Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CO OBXECTIVO DE AUNAR ESFORZOS

A AELG propón a creación dunha sección de crítica literaria

A Asociación de Escritores en Lingua Galega pretende crear unha sección de crítica literaria na que "reunir os esforzos dispersos" dos profesionais que se dedican ao labor crítico "preferentemente centrado na literatura galega" e que desenvolvan o seu traballo en publicacións periódicas, prólogos, libros de ensaio e traballos de investigación de índole diversa. O obxectivo é garantir un futuro e o recoñecemento ao traballo do crítico.

- 12:04 28/07/2006
Tags:

Con esta iniciativa, a AELG busca xuntar nun colectivo todos os esforzos, "até agora dispersos", a prol do recoñecemento dunha crítica literaria galega que conta cunha longa tradición dentro e fóra do país. Dela, os membros da asociación din que "ten unha forte presenza na actualidade" e para garantiren un correcto aproveitamento do traballo crítico, queren asegurarlle un futuro onde as súas tarefas se atopen prestixiadas e recoñecidas institucionalmente. e que estean interesadas en asociarse dentro da nova sección.

Segundo estableceron os seus impulsores, a sección poderá promover e organizar todas aquelas actividades e publicacións relacionadas coa materia que considere oportunas, actitude coa que pretenden fomentar o intercambio de opinións e o debate crítico. Os estatutos da asociación contemplan a posibilidade da creación desta sección de crítica literaria, da que entrarán a formar parte todos aqueles que acrediten un traballo relacionado coa crítica da literatura galega realizado con certa regularidade nos últimos anos.

Para aqueles que desexen integrar dita sección, poderán enviar os seus datos nun arquivo adxunto por correo electrónico á mensaxe dirixida á AELG, na que se pida a alta na Sección de Crítica Literaria. Na presentación da iniciativa, os promotores anunciaron que á volta do verán se fará unha primeria xuntanza de críticos para organizaren a sección, así como para fixaren un plan de futuro. Esta iniciativa da AELG está apoiada, entre outros, polos seguintes críticos literarios galegos tales como son Vicente Araguas, Tucho Calvo, Arturo Casas, Xosé M. Eyré, María García Liñeira, Helena González, María Xesús Lama, Ramón Nicolás, Xosé Manuel Ponte Far, Armando Requeixo, Olivia Rodríguez, Dolores Vilavedra, Camilo Franco e Marga Romero, entre outros.

Ademais deles, poderán incluirse neste colectivo literario todos aqueles que que desenvolvan o seu traballo en publicacións periódicas, prólogos, libros de ensaio e traballos de investigación de índole diversa que teñen como idioma o galego.


0/5 (0 votos)