Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
PODERASE DESCARGAR NAS PRÓXIMAS SEMANAS

A Xunta xa traduciu o Windows Vista ao galego

Haberá Windows Vista en galego e será "en breve". Política Lingüística confirmou a Vieiros que un equipo de tradutores da Xunta e da Real Academia Galega (RAG) xa rematou a tradución do novo sistema operativo. A Xunta, que oficialmente apoia o software libre, adica así recursos públicos a expandir o mercado do sistema propiedade do xigante Microsoft. Tamén é certo que, con este investimento, a Xunta pon a disposición a versión en galego dunha ferramenta que pode dominar o mercado nos próximos anos.

- 12:24 30/01/2007
Tags:

Política Lingüística estima que o lanzamento do Vista en galego é cuestión de "días ou semanas, non meses". E é que a tradución xa está nas mans de Microsoft á espera de "pechar aos últimos detalles" e ser colgada na web. O traballo foi realizado polo equipo Termigal da RAG e persoal da propia dirección xeral de Política Lingüística.

En principio, o discurso oficial da Xunta pasa por apoiar os programas abertos, algo que non é o Vista. O Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información, documento creado para guiar a política en novas tecnoloxías, recolle especificamente un programa de "Adopción de sóftware libre por parte da Xunta de Galicia".

Windows segue a ser o máis usado
O certo é que os programas de Microsoft seguen a ser maioritarios na administración galega, especialmente nos computadores dos funcionarios. Polo tanto, a nova tradución resultará útil para moitos usuarios, aínda que, aparentemente, poida ir en contra do apoio público ao software libre.

Iso si, Política Lingüística asegura que a Xunta non transferiu cartos públicos a Microsoft pola tradución do Vista, xa que está foi desenvolvida por persoal público. O goberno Fraga tamén colaborou coa empresa americana na tradución do Windows XP, que foi realizada pola empresa Imaxin por encargo da Xunta e supervisada pola RAG.


Ligazóns

3/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: