Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Suspendido un concerto que ía reunir fascistas de toda Europa

Duro golpe da policía lusa a grupos de extrema dereita do país

Detidos ao redor de trinta persoas vinculadas con organizacións de ideoloxía nazi, por presuntos delitos de discriminación racial e tenza ilícita de armas.

Redacción - 10:40 19/04/2007
A operación produciuse tres días antes da organización dun concerto 'filonazi' en Lisboa

A operación produciuse tres días antes da organización dun concerto 'filonazi' en Lisboa

Preto de trinta persoas vinculadas coa extrema-dereita, entre os que se atopan militantes e altos dirixentes do Partido Nacional Renovador (PNR), foron detidos esta corta feira nunha operación da Polícia Judiciária, por un presunto delito de discriminación racial e relixiosa e de tenza ilegal de armas.

A operación desenvolveuse en Lisboa, Porto e Braga e a noitiña continuaba aberta. Foron aprehendidas varias armas - algunhas transformadas para poderen disparar munición de calibre prohibido- e diverso material propagandístico, así como tamén os discos duros de varias computadoras.

Grupos musicais españois
A acción policial foi desencadeada tres días antes da realización en Lisboa dun concerto promovido pola Juventude Nacionalista, xa cancelado por motivos de seguridade, e que estaba previsto reunir a diversas bandas nacionais e estranxeiras. Os grupos musicais -portugueses e españois- estaban a provocar importantes protestas, debido ás referencias nazis nas letras das súas cancións.

A operación foi clasificada, no eido xudicial, como unha demostración de forza por parte das autoridades portuguesas que, deste modo, quererían transmitir a idea de que non lles será fácil aos grupos extremistas utilizaren Portugal como base para eventuais ataques raciais.

"Persecución política"
A líder de Juventude Nacionalista, Rita Vaz, sinalou este xoves ao diario Público que a acción policial desenvolvida esta corta trátase dunha "persecución política". Ademais, manifestou a súa esperanza de que este sábado se poidan reunir en Portugal os dirixentes de partidos conxéneres vidos de Alemaña, Suíza, Italia, España, Reino Unido e Bélxica.

"Os romaneses e os checos, que estaban para vir, tiveron que cancelar as viaxes", adiantou Rita Vaz, e lembrou que os partidos nacionalsocialistas na Europa, e sobre todo en Alemaña, "son albo de constantes persecucións policiais".
Un dos detidos está relacionado co proceso de tráfico de armas na Polícia de Segurança Pública.

Tamén, un dos dirixentes do PNR no Porto foi detido, e a sede do partido de extrema-dereita en Lisboa, estivo a ser rexistrado durante toda a xornada. Mário Machado, dirixente da Frente Nacional, militante do PNR e líder da organización radical Hammerskin tamén foi detido.

Dous anos de investigación
A operación policial correu a cargo da Direcção Central de Combate ao Banditismo (DCCB), da Polícia Judiciária, que puxo a traballar a un total de sesenta inspectores. No entanto, segundo adiantaron fontes policiais, as investigacións sobre as actividades dos grupos da extrema-dereita véñense desenvolvendo dende hai preto de dous anos, sobre todo no que se refire á súa organización e á súas vías de financiamento.

En 2006, outro dirixente dos Hammerskin foi detido no aeroporto de Lisboa cun quilo de cocaína, cando chegaba de Cabo Verde. A detención levou á PJ a investigar as posíbeis ligazóns entre o tráfico de drogas e outras actividades criminais co financiamento dos grupos. Tamén se interesou pola relación destes con grupos de seareiros radicais de equipos de fútbol.


4.96/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: