Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Aposta por políticas lingüísticas máis decididas

Nova Escola Galega alerta de que o decreto non abonda para inverter a situación

Considera a nova normativa para galeguizar o ensino é máis un conxunto de medidas paliativas ca un proceso de normalización real

Redacción - 20:46 18/04/2007

O movemento asociativo de base Nova Escola Galega vén de publicar este mesmo mércores na súa páxina electrónica un informe sobre a normalización lingüística no ensino. No mesmo analízase o último decreto aprobado polas tres forzas parlamentarias, que garante un mínimo dun 50% das materias na nosa lingua. O colectivo pedagóxico conclúe que a normativa, aínda que significa un paso adiante, non é suficiente para inverter a grave situación que sofre o galego nas escolas e institutos: “Consideramos que, para dar resposta axeitada a situación actual, analizada dende unha perspectiva global e tomando en conta os indicadores da evolución sociolingüística, serían necesarias medidas moito máis avanzadas e decididas”.

Dende Nova Escola Galega sinalan que o decreto non se pode considerar como normalizador e explica que, máis ben, ten como fin “medidas de promoción ou paliativas de déficits na aplicación da normativa anterior”. En xeral, o colectivo bota en falla medidas que favorezan o avance e consolidación dos proxectos lingüísticos dos centros educativos: “Descansar só na boa vontade pode supoñer que o avance dun curso sexa retroceso no seguinte”.

Formación do profesorado e mobilización social


Tamén se fai constar que é necesario un cambio radical na formación inicial e permanente do profesorado: “Non é posíbel que o profesorado siga saíndo das facultades sen un perfil claro de competencia lingüística e de coñecementos axeitados sobre sociolingüística aplicada ao ensino. Como tampouco se pode considerar apropiado o sistema de acceso do profesorado que non garante estes aspectos”. Tamén sinalan a contrariedade polo feito de que sexan os inspectores educativos os encargados de velar polo cumprimento do decreto despois de que este sistema demostrase que non valeu para que funcionase o decreto aínda en vigor.

A análise de Nova Escola Galega vai acompañada de indicadores sociolingüísticos dos últimos anos nos que se fai constar a curva decrecente do galego como lingua inicial e a “galopante” castelanización dos últimos quince anos. Dende o colectivo pedagóxico insisten en que o problema da normalización da lingua é “un problema de dimensións considerábeis, que precisa facerse explícito e require a adopción de decisións urxentes que mobilicen á sociedade”.


Ligazóns

4,2/5 (10 votos)


Comentarios (1)

LOIS_DE_SILAN #1 18/Abril/2007 LOIS_DE_SILAN

Descoñezo en que DOG foi publicado o decreto da Xunta da Galiza (o Parlamento non aproba decretos), que se di en varios foros relativo ó galego no ensino.
Con todo, NA GALIZA NA SÚA LINGUA TERRITORIAL COMA EN "CASTELA" NA SÚA (art.14 CE), esixe inicialmente dar as aulas en galego, sen prexuízo de atender ós discentes que non teñan a lingua territorial como usual como se atende en "Castela" ós que non teñan o castelán como usual. E isto sen prexuízo de asegurar ó longo do ensino obrigado unha suficiente competencia de uso da outra lingua oficial(mentres non se acorde substituíla por unha lingua común universal ou, polo menos, máis universal) que permita a integración, no seu caso, dos membros da Comunidade Lingüística Galega nas outras comunidades lingüísticas españolas (ou en calquera do mundo, coa lingua común universal proposta), e a integración, no seu caso, dos outros españois (ou de calquera do mundo, caso da lingua común universal) na galega.
E todo isto tamén sen prexuízo de que se podan aprender outras linguas no ensino obrigado, sobre todo mentres o castelán non é substituído por unha lingua universal común.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: