Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[GALIZA - ECUADOR]

"Unha nación, unha selección"

Así o subliñaba un dos primeiros cartaces en debuxar as bancadas este xoves. Fervían os banzos e prometía festa a noite en Riazor. O son do contorno ía sumando decibelios cando apenas o medio milleiro de seareiros máis madrugador buscara asento e ducias agardaban quenda a pé de taquilla para apañar entrada de última hora. Do Orzán a Riazor, a noite herculina deste xoves enchoupou coas cores de Galiza mentres se aproximaban os berros dos afeccionados cara ao estadio prognosticando a vitoria da nosa selección esta noite. Malia a fin quedar o desafío en empate, soubo a vitoria o ambiente conseguido.

- 03:46 29/12/2006
Tags:

Non se escatimaron gorxas e as mans bateron forte espantando o pouco frío que puidese asomar en Riazor. Ao tempo que coa noite baixaban as temperaturas no termómetro, chimpaban para arriba as temperaturas do escenario. Dende a Praza da Leña carretaron ánimos os afeccionados até Riazor. Grandes animadores da noite, os Seareiros Galegos foron quen de convocar en hora punta e na outra beira da cidade a centos de seguidores da nosa selección, poñendo novas cores no Nadal herculino de camiño á cita futboleira.

Na segunda cita, coa forza da primeira
Sentiuse a enerxía liberada en canto o balón comezou a rodar e altas doses de adrenalina convertidas en apupos no primeiro parón do partido, con falta a Nano aos poucos segundos do inicio. As bancadas pedían xogo: máximo de minutos co balón rodando a festa. Atrás da porta ecuatoriana no primeiro tempo tocoulles asento aos máis rebuldeiros seareiros. Coa porta facendo imán ao berro de Galiza! Galiza! chegaban os primeiros disparos a lamber o longueiro de Ecuador.

"Pantón coa selección", "Unha grande e chea", de Cambados, a federación de peñas do Deportivo da Coruña, Paradela, Antas de Ulla, ou o Bierzo... decoraron os afeccionados deixando pegada por riba do campo, até encher arredor das tres cuartas partes de Riazor, por riba da media de espectadores do estadio no que vai de tempada.

Banda sonora doutra noite histórica para o noso fútbol
Os siareiros quentaron a noite con moita canción e constantes boureos de tambores. Moita xente moza nas bancadas: seareiros de hoxe e tamén de mañá, dos partidos que veñen, especulando cos próximos rivais a desafíar noutros campos galegos. Soaron os acordes da "Rianxeira" e cantouse o "miudiño". E malia o importante despregue policial os incidentes foron fabas contadas, apenas algún foguete acendido entre as bancadas que rematou no regato a pé de campo. O encontro foi diante de todo unha festa, a oportunidade de amosar publicamente "un sentimento", como resumiría o adestrador Vázquez á beira do adestrador Arsenio, ao rematar o encontro, "se a xente segue empuxando así, haberá selección por moito tempo", dixo Vázquez. E subliñou Arsenio, "animaron moito: moito".

Outro partido gañado tamén nas bancadas
Se cadra, moitos siareiros non atinaban co nome do xogador que corría a fume de carozo cara a meta ecuatoriana pero cada vez que isto acontecía as bancadas erguían empurradas por milleiros de voces sincronizadas. Os paradoxos do país teñen estas cousas: as estrelas do fútbol galego agasallan calidade en campos de fóra. Exemplo foron os ánimos e o recoñecemento a Viqueira, a quen o Deportivo deixou escapar hai tempo, para velo agora triunfar con outras cores. Alén doutros méritos desta cita de Galiza coa súa selección, tamén destacou esa posibilidade para os profesionais galegos de demostraren a súa valía. Aprendeu a nosa selección unha experiencia novidosa: xogar co marcador en contra. E superou con nota o reto dobre, no campo e nos bancos. O público concedeu confianza e regalou ánimos. E as destemidas arremetidas dos protagonistas cumpriron coas expectativas. Co reloxio fóra de hora, a grada non gañaba acougo. Cheirábase a remontada, pero finalmente non houbo tempo abondo.

Terceiro tempo
A Coruña comezara a ser un fervedoiro unha hora antes do encontro. As principais arterias de entrada á cidade, ateigadas de coches, e ao intenso tráfico que soporta a diario sumábanse numerosos vehículos que chegaban de todos os currunchos do país. O destino non era outro que o estadio de Riazor. A pé do Orzán o ruxir do Atlántico axiña deixou paso a outras pezas dos seareiros. Polos numerosos bares que rodean o campo herculino comezaron a verse as tropas galaicas dando conta de xenerosas xerras de cervexa e viandas do país. Tempo xusto para coller forzas para a seguinte expedición da noite: á beira do estadio quentaran instrumentos os grupos aos que lle tocaba poñerlle a banda sonora ao terceiro tempo. Un concerto que pecharía Siniestro Total en coincidencia de intereses co entregado público que encheu o Pazo dos Deportes de Riazor, tema escollido: "Miña Terra Galega".

E toda a noite, nas rúas, o berro máis escoitado: "Unha nación, unha selección", ou abreviando, simplemente: "Galiza!".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: