Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS 'QUEER STUDIES' PROTAGONIZAN O ENCONTRO

Sexualidades transgresoras no próximo XII Forum for Iberian Studies

Os dous primeiros días de xuño terá lugar, na Facultade de Linguas Medievais e Modernas de Oxford, o XII Forum for Iberian Studies, que este ano centra os encontros na cuestión de identidade e xénero en Portugal e no Estado español, co título Queer, queerer, queerest: evolving gender identities in Spain and Portugal. Organízano o Instituto Camões, o Instituto Ramón Llul, a propia Universidade de Oxford e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

- 17:17 20/02/2007
Tags:

Carlos Gutiérrez Sanfeliú, da Facultade de linguas medievais e modernas de Oxford, e María Liñeira, do Centro de Estudios Galegos do Queen's College, acollen as propostas até o 31 de marzo. A duodécima edición do Forum convida ao estudantado a analizar os cambios nas identidades de xénero no marco dos estudos portugueses e hispánicos. "Serán ben recibidas achegas dende as áreas dos estudos de xénero, a teoría queer, estudos literarios e culturais, estudos dos media, antropoloxía, historia, (socio)lingüística e outros". As recensións poden estar escritas en inglés ou en calquera das linguas peninsulares, estar pensadas para intervencións duns vinte minutos e incluír un título e un extracto dunhas 300 palabras. Deben mencionarse os requirimentos técnicos da presentación, e incluír o nome, a afiliación e detalles de contacto.

Teoría queer ou a destrución do xénero
Os queer studies abranguen unha serie de disciplinas que abordan a cuestión da diversidade sexual e da identidade. Varias universidades do mundo contan cunha cátedra, bastantes delas nos EUA: o primeiro Departamento de Estudos Gai, Lésbicos, e Bisexuais creouse en San Francisco, e hoxe existen en nas universidades de Brown, Yale, California, Berkeley... 'Queer' é un termo despectivo da lingua inglesa para referirse nun primeiro momento ás persoas homosexuais, pero tamén a calquera que teña un comportamento considerado "desviado". Significa "estraño", e, como verbo, "amolar", e é un termo acuñado por persoas e colectivos que rexeitan as etiquetaxes sexuais. Abrangue todo un campo de estudos na teoría literaria, ciencia política, historia, socioloxía, filosofía, e outros eidos relacionados coa identidade.

Os alicerces teóricos foron conformados por diversas teorías: Michel Foucault, coa súa Historia da sexualidade, amosa a revolución sexual dos 70 como un discurso enganoso, unha cortina de fume sobre o verdadeiro control do propio corpo por parte do individuo. Foron importantes activistas Audre Lorde, poeta negra e lesbiana, que achegou novas miraxes a un feminismo até daquela branco, homosexual e de clase media; John Boswell, que falou sobre a sexualidade polimorfa; Eve Kosofsky Sedgwick, que aborda en Epistemoloxía do armario o infinito espectro de identidades sexuais e o reducionismo da cultura occidental, e Judith Halberstam, profesor de inglés e director do centro de estudos feministas da Universidade de California Sur. Pero se cadra a figura de referencia é a de Judit Butler, doutora en Filosofía que abordou a performatividade do xénero.

En Galiza, ademais de actividades performáticas como as do colectivo Maribolheras precárias ou de Raras Somos Todas, contamos con estudos como os de Beatriz Suárez Briones, profesora titular de Teoría da Literatura na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, é investigadora principal dun equipo internacional de investigación que ten en marcha actualmente o primeiro Proxecto de investigación sobre Teoría queer que financia unha universidade española.


Documentos

5/5 (1 votos)