Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
BALANCE DO 2006. ARTES PLÁSTICAS

Novas voces no eido das artes

Para Andrea Costas non cabe dúbida de que foi un ano ben intenso: presentou "Persoal e transferíbel" na Fundación Gonzalo Torrente Ballester, participou na exposición colectiva Boas Pezas, na Sala X da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, formou o grupo 3Marías, con quen participou no ciclo de performances no CGAC, e expuxo a súa chaqueta de etiquetas na colectiva Maquila Boutique... En canto a Manuel Olveira, afrontou a dirección do CGAC con entusiasmo e ambición. No ano de Proxecto-Edición, de novidades como ciclos de performances e cinema, de integración das artes plásticas con todo tipo de linguaxes, e da exposición máis ambiciosa do CGAC (Contos dixitais, que estará nel até o 28 de xaneiro). Ademais, contamos con outra perspectiva: a do 50 % de Aduaneiros Sem Fronteiras, o deseñador gráfico Panchez. O seu tanque floral estivo na Urbanitas do MARCO.

- 09:25 07/01/2007
Tags:

Como vivestes o 2006 a nivel persoal, e como o valorades no eido das artes plásticas?

  • Andrea: Para min foi un rexurdir, despois dun tempo viaxando por Barcelona ou Londres, estabelecerme en Vigo, e aclararme tanto a nivel persoal como de traballo. Montei Persoal e intransferíbel, unha exposición que me levou moito traballo ao longo de todo o 2005, e logo aínda participei nun monte delas: en Boas pezas, cunha performance, participamos As 3 Marías (ela xunto con Elena Gómez, Patricia Valverde Esteiro e Eva Martínez Vilar) no ciclo de performances ao aire libre do CGAC, co'A boa vida (elas catro envolveron á actriz Rocío González en produtos que a sociedade de consumo nos di que temos que mercar, até cubrila de todo). Participamos tamén en Chámalle X (III xornadas de arte e acción, o pasado mes de novembro, na Facultade de BBAA), creamos o colectivo artístico Aquí, Agora? (xunto coa bailarina Olga Cameselle, o actor Alfredo Rodríguez e o deseñador Gustavo Evia, estiveron en San Simón, no TAL de Vigo ou en Cald-Arte), e estiven en A fraxilidade da mirada en Pontevedra (no Pontearte), volvín expor Formas de Ser, no Auditorio Municipal de Cangas, e outras mostras foron Iconos, no Outono Fotográfico de Ourense, Esperando mil palabras, na Casa Galega da Cultura de Vigo, e Novas Miradas, no Festival Olladas 2006 Coruña... Ademais comecei a traballar dando clases de fotografía na escola de deseño gráfico e interiorismo AulaD de Vigo, colaboro coa galería C5 e comecei o meu doutoramento en Belas Artes, así que teño que centrarme. No eido das artes, foi un ano importante polo cambio na dirección do CGAC e do MARCO, iniciativas como a do ciclo de performances, o pulo que colleu a Facultade de Belas Artes...
  • Manuel: Acostumo a ser moi crítico, pero tamén moi positivo: o 2006 no contexto da arte en Galicia foi un ano de traballo moi forte no que principiar liñas de actuación, artellar redes de traballo e colaboracións e lanzar algunhas estruturas de produción e de visibilidade novas. Sementar non deixa rastros evidentes, pero a semente está na terra, e agora cómpre seguir traballando e coidando o froito para que todo agrome ben. Penso que en xeral foi un ano marcado pola construción dunha plataforma de traballo e de entendemento plural e ambiciosa na que nos moveremos en anos vindeiros e na que se verán os froitos.

    No plano persoal estou nun momento moi bo: estou a ter unha experiencia de traballo moi dura, moi intensa e, tamén, moi gratificante. Este traballo é duro, pero tamén é un luxo. Por iso teño (e coido que todos deberíamos ter) unha autoesixencia tremenda e unha xenerosidade ambiciosa para corresponder co privilexio que supón este traballo.
  • Pánchez: Parece que houbo unha maior posta en valor d@s artistas novos, non só nas artes plasticas, senón tamén en todas as demais artes.



E cales foron os puntos fortes e febles?
  • Andrea: Pois tentouse resucitar a AGAV. É moi necesario que os artistas, que adoitamos vivir mirando cadaquén polo seu, uns a espaldas de outros, poidamos ter unha voz común, crear un colectivo estábel. Este é un traballo moi desagradecido no que cadaquén mira para si. Se cadra, compría que a asociación desaparecese e empezase de cero. Outra das eivas é a proxección: os artistas galegos, non sendo que emigren, non aparecen nas feiras europeas, internacionais... Penso que é necesario organizármonos para termos un peso e ser tidos en conta.
  • Manuel: Penso que temos unha rede institucional aceptábel, pero con pouca tradición. As présas, a rendibilidade inmediata e o resultado instantáneo son contraproducentes, nefastos e negativos na arte. Os tempos en cultura son moi longos e para ver os resultados necesítanse moitos anos, por iso temos que aprender a sementar, a xerar públicos, a educar espectadores, a facelos partícipes da arte e do seu poder, e a soster os proxectos. Pero a falta de tradición ten un correlato positivo: non estamos lastrados por un pasado inmobilizador, podemos reinventarnos. O que boto en falta son entidades non institucionalizadas ou gubernamentalizadas. Penso que un reto importante é fortalecer a iniciativa privada con vontade pública, a autoxestión, os colectivos e a independencia. A este nivel penso que é moi importante non importar modelos nin estruturas: dispomos dunha serie de creadores que están en condicións de construír estéticas e formas de ver o mundo interesantes a atractivas para todos nós, dentro e fóra de Galiza. E tamén temos unha tradición: ás veces penso que moitos destes artistas novas pensan que están a inventar o mundo sen estudar o que se facía nos anos setenta.
  • strong]Pánchez: Carencias... as mesmas de sempre, a pouca fe nos valores autóctonos; puntos fortes... Ben, fortes, fortes... Non vexo moita fortaleza nunha
    cultura que desconfía de si mesma.

Detectaches algún cambio nas políticas culturais?
  • Andrea: O cambio de goberno fíxose patente na TVG: é completamente diferente a nivel de estética, de contidos, de actitudes... No eido das artes plásticas, nótase un esforzo por achegaren a arte a todos. é un discurso máis directo e máis sinceiro.
  • Manuel: Tentando facer un exercicio de distancia para que a proximidade e a miña implicación me permitan ser "obxectivo" direi que, falando como cidadán e axente da arte, detecto unha cota de diálogo e de participación nunca vista nestas terras, unha renovación de estéticas, nomes e liñas de traballo máis acordes coas necesidades actuais, unha liberdade como se nos tivésemos quitado unha faixa e uns aires de dinamismos, ganas de traballar e optimismo esperanzador francamente estimulantes. Quizais isto non sexa todo o que se necesita, pero antes non tiñamos nin isto. E co que temos agora podemos facer moitas e grandes cousas, sobre todo se somos xenerosos e buscamos o beneficio común, se perdemos a impaciencia.
  • Pánchez: Si que houbo diferenza: para empezar, houbo unha tentativa de descentralización cultural. Penso que non foi formulada coa importancia e urxencia que requería, mais a tentativa hóuboa. Tamén se deron episodios de atención sobre artistas noveis (de todos os campos), ou dunha xeración até agora case excluída. O que vexo tamén é que no novo status sociopolítico galego parece que houbo unha grande aposta por un progreso e unha innovación até agora soterrada, mais parece que esa dinámica eufórica empeza tender en cadencia, a prol dun status progresista de baixa intensidade , que se acomode "no de sempre" pero deixando presente o verniz do cambio, é dicir, para quitar a humidade, botar unha capa de pintura antimofo... E sabemos que iso non arranxa nada. Galiza segue a ser un país que exporta talento, nas artes e nas
    ciencias, e para min é prioritario invertir este proceso.



E cales foron os grandes momentos do 2006?
  • Andrea: A exposición Urbanitas, no MARCO de Vigo, e o ciclo de performances do CGAC. Ademais do Proxecto Edición, no que tamén participei.
  • Manuel: Eu salientaría Proxecto-Edición porque incide no que levo dicindo: nova estrutura de traballo, amplo horizonte de ambición, énfase na produción e investigación, autoesixencia de calidade, articulación dun sector pequeno pero prometedor cualitativamente, rede de colaboración entre diferentes institución como o CGAC, o MARCO e a Fundación Luis Seoane... Tamén penso que hai que deixar patente a calidade do proxecto de Pablo Fanego para o Auditorio de Galicia en Santiago, A cidade interpretada, que vai deixar unha pegada importante na forma de entender a arte en espazos públicos. É un proxecto singular, como o foi o ano pasado o proxecto O lado da sombra na Fundación Luis Seoane. Por desgracia pasaron desapercibidos e penso que todos debemos facer esforzos por poñer en valor proxectos de calidade e alto nivel discursivo, produtivo e investigador.

    Quen non vai pasar desapercibido en absoluto é Alberto Ruiz de Samaniego, un profesor da facultade de belas artes de Pontevedra que vai ser o comisario do pavillón español na Bienal e Venecia. Non só é un merecido nomeamento, senón tamén un recoñecemento ao labor investigador no seo da universidade. E houbo un momento malo cando norreu Bernardo Castelo, porque nos deixou un apaixoado da arte, un activo axente cultural e un bo amigo de todos os artistas.
  • Pánchez: Os mellores momentos culturais... Non sabería dicir, seguro que pasaron desapercibidos. Si sabería dicir cales foron os peores.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: