Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

ERGAC: As ondas de radio galegas en Cataluña

Aínda que semelle estraño, aquí tamén podemos escoitar radio en galego. Desde hai moitos anos isto é unha realidade. Emítense programas variopintos pero o ámbito cultural é o que prima. Programas de corte folclórico e de merendiñas e mais programas cunha labor ben tracexada por persoas capaces que lles gusta e viven intensamente isto das ondas.

- 23:01 16/03/1999
Tags:



Pero o que ninguén pode negar é que o miolo aglutinador da radio en galego é ERGAC (Espacios Radiofónicos Galegos en Cataluña). O nome ten certos paralelismos fonéticos cunha organización de estudiantes que mobilizaba os espíritos máis combativos do estudiantado galego alá polos anos oitenta, pero non ten nada a ver con esta asociación de carácter puramente cultural. Non cabe dúbida que esta entidade está a facer un traballo moi importante para que a radio en galego arraíce con fundamento no dial da área metropolitana barcelonesa.

ERGAC constitúese xuridicamente o 22 de febreiro de 1993 pero as súas actividades veñen de moito antes. Entidades e persoas que estaban a emitir radio en galego consideraron nun certo momento que sería enormemente positivo o vencellamento (sen centralismos) entre programas. E ao mesmo tempo xunguir as múltiplas actividades lúdico-culturais organizadas polas diversas entidades galegas no país, dándolle publicidade e potenciándoas na medida do posíbel. De feito o obxectivo primordial de ERGAC é o espallamento da cultura galega entre os galegos do país catalán.

O verdadeiro "acto inaugural" desta asociación foi a primeira vez que acadaron xuntar nun programa de radio todas as persoas que en diferentes emisoras empregaban o galego como idioma de divulgación. Foi o domingo 14 de maio do 89. Ata entón eran voces esparexidas pola xeografía catalana e desde aquel intre convertéronse en compañeiros. Naquel programa, sintonías e voces xuntáronse por riba de supostas rivalidades. Algúns dos que comezaron agora xá non se adican a este fermoso labor, pero que son nomes para esta historia: Paquita Alvarez quen conducía "A Nosa Terra" en Radio Florida (L'Hospitalet), Moncha Prieto en "Galicia máis cerca" en Radio Gramanet ou Ramón López con "Sempre en Galiza" de Radio Cornellà.

Actualmente ERGAC asocia a seis programas:
"Aturuxos" (luns de 21 a 22h.) en Radio Ciutat Vella (100.4FM),
"Morriña" (martes e 21 a 1h.) en Radio Nou Barris (98.4FM),
"Galicia no Vallès" (martes de 21 a 22h.) en Radio Mollet (96.1FM)
"Escoita Galicia" (venres de 20,30 a 22h.) en Radio Llagosta (100.4FM)
"Camiño da Terra" (sábado de 9 a 10h) en Radio Gramanet (107.4FM)
"Galiza. algo máis" (domingo de 17 a 18h.) en Sants-Montjuïc Radio (102.4FM)

É un esforzo enorme manter estes programas, sobre todo se se quere ofrecer contidos de calidade tal como se está a facer. Algúns pensan que sería un paso importantísimo que ERGAC poidese contar coa súa propia emisora. Todos os programas fanse desde estudios alleos á asociación ou a calquer entidade galega, o que significa que os promotores sempre estarán submetidos aos imprevistos das empresas ou entidades propietarias.

¿Para cando unha emisora de propiedade galega? O esforzo económico non é infranqueábel para conquerir os medios técnicos (e xente e entidades galegas hai dabondo para un inicio a escote). O permiso institucional poderíase superar artellando o asunto con audacia. Pero todo se ha de andar.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: