Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONTA CUN CALENDARIO DE 870 CONCERTOS A CARGO DE 72 GRUPOS ATÉ DECEMBRO

Activada a Rede Galega de Música ao Vivo

A Rede Galega de Música ao Vivo, RGMV, bota a andar. Será unha vizosa actividade anual, nesta primeira andaina coa programación de 870 concertos até decembro de 2007. Correrán a cargo de 72 grupos e solistas de todos os estilos nun total de 43 salas repartidas por Galiza enteira. Pechouse ademais a primeira programación bimestral coa participación de 57 formacións de todos os estilos en 239 recitais. Esta iniciativa ten como obxectivo a consolidación dun circuíto de difusión musical estábel.

- 09:40 09/02/2007
Tags:

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o presidente de Clubtura, Paco Quintas, presentaron este xoves o proxecto global e o primeiro calendario bimestral de concertos (para febreiro e marzo). O acto contou coa actuación da solista Sevigny e tivo lugar no Manteca Jazz, de Vigo, cidade que achega oito locais á RGMV. Outro local da cidade olívica, neste caso La Fábrica de Chocolate acolle, tamén na noite do xoves, a festa inaugural da RGMV, cun concerto especial no que os grupos 6PM, premiados polo público de Sono-Tone e Zënzar presentarán os seus últimos traballos discográficos.



Consolidación dun circuíto estábel
A iniciativa, promovida pola Consellería de Cultura e Deporte e a asociación Clubtura, supón a achega compartida de 388.000 euros en custos de cachés (291.400 da Consellaría, a través do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais, IGAEM, e 96.600 das salas); e ten como obxectivo a consolidación dun circuíto musical estábel que actúe como plataforma para promoción dos intérpretes, e contribúa a optimizar a súa presenza no territorio galego.

A RGMV representa a materialización dunha liña de actuación longamente demandada polos diferentes tipos de recintos que ofrecen música en directo para público reducido en Galiza. Con el dótase, ao mesmo tempo, dunha estrutura de distribución sistematizada ao sector musical, ao que poden acceder tanto as formacións emerxentes como outras máis consolidadas.

Grupos novos e veteranos
Tras o éxito da convocatoria de prescrición, coa presentación de 349 grupos, levouse a cabo un proceso de selección dos artistas participantes, no que se prestou unha especial atención aos valores emerxentes dentro do panorama musical, para os que se reservaron 50 prazas. Tamén houbo lugar para formacións de traxectoria máis consolidada, categoría en que houbo 25 grupos seleccionados.

Os criterios de inclusión que manexou a comisión nomeada para realizar a selección foron os de residencia en Galiza, interese cultural, oportunidades de promoción, calidade e traxectoria da formación, pluralidade estilística e presenza e promoción da lingua galega.

  • Dossier da RGMV, con grupos, salas, horarios, ... (.pdf)

  • 0/5 (0 votos)