Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
A FERRAMENTA LIBRE QUE XESTIONARÁ OS PRIMEIROS BANCOS DE TEMPO GALEGOS XA ESTÁ LISTA

Os cidadáns de Foz e Allariz poderán intercambiar servizos en liña dende abril

Os dous primeiros bancos de tempo galegos comezarán a funcionar nos vindeiros meses, segundo anunciou hoxe a Xunta de Galicia. De feito, a ferramenta a través da que se xestionará o intercambio de servizos entre os veciños xa está lista e pódese descargar desde este xoves.

Redacción - 16:03 28/02/2007

O goberno quere que sexan as mulleres rurais, un dos colectivos que máis sofren a fenda dixital, as primeiras en beneficiarse deste iniciativa. Nos bancos de tempo pódense ofrecer servizos -por exemplo, coidar nenos- e a cambio recibir horas. Os usuarios cambiarán estas horas por máis servizos, ofrecidos por outras persoas dadas de alta no banco de tempo.

O Servizo Galego de Igualdade (SGI), responsábel do proxecto, escolleu Cyclos, unha ferramenta libre creada en Holanda baixo licenza GPL, para os bancos galegos. Deste xeito, a Xunta busca que outras iniciativas similares que nazan en Galiza poidan beneficiarse de balde do traballo de adaptación feito por Mancomun.org. E é que ademais da iniciativa coordinada dende a Vicepresidencia, a Consellería de Traballo está a organizar bancos de tempo nas cidades galegas, segundo a directora xeral do SGI, Ana Luisa Bouza.

Bouza explicou que oito asociacións cidadáns de Allariz e seis de Foz participan no proxecto do SGI. Esta previsto que os membros destas asociacións reciban formación nos próximos meses para que se collan confianza co sistema.

Presto servizos, gaño horas
Os bancos de tempo xa funcionan noutros países europeos e baséanse no intercambio gratuíto de servizos. A Xunta cre que poden ser especialmente útiles no mundo rural debido a "escasa oferta dalgúns servizos, sobre todo os de carácter persoal, asumidos maioritariamente por mulleres".

O goberno anunciou que a versión galega de Cyclos poderase descargar proximamente dende o portal da Estratexia Galega da Sociedade da Información e Mancomun.org.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: