Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UNHA DELAS SITUARASE A CARÓN DO FAMOSO PREGO TOMBADO

Denuncian a concesión de dúas novas canteiras de lousa para o Courel

O Boletín Oficial do Estado do pasado 12 de xaneiro publica a concesión de dúas explotacións mineiras de catro e nove cuadrículas de superficie, respectivamente, á empresa Cupire Padesa. A primeira situarase entre a Campa e Vidallón, na cunca do Lor. A segunda xunto ao pregue Tombado do Courel, en Campodola/Leixazós, un dos maiores fitos xeolóxicos da Península Ibérica. As asociacións SOS Courel e Adega acaban de presentarlle ao director xeral de Industria, Enerxía e Minas senllas solicitudes de anulación de concesión por razóns de interese ambiental. Porén, dende esta consellaría afirman que Medio Ambiente outorgou unha Declaración Ambiental positiva neste aspecto, e que "non nos queda outra que acatar a lei".

- 12:33 14/02/2007
Tags:

A Declaración de Impacto Ambiental elaborada pola Consellería de Medio Ambiente, previa a adxudicación das explotacións non resulta demasiado 'ambiciosa'. Esta, malia que a lexislación o estabelece, non fai unha avaliación de futuro sobre danos que se poderían provocar en zonas próximas que si están protexidas.

Por isto, as dúas asociacións piden que a Consellería de Medio Ambiente realice un novo Estudo Ambiental que recolla todos os impactos previsíbeis sobre o pregue Tombado do Courel, cualificado como Punto de Interese Xeolóxico (PIX) no Plan de Ordenación de Recursos Naturais de Os Ancares O Courel, e sobre a poboación deste Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) integrado na Rede Natura 2000.

Ao respecto, dende o departamento de Medio Ambiente sinalan que "a Rede Natura non abarca a zona na que se localizan estas dúas minas", polo que afirman "non poder facer nada". Ademais, segundo declaran, non existe polo momento intención de incluír esta área no futuro Parque Natural: "Está en fase de estudo", sinalan.

Danos colaterais
Porén, Orlando Gregorio Álvarez, vicepresidente de SOS Courel, afirma que, malia non se integrar no seu momento esta zona na Rede Natura "por interese económicos e presións do clúster formado polas empresas da lousa", a actividade derivada das minas neste lugar "si vai afectar a áreas protexidas e cualificadas como LIC". Álvarez considera que o feito de se instalaren en "augas altas" do río provocará que os residuos sexan arrastrados a zonas baixas de alto valor faunístico e florístico.

A normativa autonómica cualifica os refugallos da lousa como "inocuos", mais tras un proceso de acumulación e de oxidación, os niveis de xofre aumentan tornándose tóxicos. "Cómpre lembrar que nas partes baixas do río está localizada unha piscifactoría -sinala o dirixente de SOS Courel- co conseguinte perigo para as persoas".

Boicot das empresas ao Parque Natural
"Cremos que se debe declarar Parque Natural todo o Courel, incluíndo as cuncas do Lor, do Selmo, do Soldón e do Ferreiriño, como mínimo", sinalan dende SOS Courel. Din que a xente do Courel está a favor do Parque Natural, mais que se está a "boicotear" tal declaración por "intereses e presións das empresas louseiras". Orlando Álvarez é claro: "queren que non fique ninguén no Courel para que non haxa oposición a que, por exemplo, o Concello de Folgoso sexa declarado municipio de interese mineira".

Neste senso, denuncian a eliminación do servizo médico a partir das 22.00 horas dende o 2002; a supresión do transporte público dende o 2004, nunha zona con poboación totalmente envellecida; a inexistencia de brigadas contra o lume en todo o Courel; o adiamento da construción da Estación Biolóxica, que continúa a ser efectivo sete anos despois de mercaren os veciños de Seoane un predio por 12.000 euros

Minas sen rendibilidade para os veciños
Outra das queixas que recolle SOS Courel dos veciños é a referente ás comunicacións viarias. No 2003, pediuse o asfaltado da pista forestal que dá aceso directo a Monforte, co que se acurtaría a distancia ao Hospital Comarcal nunha media de 25 quilómetros. Porén, a Xunta acaba de aprobar unha mellora da estrada por Quiroga, e que beneficiará, principalmente, aos camións que transportan a lousa.

"Cando xa se ten dabondo comprobado que as canteiras non serven para fixar a poboación (temos a menor densidade de poboación de Galiza), xa están en marcha catro novos proxectos para outras tantas minas de lousa", sentencian.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: