. Dun lado, claro está, a xente ideoloxicamente afín ás ideas do socialismo, simpatizantes ou militantes do PSOE. Doutro lado están os xornalistas, temos constancia de que visitan moito a Rede de Blogs Socialistas e comentan cousas. E por outra parte están os trolls do PP, e non poucos, que entran facer ruído.

Noutros ámbitos, caso dos EEUU, semella que os primeiros usos da rede no ámbito político viñeron polo ámbito da esquerda, tedes logo a convicción de que aquí desde o ámbito conservador se chegou antes?
Si, os socialistas en particular chegamos un pouco tarde, hai que recoñecelo. Pero que non canten vitoria na dereita (risos), agora está cambiando a situación. Penso que ademais hai unha diferencia significativa na actitude de acceso a internet: moitos activistas do PP estanse amparando no anonimato, en bitácoras sen nome, comentarios non asinados... e nesa liberdade ampáranse para facer e dicir o que queren, moitas veces verdadeiras burradas.

No ámbito da bloguesfera hispana a dereita ten moita forza. Non falo só de blogs. Vexamos senón no que lle toca á prensa electrónica, cun amplo número de representacións, con Libertad Digital, o panfleto de Jiménez Losantos á cabeza, moi identificado co periodismo de dereitas. Desde o eido progresista máis lentamente gáñanse espazos e faise camiño. Feitos coma que El País deixase de ser de pago ou experiencias coma a do novo xornal El Plural, son importantes.

Facedes campaña a nivel interno para sumar máis blogueiros?
Ben, hai dous xeitos de incorporación. Nalgúns casos por invitación e noutra porque o solicita o blogueiro. Os requerimentos son moi concretos: por un lado que o weblog sexa de inspiración socialista ou en solidariedade coas ideas do socialismo democrático, e doutra que non sexa anónima.

Pensa vostede logo que o anonimato lle escatima a seriedade na rede?
Si, o anonimato pode quitarlle seriedade. É o mesmo que apuntaba antes sobre a actitude tan extendida en blogs populares. Para nós é imprescindíbel que o blogueiro asine a súa bitácora e nalgunha ocasión tivemos que rexeitar solicitudes para entrar na Rede de Blogs Socialistas porque a persoa prefería manterse no anonimato.

Hai quen di, ao tempo que se multiplica o número de webs, os internautas tenden a ir só a aquelas que reforzan as ideas que xa teñen, que opina vostede?
Hai quen pensar no que facemos cada un de nós. Eu por exemplo teño unha rutina ben definida: primeiro vou a un conxunto de medios xerais, para informarme de xeito global sobre a actualidade. A continuación teño a miña selección de blogs preferidos... En certo modo creo que a xente que anda a miúdo en internet actúa así, infórmase de xeito xeral e despois busca o contraste de opinións nas bitácoras que lle gustan, contrastando a propia opinión ca do resto. Hai xente escribindo blogs coa cabeza moi ben amoblada. Esa é a gran novidade e a propia grandeza dos blogs: o contraste de opinións.

Internet tivo un papel marxinal deica agora no ámbito político, pensa vostede que iso vai cambiar moito a curto prazo?
Completamente. Botándolle un ollo á Rede Socialista, por exemplo, vemos que se combinan xa dous perfís, dun lado non só os militantes e simpatizantes e doutro tamén os deputados e outros cargos, que van chegando á bloguesfera con forza. Iso é importante, porque reflicte a realidade do partido, e exemplifica a ampla base social coa que conta. Os pasos son lentos, pero seguros.

Cales cres que son os problemas principais das reticencias dos políticos a estar na rede? Se cadra a dificultade para controlar o discurso neste novo medio?
Si, é complicado ese avance, pero eu creo que non é un problema de dificultade. Ter unha presencia constante en internet require dun esforzo moi importante e o político non sempre dispón dese tempo. Pensemos que a clase política parece estar moi devaluada socialmente. Moita xente pensa que os políticos non dan golpe, cando na realidade teñen unhas axendas diarias moi cargadas desde primeira hora da mañá a última da tarde.

E non ofrece xustamente internet unha ferramenta a xeito para que ese traballo trascenda á sociedade?
Está axudando moito, pero é que a dimensión do traballo necesaria é moi grande. Dunha banda tamén habería que lembrar que aos políticos dunha determinada xeración o tema das novas tecnoloxías quédalles un pouco afastado, pola contra a atención é crecente entre os máis novos. E se cadra tamén temos o problema de que a actividade política non se está explicando ben. E aí si que internet en xeral e os blogs en particular, poden ser unha boa ferramenta para explicarlles aos cidadáns o que fan os políticos. En todo caso, hai que destacar que en canto ao nivel de penetración dos blogs políticos en primeira persoa, o máis alto está entre os socialistas. Desde Orozco a Maragall, que teñen cadansúa bitácora, hasta as voces menos coñecidas. Pola contra, a dereita deica agora neste escenario é o anonimato, moito ruído e moitas parvadas... Pero o de dar a cara gústalles menos.

Por certo, xa convidaron a entrar na Rede ao alcalde de Lugo?
Agora ten traballo abondo facendo de Lugo a cidade bonita na que a está convertindo... E manter a actualización do blog require moito esforzo e disciplina. Pero penso convidalo en canto poida.


0/5 (0 votos)