Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Promovido por cinco blogueiros

Nace Trebellos.org, o primeiro blog comercial en galego

A bitácora revisa e analiza tarecos ou aparellos electrónicos de última xeración.

Redacción - 12:40 03/04/2007
Portada de Trebellos.org

Portada de Trebellos.org

A diferenza da galaxia de blogs sobre trebellos que existe na rede, este pretende darlles un punto de vista galego, incidir na tecnoloxía que sae do país e, por suposto, empregar a nosa lingua. A redacción de Trebellos.org está composta por cinco blogueiros galegos que comparten a súa ilusión polas novas tecnoloxías e polos cacharriños electrónicos.

O promotor da idea é Andrés Milleiro, estudante pontevedrés de Enxeñaría Informática en Salamanca. O 24 de xaneiro deixou unha entrada na súa bitácora onde propoñía crear un blog de gadgets en galego, do que tamén se fixo eco Vieiros.

Oito persoas responderon a aquela convocatoria. Segundo explica Milleiro, mantivéronse en contacto a través dunha lista de correo, onde se debateu, ademais, o nome que levaría o proxecto, que ao final resultou ser Trebellos.org. Despois comezou a funcionar o blog en período de probas, até que ficaron as cinco persoas que máis se comprometeron co proxecto.

Cinco editores
Os integrantes son Xaime, autor do blog Xaime.net; Pedro Silva, responsábel de Blogaliza.org; Seve, o maqueiro do grupo, e os estudantes de Enxeñaría Informática IaRRoVaWo e Andrés Milleiro. Aínda que no primeiro día só hai entradas de dous deses autores, nos vindeiros días iranse sumando os outros tres.

Trebellos.org é o primeiro blog comercial galego, o que quere dicir que os seus editores se reparten os beneficios da web, maiormente procedentes da publicidade. A iniciativa pretende trasladar ao noso país o éxito doutras experiencias similares como Weblogs SL e Hipertextual, en lingua castelá, ou Weblogs Inc, en inglés. Andrés Milleiro confía en que Trebellos teña éxito, como aconteceu con outros proxectos na súa versión galega, caso de Menéame e Chuza!

Unha vez se comprobe a acollida que ten o blog sobre tarecos, os seus promotores xa teñen pensado reproducir a experiencia noutros eidos, para os que xa teñen reservados dominios. Será cuestión de tempo.


4,17/5 (12 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: