Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Contra a "marea de cemento"

Lugo maniféstase en defensa do Parque de Rosalía de Castro

Cinco bloques de edificios na máis importante zona verde da cidade están a provocar protestas. Este xoves, prevese unha multitudinaria concentración na Praza Maior. Mentres, continúa a polémica co novo auditorio.

Redacción - 11:21 22/03/2007
O actor Luís Tosar xa asinou apoiando á asociación

O actor Luís Tosar xa asinou apoiando á asociación

A asociación lucense "Non á marea de cemento!" convocou para este xoves ás 20.00 horas unha manifestación diante da Casa do Concello, para protestar pola edificación de varios bloques de vivendas ao pé do Parque de Rosalía de Castro.

O colectivo, que xa recabou máis de 10.000 sinaturas de apoio, manifesta o seu rexeitamento "á construción de cinco edificios de nove plantas nunha zona verde, porque queremos seguir vendo o río Miño dende o miradoiro do Parque". E engaden que "na nosa cidade xa se permitiron demasiadas aberracións urbanísticas e non queremos ver máis".

Apoio do goberno á edificación
Na súa web pódese ver un gráfico animado de como quedaría o espazo afectado tras a actuación urbanística, que conta co apoio do grupo de goberno municipal, presidido polo socialista Xosé Clemente López Orozco.

Os principais obxectivos que perseguen son: a preservación do espazo natural do Parque de Rosalía e o seu entorno para futuras xeracións; a conservación dos sinais de identidade turísticos e paisaxísticos que se divisan dende a Pérgola (miradoiro): o meandro do río Miño, as carballeiras e leiras do seu entorno; e a harmonización dos tres espazos máis significativos da cidade: a muralla, a zona monumental e as costas do Parque.

Polémica co auditorio

Por outra banda, López Orozco, sinalou que aínda conserva "unha pequena esperanza" sobre a localización do novo auditorio no cuartel de San Fernando, tras a reunión que mantivo o martes con directivos de Icomos, órgano consultivo da UNESCO.

O rexedor lucense impulsou este encontro en Madrid, logo de que o organismo elaborase un informe no que se avogaba pola conservación "sen alteracións" do vello cuartel. Ademais, salientaba que o proxecto a executar "afectaría moi gravemente ao ámbito visual" da muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2000.

Os directivos de Icomos-España, tras recibir as explicacións pertinentes, resolveron organizar novas reunións técnicas para un pronunciamento definitivo. De calquera xeito, habería que modificar o proxecto, para rebaixar o volume do auditorio.


3.67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: