Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Poranse en marcha procesos de conservación

Nace o catálogo galego de especies ameazadas

Reúne 200 especies, en catro categorías: en perigo de extinción, sensíbeis á alteración do seu hábitat, vulnerábeis e de interese especial

Redacción - 18:24 19/04/2007
Un oso pardo/ Flickr: mocodragon

Un oso pardo/ Flickr: mocodragon

O consello da Xunta aprobou este xoves 19 o decreto mediante o cal se crea o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Con el quérense preservar e conservar as poboacións de fauna e flora de Galiza que se atopan en situación de risco ou vulnerabilidade. Este catálogo é un rexistro público, dependente da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no cal se inclúen aquelas especies, subespecies ou poboacións que precisen medidas de protección específicas. Materialízase nun rexistro cun tomo para cada categoría.

Este decreto inclúe 195 especies, divididas en catro categorías segundo os diferentes graos de risco. “En perigo de extinción está reservada para as poboacións cuxa supervivencia está ameazada nas condicións actuais: nesta situación hai 49 especies de flora, 8 de invertebrados, 3 de réptiles, anfibios e peixes, 13 de aves, 1 mamífero (o oso pardo). As 121 especies que restan están catalogadas como sensíbeis á alteración do seu hábitat; vulnerábeis e de interese especial.

Esta catalogación carrexará a elaboración de plans de recuperación para as especies en perigo de extinción e de conservación para as poboacións de fauna e flora vulnerábeis, e o proceso de catalogación, descatalogación e cambio de categoría dunha poboación poderá ser iniciado de oficio pola dirección xeral, cando exista información técnica que o aconselle.

Novos nomeamentos

Este mesmo xoves, en consello da Xunta, foron nomeados Begoña Santos Fernández como nova directora xeral de Xustiza,substituíndo a Julio Iglesias Redondo, e Luís Manuel Álvarez Martínez como novo delegado provincial da Consellería de Educación en Lugo, en substitución de José Rábade Arias.

Begoña Santos Fernández, nada en Lugo no 62, é licenciada en Dereito e avogada con bufete propio. Está inscrita na quenda de oficio especial do Colexio de Avogados de asistencia á vítima de violencia doméstica e xustiza de menores, e tamén dirixiu a Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados de Lugo.

Pola súa banda, Luís Manuel Álvarez Martínez, nacido no 1963 en San Juan de Prendonés, El Franco (Asturias), é licenciado en Ciencias Matemáticas e foi profesor de secundaria e tamén inspector de educación. Tamén desempeñou cargos directivos, como xefe do departamento didáctico de matemáticas, xefe de estudos e director do Instituto de Formación Profesional de Ribadeo.


4.22/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: