Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Secretario Xeral saínte de Galiza Nova

Xosé Vicente: "Detectamos unha perda de actitude militante na mocidade"

Tras varios anos á fronte da organización das mocidades do BNG, Xosé Emilio Vicente Caneda, abandona esta fin de semana o seu posto. A X Asemblea Nacional elixe a súa nova Dirección.

FAA - 08:30 31/03/2007
Militantes de Galiza Nova celebran unha manifestación en Santiago

Militantes de Galiza Nova celebran unha manifestación en Santiago

Galiza Nova, organización das mocidades do BNG, organiza esta fin de semana a súa X Asemblea Nacional. Ao redor de 300 persoas acudirán á Facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela, onde está previsto que debatan e voten sobre tres cuestións claves: a situación da mocidade, a situación política -en especial, tras a fallida reforma do Estatuto-, e a situación organizativa e a súa adecuación á realidade actual.

As dúas xornadas maratonianas finalizarán o domingo ao serán, cando os asemblearios elixan a nova Dirección Nacional para os vindeiros dous anos. Nesta edición, preséntanse dúas candidaturas diferentes; unha está liderada por Iria Aboi Ferradás, membro do Comité Nacional da UMG, a outra encabézaa Macías López Igrexas, e conta nas súas listas co secretario xeral saínte, Xosé Emilio Vicente Caneda.

Como valoraría o seu paso pola Dirección Nacional?

Coido que non son eu que o debe de valorar, senón o conxunto da Asemblea. Porén, poido dicir que o momento no que entramos á Dirección Nacional de Galiza Nova é moi diferente ao actual. Agora hai responsabilidades de goberno, mentres que daquelas tiñamos que facer fronte a unha situación política dominada polo fraguismo. E a nivel estatal, en teoría, hai unha apertura social respecto a dura etapa do aznarismo.

Cal son os retos de Galiza Nova de cara ao futuro e ao presente máis inmediato?

Debemos volver reactivar á mocidade, incidindo nos seus principais problemas e no traballo social. Detéctase unha perda de actitude militante, mais non só en Galiza Nova, senón en todas as outras organizacións xuvenís. Cómpre ter en conta que hai uns anos produciuse unha resposta social moi importante respecto a temas como a LOU, o Prestige ou a Guerra de Iraq ..., que agora non hai.

Poderíase dicir que os gobernos conservadores mobilizan á sociedade ...

Lamentabelmente é así, mais hai que pensar que os motivos que levaron á mobilización popular daquelas, aínda que atenuados, seguen aí. Segue habendo problemas de carácter bélico, a castelanización do ensino avanza imparábel e as nosas costas seguen a estar desprotexidas.

Seica o cambio de goberno non se notou moito ...

Non, non, ... por aí non me vas coller. Defendemos que houbo cambios positivos, malia que tamén dicimos que non chega con isto.

Que conclusións saca Galiza Nova do proceso de reforma do Estatuto?

Precisamente, este será un dos temas a debater na Asemblea desta fin de semana, de onde sairá a nosa postura oficial. Existen dúas posturas diferentes ao respecto. Os que consideran que foi un proceso moi positivo porque, aínda que o novo Estatuto non se puido aprobar pola actual correlación de forzas existente no Parlamento, si que se conseguiu realizar un debate e expoñer claramente a condición nacional de Galiza. E por outro lado están os que afirman que se perdeu unha oportunidade moi importante para deixar clara a esencia da soberanía de Galiza, máis alá dun recoñecemento nominal.


Documentos

Ligazóns

4.42/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: