Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Este venres asínase

Cataluña, Euskadi e Galiza consensúan un protocolo de política lingüística

Pola súa parte, o Parlamento aprobou este mércores unha iniciativa para que o coñecemento da lingua compute como mérito á hora de optar a unha praza de habilitación estatal.

Redacción - 19:20 14/03/2007
Edificio do goberno vasco

Edificio do goberno vasco

Este xoves 15 de marzo ás 18.00 haberá unha xuntanza na sede do Executivo vasco, en Bilbo, de representantes dos gobernos vasco, catalán e galego para detallar o protocolo xeral en materia de política lingüística. Nel recóllense as pautas de colaboración destas institucións. O viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno vasco, Patxi Baztarrika, o secretario de Política Lingüística da Generalitat, Miquel Pueyo, e a secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López.

É o primeiro acordo con vontade de asentar un protocolo xeral de política lingüística subscrito entre os tres gobernos. Será asinado o venres, ás 11.00, tamén na sede do goberno vasco, por un período de tres anos, revisábel e adaptábel cada ano. Dende o goberno de Euskadi afirman o “forte compromiso” das tres entidades, o que repercute nun “pulo continuado” de políticas positivas. A definición dun marco de colaboracións estábeis e permanentes en materia lingüística permitirá intercambiar e contrastar experiencias, e impulsar proxectos e actuacións conxuntos. Malia a diferenza entre as tres realidades sociolingüísticas, o feito de compartiren experiencias e contrastaren diferentes políticas lingüísticas será beneficioso tanto para os procesos de normalización lingüística internos como para o tratamento das linguas no Estado español.

A competencia na nosa lingua computará para optar ás prazas do funcionariado

Mentres, o Parlamento galego instou hoxe á Xunta, cos votos favorables de BNG e PSdeG e a oposición do PPdeG, a que inclúa o coñecemento do idioma galego como mérito computábel no concurso de provisión de postos reservados a funcionariado de habilitación estatal, regulado no decreto da Xunta 136/1997 do 5 de xuño de 1997. Reclámase unha puntuación “apropiada á importancia que ten o galego no axeitado funcionamento da Administración Local da comunidade". A iniciativa é unha proposta non de lei do grupo nacionalista.

O deputado Xosé Ramón Paz Antón lembrou que Galiza é a única autonomía con lingua propia cuxo idioma non puntúa no baremo autonómico de méritos: Baleares e Valencia inclúen o coñecemento do catalán neste baremo, e mesmo en Euskadi e en Cataluña, a competencia nas respectivas linguas é un requirimento "indispensábel" para optar ás prazas. Con todo, a deputada do PPdeG Manuela López Besteiro defendeu o concurso aberto para que os galegos e os non orixinarios da comunidade se poidan presentar coas "mesmas facilidades" a calquera tipo de oposición pública. Propuxo unha emenda de adición para que a Secretaría Xeral de Política Lingüística promova cursos de formación 'on line' e cursos a distancia para o funcionariado que o precise.


4.57/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: