Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XUNTOS SUMARÁN 180 MILLÓNS DE AFILIADOS

CIOSL e CMT únense para crear a Confederación Sindical Internacional

"Será un instrumento máis representativo co que o movemento sindical poderá enfrontar mellor os retos da globalización". É un dos argumentos que desde a Confederación Internacional de Organizacións Sindicais Libres, CIOSL, e desde a Confederación Mundial do Traballo, CMT, defenden o paso que este mércores e nun congreso conxunto en Viena asinou a unión das dúas formacións. No ámbito estatal, pertencían á CIOSL os sindicatos UXT e CCOO, e formaban parte da CMT a USO e o colectivo ELA en Euscadi.

- 12:46 02/11/2006
Tags:

"Reforzará as capacidades do movemento sindical a nivel nacional e internacional", explicou Guy Rider, secretario xeral da CIOSL, "conseguiremos máis peso e influencia diante das empresas, gobernos e institucións financeiras e comerciais internacionais". "Será sen dúbida algunha un contrapoder eficaz nunha sociedade que mudou tanto e que viu tan atacados os dereitos dos traballadores baixo a presión do actual proceso de globalización", reflexionou Willy Thys, secretario xeral da CMT. Eran as opinións dos dous líderes sindicais no momento de asinaren a desaparición de cada un dos seus colectivos para formar a nova Confederación Sindical Internacional, á fronte da cal estará Guy Rider e co que pechan un longo proceso de colaboración.

O evento foi cualificado como unha "refundación" do movemento sindical internacional, e nos seus estatutos subliña o desafío de "combater a pobreza, a explotación e a desigualdade a través das accións internacionais que impoñen as condicións da economía globalizada, e a prol dunha gobernabilidade democrática que teña en conta os intereses dos traballadores, que son máis importantes que os do capital". "A través da unificación do sindicalismo poderemos influír mellor en empresas e institucións", cavilan os promotores desta nova organización internacional.

A aprobación do programa final desta nova Confederación Sindical Internacional vaise facer este venres 3 de novembro, definindo a súa estrutura e cargos. Sumará 309 organizacións sindicais con presencia en 156 países e un total de 180 millóns de traballadores representados. No Estado español intégranse na nova organización os sindicatos UXT e CCOO, que pertencían á CIOSL, e a USO e o colectivo vasco ELA, que formaban parte da CMT a USO e o colectivo vasco ELA. A Confederación Intersindical Galega, CIG, non formaba parte de ningún destes dous colectivos internacionais, e tradicionalmente, aínda que sen estar integrada, mantén estreitas relacións con outra agrupación sindical internacional, a Federación Sindical Mundial.


0/5 (0 votos)