Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Valdeorras

Edición xestionada por Gustavo Docampo
RSS de Valdeorras
DECLARACIÓNS CON POLÉMICA

A Plataforma pro A-76 por Trives podería denunciar a José Blanco por afirmar que a futura autoestrada pasará por Monforte

O presidente da Plataforma Pro A-76, corredor tres, por Ourense, Francisco José Fernández, proporalle á xunta directiva pór en coñecemento da Fiscalía do Tribunal Superior de Galiza as declaracións do secretario de organización do PSOE, José Blanco, por se fosen constitutivas de delito. Nas declaracións feitas por Pepe Blanco, este pasado venres en Monforte, afirmaba que a autoestrada pasará por esta vila lucense porque ó parecer, a súa palabra ten máis valor ca dos técnicos do Ministerio de Fomento.

- 11:23 30/01/2007
Tags:

O presidente da Plataforma pro A-76 non daba creto ao que lle contaban os xornalistas cando o pasado venres lle pediron a súa opinión sobre as declaracións do secretario de organización dos socialistas. Fernández explica que o PSOE debería emendar as declaracións feitas por Pepe Blanco, porque non teñen sentido. Lembra que no estudo inicial investiuse un millón de euros "que de non servir para nada poderían aforrar o diñeiro e investilo en tapar buratos nas nosas estradas". Pide a rectificación e solicita aos técnicos de Fomento e Medio Ambiente que sigan traballando "sen facer caso das declaracións deste personaxe".
A xunta directiva da Plataforma reunirase esta semana para estudar a posibilidade de presentar denuncia e ademais para seguir adiante co calendario de actos reivindicativos. Dende a Plataforma cualifican de éxito a primeira concentración feita o sábado, 27, en Trives, na que participaron unhas 3.000 persoas. Ademais destacan a colaboración de todo o sector comercio que pechou durante a hora da concentración, ás doce do mediodía, nunha fin de semana con moito traballo na zona, xa que a estación de montaña de Manzaneda estaba a pleno funcionamento.


4.36/5 (11 votos)