Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'VIAXES NO SCRIPTORIUM' SAE DO PRELO

Galaxia presenta o novo de Paul Auster

O 1 de febreiro estará xa nas librarías unha nova tradución da Editorial Galaxia: despois do éxito de vendas de Brooklyn Follies, de Paul Auster, presenta Viaxes no scriptorium, que está a ser editado en varias linguas europeas simultaneamente. No Estado estará xa en castelán, por Anagrama, en catalán, por Edicions 62, e en éuscaro, por Alberdania. De novo é Eva Almazán quen traduce a obra do escritor norteamericano, premio Príncipe de Asturias o ano pasado, e artífice de múltiples novelas e guións cinematográficos. De feito, Galaxia prepara para este ano tamén o guión literario do próximo filme de Paul Auster, The Inner Life of Martin Frost, onde ademais é director.

- 10:01 18/01/2007
Tags:

Paul Auster fala dende o seu propio taller literario. "Un home, vello e só, está sentado nun cuarto no que hai unha ventá e unha porta, unha cama, un escritorio e unha cadeira. Non ten lembranzas. Tampouco sabe se pode saír ou non. Arredor, unhas fotos vagamente familiares, catro montóns de folios e unha serie de etiquetas con algunha palabra escrita a man".

A nova novela de Auster preséntase coma un auténtico acontecemento europeo: o autor reflexiona, dende a ficción narrativa, sobre as pantasmas da creación, mesmo incorporando ou rescatando ás veces personaxes doutras obras anteriores súas. Unha viaxe interior da que fai cómplice ao lector.

Paul Auster (Nova Jersey, 1947) e un dos máis prestixiosos escritores norteamericanos actuais: ten escrito ensaio, narrativa, guións de cinema (como os de Smoke, Blue in the face ou Lulu on the bridge) e algúns títulos de poesía, sobre todo na súa primeira época. Foi un dos principais tradutores de literatura francesa nos EUA, e no 87 entrou nos circuítos da literatura internacional coa súa obra The New York Trilogy. Tamén son célebres as novelas Moon Palace, Mr Vertigo, Leviathan, Book of Illusions e Oracle Night.

As mellores novelas da actualidade en galego
Editorial Galaxia continúa coa súa liña de grandes títulos da literatura universal contemporánea en lingua galega. No marco da iniciativa Biblioteca Compostela, realizada co apoio da Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela, distribuíron hai pouco A casa dos encontros, de Martin Amis, A Pensión Eva, de Andrea Camilleri, e A medición do mundo, do alemán Daniel Kelhmann. Para os próximos meses poderemos ler tamén O retorno, de Bernhard Schlink, Fuxir, de Jean-Philippe Toussaint, e Camposanto de W. G. Sebald.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: