A asociación ecoloxista “Salvemos Pontevedra” acusa a Telmo Martín de modificar o PXOM de Sanxenxo para salvar esta casa a cambio de “favores políticos”.
O colectivo “Salvemos Pontevedra” remitiu á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TXSG) un escrito no que denuncia a casa da Xefa do Servizo de Protección do Litoral do Ministerio de Medioambiente en Pontevedra, Cristina Paz-Curbera. Os ecoloxistas acusan ao Concello de Sanxenxo de adaptar irregularmente o PXOM para que parte da finca fose declarada zona urbanizable.
“Salvemos Pontevedra” argumenta que o Municipio de Sanxenxo reduciu o deslinde de costas para salvar a casa, facendo pasar o límite da zona na que se pode construír xusto pola fachada do chalé. O presidente da Asociación, Francisco Díaz, denuncia que esta modificación fíxose a cambio de “favores políticos”. O PXOM modificouse baixo o mandato do alcalde Telmo Martín, actual candidato do PP á alcaldía de Pontevedra.
Críticas contra Medio Ambiente
A ampliación da depuradora no río Lagares tamén é duramente criticada. Díaz considera que a actual instalación “é ilegal porque está no dominio público”. Por iso advirten que a súa ampliación -pactada entre o Concello de Vigo e a Xunta- suporía “a comisión con pleno coñecemento de causa de infraccións graves contra a Lei” e mesmo un delito de malversación pois “o destino da obra é o derrube segundo a xurisprudencia do Tribunal Supremo”.
No escrito, a Asociación arremete contra o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, a quen acusa de “incumprir, no só o Pacto, se non a legalidade vixente en materia de urbanismo e medio ambiente”. O “pacto” refírese ao compromiso de Medio Ambiente para “facilitar ao 100% toda a documentación” á Xustiza sobre temas medioambientais. Os ecoloxistas entenden que o Goberno Galego non está actuando con transparencia en asuntos como o da casa da xefa de costas, a ampliación da depuradora de Vigo e a granxa acuícola de Cabo Vilán.
”Vertidos ilegais” en Camariñas
“Salvemos Pontevedra” lembra que as obras de Cabo Vilán, que recibiron subvención da Xunta, afectan á Rede Natura. Por iso piden á Fiscalía que actúe contra a a granxa de Stolt Sea Farm, situada preto de Camariñas, por “verquidos ilegais ao mar e o uso do dominio público marítimo-terrestre sen concesión”.
A asociación advirte que o borrador do Plan Acuícola da Xunta destina 336 hectáreas do litoral a un “uso industrial prohibido”. Ante esta situación, os ecoloxistas cualifican de “falacia proteccionista” a política do Goberno sobre costas.
A Fiscalía de Medio Ambiente de Santiago abriu dilixencias informativas a raíz dos feitos resumidos na nota de prensa de Salvemos Pontevedra, segundo Díaz.
Aahahá, parece que non todos os que fan chamullos son do PP. Mira ti que listos son os "progres".