Case un milleiro de médicos interinos dos hospitais do Sergas están convocados á folga até o próximo venres.
Segundo a avaliación do Servizo Galego de Saúde, só deixaron de acudir ao traballo 282 do total de 890 médicos convocados ao paro esta semana. A folga foi promovida pola Asociación de Facultativos Especialistas Interinos dos Hospitais do Sergas, Afeihs, coa intención de presionar a Xunta para que se suprima a última oferta pública de emprego e se convoque outra no primeiro trimestre de 2008.
Os datos oficiais da Consellaría de Sanidade apuntan que o maior seguimento foi na provincia da Coruña, onde a folga tivo o apoio de 185 dos 367 médicos. En Pontevedra o paro foi apoiado polo 22,4%, en Ourense o 11% e en Lugo o 9,2%. Alén da folga desta semana, están previstos novos paros os días 18, 19, 20, 25, 26 e 27 de abril. De non haber acordo co Sergas, desde o venres 27 o paro seguirá de xeito indefinido.
"Esta folga podería evitarse se a administración fose máis dialogante e aberta", afirmoi para Europa Press Milagros Moldes, voceira de Afeihs. Os interinos insisten na necesidade de que se redeseñe a convocatoria cambiando os baremos e valorando máis a experiencia e as publicacións dos médicos en exercicio. Denuncian ademais que a administración debe rematar cos "contratos fraudulentos" detectados na actualidade.
Desde aquí quero expresar o meu apoio aos médicos especialistas de Galicia, que están a defender a súa dignidade a través dunha medida tan dura como é unha folga médica.
O Goberno autonómico está a perpretar a través da OPE 2006 un verdadeiro e auténtico atropelo aos médicos especialistas sen praza e por extensión a todo o colectivo.
Declárome abertamente votante do BNG, e denuncio o mal uso que está a facer este goberno do capital político que lle entreguei.
Dame vergonza que o goberno do meu país nen sequera se sente a dialogar cun colectivo médico que defende melloras laborais e dereitos colectivos.
O corpo non me pide nas vindeiras eleccións votar nen a BNG nen a PSOE, síntome decepcionado, estou defraudado. Xa non é que a acción de goberno sexa ilusionante, que non o é, senón que cando se poñen a facer algo fano mal.
O goberno do meu país maltrata aos médicos especialistas do Sistema Público de Saúde, e quero deixar claro que estou cos médicos e non cuns políticos que dan mostras dunha ineptitude tal e dun talante tan pouco dialogante que sinto vergonza de terlles votado.
Se non son capaces de arranxar esto, non se merecen a miña confianza.