Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
VENRES 29 NO CENTRO SOCIOCULTURAL E XUVENIL MUNICIPAL

Unha xornada para o desenvolvemento do software galego

As concellarías de Política Lingüística e Relacións Veciñais, Educación e Mocidade, Cultura e Promoción Económica, Emprego e Comercio do Concello de Santiago de Compostela, coa colaboración de Mancomún, organizan a xornada de traballo "Producir, espallar, localizarů software en galego", un punto de encontro que servirá para analizar a situación da localización e da produción de software en galego, coñecer as experiencias e as políticas respecto ao tema, e obter conclusións.

- 15:33 28/09/2006
Tags:

Xa o día anterior asistiremos á presentación do libro Software libre: tecnicamente viábel, economicamente viábel e socialmente xusto, nunha tradución realizada por Daniel Romero e Ana Salgado e editada por Biblos Club, na Galería Sargadelos, ás oito da tarde. A autoría do libro é de Jordi Mas i Hernández, coordinador xeral de Softcatalá, e coordinador académico do mestrado en software libre da Universitat Oberta de Cataluña, quen será o primeiro dos ponentes, ás dez da mañá. Poderá achegarnos a súa experiencia en torno á localización de software baseada no voluntariado: coñeceremos o o estado da cuestión en Cataluña e as diferenzas entre o voluntariado e a administración. Como moderadora estará Isabel Vaquero, técnica do SNL da USC, coautora do libro Da periferia á rede. Internet en Galicia: Lingua e contidos, e colaboradora tamén na tradución ao galego do libro de Mas.

A continuación, a xornada centrarase xa na localización e produción do software en Galiza: as experiencias baseadas no voluntariado, coas achegas do profesor Ramón Flores, autor de dicionarios galegos para correctores ortográficos libres e membro do Proxecto Trasno; a produción de software específico promovido por concellos (ha estar tamén o concelleiro delegado de Política Lingüística, Relacións Veciñais e Deportes no Concello de Santiago, Manuel Portas, explicando a política do Concello de Santiago e as ferramentas de xestión de asociacións, como o programa Xestora; a política da Consellería de Industria (proxecto mancomun.org) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para o que contaremos con Elena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Xunta de Galicia. Estarán moderados polo economista Carlos Neira, técnico da empresa Cidadanía e membro da Mesa Galega a prol da Innovación.

Xa pola tarde, a clave é a alfabetización, como chave para a utilización e a difusión. O uso do software por parte das organizacións, ou o achegamento á mocidade, sector estratéxico para o proceso de normalización lingüística, son algunhas das claves que serán abordadas a través dunha experiencia dende o voluntariado, Ciberlingua, sobre a que informará o seu coordinador, Luís Teira, mestre especialista en TIC e coautor do manual Navegándomos), e liñas de actuación da Consellaría de Educación, para o cal contaremos co xefe da área de Sistemas e Comunicación, Juan Antonio Valiño. Modéraos Daniel Romero, xestor de actividades culturais e de normalización lingüística do Concello de Fene, coautor do libro Da periferia á rede. Internet en Galicia: Lingua e contidos.

Programa:

  • 10:00 Presentación e apertura da xornada.
  • 10:15 Localización de software baseada no voluntariado. A experiencia de Softcatalá. Voluntariado versus administración: o estado da cuestión en Cataluña, con Jordi Mas e Isabel Vaquero
  • 12:15 Pausa.
  • 12:30 Experiencias e políticas de localización/produción de software en Galicia, con Ramón Flores, Manuel Portas, Elena Veiguela e Carlos Neira.
  • 16:30 Alfabetización: a chave para a utilización e a difusión, con Luís Teira, Juan Antonio Valiño e Daniel Romero.
  • 18:30 Presentación e debate de conclusións.


0/5 (0 votos)