Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Manifestación en Ferrol

Galiza celebrou o Día da súa clase obreira

Un milleiro de persoas participaron en Ferrol nos actos de celebración do ‘Día da Clase Obreira Galega’, 35 anos despois do asasinato de dous traballadores de Bazán.

Redacción - 09:00 11/03/2007

A Confederación Intersindical Galega celebrou este sábado unha serie de actividades con motivo da celebración do ‘Día da Clase Obreira Galega’. Os actos comezaron en Ferrol ás 12:30 horas na praza '10 de marzo' cunha ofrenda floral ante a estatua dos dous empregados asasinados pola policía franquista durante unha manifestación operaria celebrada en 1972.

As actividades continuaron co desenvolvemento dunha manifestación que percorreu as rúas ferroláns até chegar ao Cantón, onde se celebrou un xantar popular. Alí mesmo, ás 16:30 h proxectouse o documental “Metal en loita”, sobre o conflito protagonizado por este sector na provincia de Pontevedra en maio do 2006.

Precisamente a Federación do metal da CIG en Pontevedra foi homenaxeada este venres nun xantar que organizou o sindicato no Pazo de Congresos de Santiago con motivo da celebración.

Na conferencia de prensa de presentación de actos do ‘Día da Clase Obreira Galega’, o secretario comarcal da CIG-Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, lembrou que están a traballar “pola consecución do marco galego de relacións laborais que permita a negociación dos convenios en Galiza”. Pintos subliñou ademais a necesidade de que neste día os traballadores e traballadoras do país reivindiquen os seus dereitos como clase.

Comunicado de Comisións Obreiras

A organización sindical Comisións Obreiras tampouco esquece a sinalada data e a través dun comunicado conmemora o trixésimo quinto aniversario “daqueles acontecementos tráxicos que en 1972 convulsionaron Ferrol, Galiza e todo o Estado”.

Desde Comisións lémbrase a data “sen concesións á nostalxia nin á propia compracencia” senón “con vontade de análise crítica de reflexión para extraermos o mellor daqueles feitos e empregalo en construír o futuro, detectar as carencias e superalas en diante”.

O sindicato considera que é necesario manter viva a “mobilización do conxunto do conxunto de traballadores e traballadoras, analizando a cotío os problemas, reflexionando sobre eles e elaborando propostas con rigor e intelixencia que inclúan o diálogo social para buscar saídas acordadas.


3.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: