Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
BOTA A ANDAR A ESCOLA GALEGA DE NOVO CIRCO

Zancos, monociclos, narices vermellos, mazas e pelotas xa teñen casa

A Federación Galega de Novo Circo xa ten local de seu para crear e ensaiar novos espectáculos e realizar actividades formativas. Algo cambia no mundo da cultura e das artes escénicas, e o circo comeza a ser tido en consideración. Algunhas iniciativas deron pé a programas regulares, como Pista Catro ou Ghastas Pista na Sala Nasa compostelá, ou o Festival D'Gorra, tamén nas rúas de Compostela. Agora, a Consellería de Cultura subvenciona esta nave, no Polígono do Novo Milladoiro (concello de Ames), a través do IGAEM. Ademais, o Centro Dramático Galego coproduce o espectáculo Kamikaze co colectivo Pistacatro, que poderemos ver en xuño. Antón Coucheiro, "Cou", de Pista Catro, falou con Vieiros sobre estes novos proxectos.

- 15:54 07/02/2007
Tags:

Cou leva moitos anos no mundo do circo. Un circo diferente ao tradicional, onde o espectáculo baseábase na máxima do "máis difícil aínda", e facíase moitas veces a costa do sufrimento de animais e seres humanos, que dedicaban unha vida de sacrificio á pista. En carpas, afastados das cidades, teñen ben pouco que ver con este novo circo para o bar, para a rúa, para rir: mestura disciplinas como acrobacias, malabares, danza, teatro, música, clown, cabaré... Os artistas que sempre pasaron a gorra e arrincaron sorrisos aos cativos dende o alto duns zancos, ou que nos puxeron medo cunhas mazas de lume, xa teñen un espazo de seu para formarse, compartir experiencias e xuntarse.

En toda Galiza, particularmente en Compostela, a cultura do Novo Circo estivo presente dende hai ben tempo: "hai oito anos que empezaron a funcionar as festas do circo na Casa Encantada. A xente que facía malabares ou empezaba no circo xuntábase alí. Comezaron a ter moito éxito e trasladáronse á Nasa, até se converter na programación estábel Pista Catro. De aí naceu o colectivo. Xa co Festival D'Gorra, nas rúas da cidade, abriuse a Compostela". Este festival vai xa pola cuarta edición, e asentou o comezo da colaboración entre o circo e as institucións, e estas disciplinas artísticas foron á fin consideradas dentro das artes escénicas. "Dende a Federación Galega de Circo asinamos un manifesto o ano pasado que viña dicindo "estamos aquí", xa que o circo estaba, como a danza, nunha situación á parte".

A creación desta nave achega moitas posibilidades formativas e como infraestrutura básica para o tecido do circo galego. "A idea é que funcione como escola, ofertando tanto cursiños de iniciación, para quen teña curiosidade, como outros cursos de proxección profesional. Ademais, constitúe un espazo axeitado para que os artistas poidan traballar, adestrar nas condicións necesarias. A nave que require o traballo do circo ten que ter unhas características, non é o local de ensaios tradicional".

Despois de anos de traballo, a cada vez maior visibilidade desta disciplina artística atrae a colaboración das institucións. "En principio loitamos dende nós mesmos, cos nosos medios, e a primeira colaboración foi grazas a unha especial sensibilidade da Concellaría de Cultura, en Compostela. Co Concello de Ames, que é onde está a escola, hai tamén un 'feeling' especial, apoian e animan todo o que sexa dinamización". Era necesario cubrir o oco da formación en Galiza: os membros de Pista Catro formáronse fóra e colleitaron esas experiencias para achegalas á realidade do circo galego. "A nosa xeración debe ser a primeira que emigra para volver: marchamos fóra para aprender e buscar cousas que non atopabamos, pero agora volvemos para sementar".

En canto ao espectáculo Kamikazes, "aínda se está cocendo. Podo adiantar que somos sete persoas en pleno proceso creativo, que estará listo para xuño. De momento imos adestrando..." Á parte desta produción, o IGAEM está a xestionar, xunto coa Dirección Xeral de Xuventude, un encontro europeo de escolas de novo circo que terá lugar na última semana de febreiro. Arredor de 25 membros de escolas de novo circo participarán nesta xuntanza para intercambiaren experiencias. "Pista Catro somos os anfitrións, trátase dun encontro a nivel europeo: participa xente dende Portugal, Inglaterra... Temos moi boa relación co Circus Space de Londres, grazas a tres membros do grupo que foron alumnos alá".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: